Fernando I de Portugal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Fernando I
FernandoI.jpg
Retrato de Fernando I.
Rei de Portugal e dos Algarves
Rei de Galiza
Reclamou asemade todos os títulos de Henrique II de Trastámara''
18 de xaneiro de 1367— 22 de outubro de 1383
PredecesorPedro I de Portugal
SucesorXoán I de Portugal

Nacemento31 de outubro de 1345
Lisboa, Reino de Portugal
Falecemento22 de outubro de 1383
Lisboa, Portugal
SepulturaConvento do Carmo, Lisboa, Portugal.
Cónxuxe/sLeonor Telles de Menezes
DescendenciaBeatriz de Portugal
ProxenitoresPedro I de Portugal
Constanza de Peñafiel

Fernando I, nado en Lisboa o 31 de outubro de 1345 e finado na mesma cidade o 22 de outubro de 1383, foi un nobre portugués, noveno rei de Portugal. Era fillo do rei Pedro I de Portugal e súa dona, a princesa Constanza de Castela. Fernando sucedeu a seu pai no ano 1367 e morreu o 22 de outubro de 1383. Foi alcumado O Fermoso ou O Belo (pola beleza física que numerosas fontes atestan) e, alternativamente, como O Inconsciente ou O Inconstante (debido á súa desastrosa política exterior que levou a tres guerras coa veciña Castela, e até ao perigo, logo da súa morte, de que o trono puidese recaer en mans estranxeiras).

Comezos do reinado[editar | editar a fonte]

O comezo do reinado de Fernando estivo marcado pola política exterior. Cando o rei Pedro I de Castela morreu asasinado sen herdeiros directos en 1369, Fernando, como bisneto de Sancho IV de Castela por vía feminina, declarouse herdeiro do trono. Outros interesados eran os reis de Aragón e Navarra, ou mesmo o duque de Lancaster, por estar casado con Constanza, a filla maior de Pedro de Castela. Entre tanto, Henrique de Trastámara, irmán bastardo e asasino de Pedro, declarárase rei.

Ese mesmo ano, a nobreza gallega, que non dá por lexítima a dinastía tratamarista do devandito rei de Castela, decide proclamar a Fernando I rei de Galicia. Malia que esta alianza non durou máis de tres meses, a corte do rei Formoso chegou a se instalar na Coruña co apoio de Nuno Freire de Andrade. Ao saber desta alianza, Henrique II convocou o seu exército e marchou sobre Galicia. Fernando I fuxiu da Coruña por mar ante o avance das tropas castelás, deixando a defensa a Freire de Andrade e a Xoán Fernández de Andeiro.

Trala derrota galega na batalla do Porto dos Bois, que pon fin a esta primeira guerra fernandina, as partes aceptan a intervención do papa Gregorio XI e en 1371 asinan o tratado de Alcoutim. Nel estipulábase o casamento do rei portugués con Leonor de Trastámara, filla do rei castelán, compromiso que sería revogado ao ano seguinte polo Tratado de Tui.

Fernando namorárase apaixonadamente de Leonor Teles de Meneses, muller dun dos seus cortesáns. Logo da rápida anulación do primeiro casamento de Leonor Teles, Fernando casa con ela. Este acto valeulle unha forte contestación interna, mais non provocou reacción por parte de Henrique de Castela, xa que Fernando tamén renunciaba aos territorios arraianos casteláns acordados en Alcoutim, e axiña desposou a filla con Carlos III de Navarra.

Administración interior[editar | editar a fonte]

Despois da sinatura da paz con Castela, dedicouse Fernando á administración do reino: mandou reparar moitos castelos e levantar outros, e ordenou a construción de novas murallas ao redor de Lisboa e do Porto. Con vistas ao desenvolvemento da agricultura promulgou a Lei das Sesmarías. Por esta lei impedíase deixar a poula as terras susceptíbeis de aproveitamento e procurábase aumentar o número de brazos dedicados á agricultura.

Durante o reinado de Fernando ampliáronse tamén as relacións mercantís co estranxeiro, como relatou o cronista Fernão Lopes sobre a presenza en Lisboa de numerosos mercadores de diversas nacionalidades. O desenvolvemento da mariña foi, por isto, moi apoiado, con varias medidas notábeis como a autorización da talla nas fragas reais para a construción de navíos a partir de certa tonelaxe, a exención total de dereitos sobre a importación de ferros e aparellos para navíos, ou a exención total de dereitos sobre a adquisición de navíos xa feitos. Moi importante, sen dúbida, foi a creación da Compañía das Naos (Companhia das Naus), na que tiñan que se rexistrar tódolos navíos, pagando unha porcentaxe das ganancias de cada viaxe para a caixa común da compañía. Servían despois estes fondos para pagar os danos de navíos que se afundisen ou sufrisen avarías.

A partir do casamento, Leonor Teles tornouse cada vez máis influente no rei, revelando a súa intervención política nas relacións exteriores, e asemade máis impopular. A isto engadíuselle a presenza e maior influencia do seu favorito, Xoán Fernández de Andeiro, o fidalgo galego premiado por Fernando I polos seus servizos aos intereses de Portugal, con honores como o condado de Ourém. Aparentemente, Fernando mostrouse incapaz de manter unha dirección forte e o ambiente político interno resentíuse diso, con intrigas constantes na corte. En 1382, polo tratado de Salvaterra de Magos, que asentaba a fin da guerra con Castela, estipulouse que a única filla lexítima de Fernando, Beatriz de Portugal, casase co rei Xoán I de Castela. Esta opción significaba a anexión futura de Portugal en Castela e non foi ben recibida pola clase media e parte da nobreza portuguesa.

Problemas sucesorios[editar | editar a fonte]

Cando Fernando morre, no 1383, a liña da dinastía de Borgoña chega á súa fin. Leonor Teles é nomeada rexente en nome da filla e de Xoán I de Castela, mais a transición non será pacífica. Respondendo aos chamamentos de gran parte dos portugueses para manter o país independente, Xoán, mestre de Avís e irmán bastardo de Fernando, declarouse rei de Portugal. O resultado foi a crise de 1383-1385, un período de interregno no que dominou o caos político e social. Xoán tornouse no primeiro rei da dinastía de Avís en 1385.

Os restos mortais de Fernando I estiveron no Convento de San Francisco de Santarém. Despois, foron trasladados para o Convento do Carmo en Lisboa.

Descendencia[editar | editar a fonte]

Fernando I de Portugal
Nacemento: 31 de outubro 1345 Falecemento: 22 de outubro 1383


Títulos Reais
Precedido por
Pedro I de Portugal


Rei de Portugal e dos Algarves
1345–1383
Sucedido  por
Crise entre 1383-1385
Beatriz (de jure)
Despois de 1385
Xoán I de Portugal
Precedido por
Pedro I de Castela


Rei de Galiza
1369–1371
Sucedido  por
Henrique de Trastámara

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Fernando_I_de_Portugal&oldid=5247088"