Festa dos Fachós

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Prendendo o Fachón para ir en procesión.

A Festa dos Fachós de Castro Caldelas celébrase o 19 de xaneiro[1] na véspera do día de san Sebastián, comeza coa caída do sol e prolóngase durante a noite. Esta celebración converteuse nunha das tradicións de culto ó lume máis representativas de Galicia[2], na liña doutros folións con fachas que aínda persisten.

Descrición[editar | editar a fonte]

[...] no Castro de Caldelas os portadores dos fachós van berrando:
Viva o San Sebastián
i o bispo, i o can...

seguido de alusiós á xente da vila. Vese que a festa tén carácter ledo e un
tanto humorístico [...]

Otero Pedrayo, Historia de Galicia, 1962.[3]

Consiste a festa nunha procesión na que se portan centos de fachos arredor do castelo de Castro Caldelas, partindo da igrexa dos Remedios e facendo un percorrido en plena escuridade tralo facho principal (de varios metros de longo), que precede a imaxe do santo, feita de palla ó igual que os fachóns.

Finaliza a procesión no adro da igrexa onde se queiman os fachos nunha gran fogueira, culminando o rito do lume purificador no medio do repenicar das campás.[4]

A Festa dos Fachós encádrase dentro dos folións de véspera xunto a outras celebracións con fachas que aínda perduran, o Folión de Fachas de Vilelos ou a Queima das Fachas de Castelo. Frecuentes no pasado na Ribeira Sacra, e tamén arredor da capela dos Remedios na cidade de Ourense, por Allariz e na Merca, igualmente outras festas de Castro Caldelas eran denominadas como folións.[5]

San Sebastián invócase contra a peste.

Historia[editar | editar a fonte]

Malia que a Festa dos Fachós é unha tradición ancestral, non se pode determinar a súa orixe con certeza. As primeiras referencias escritas das que se ten constancia son do ano 1763, sendo unha das celebracións máis antigas de Galicia.

Sobre as orixes da Festa dos Fachós de Castro Caldelas hai escritos que falan das tradicións celtas relacionadas co lume, antes de ser cristianizado e asimilado o culto a san Sebastián. O escritor ourensán Vicente Risco relaciona esta festa cos ritos celtas de culto ó sol.[6]

A cacharela.

Outra hipótese apunta ó século XVIII para referirse á orixe do ritual, cando unha peste de cólera asolou a comarca caldelá, foi daquela cando os veciños pregaron a san Sebastián e san Roque para que intercederan e rematasen coa enfermidade, facendo unha fogueira para queimar as pertenzas dos infectados.

Finalmente, outra tradición vincula a orixe da celebración á conmemoración da busca que fixeron os cristiáns para encontrar o corpo do santo a noite que foi martirizado.

As diversas hipóteses que pretenden explicar a orixe da festa desde unha óptica local teñen escasa fiabilidade histórica, porén resultan interesantes como interpretacións populares.[5] Malia incerteza da súa orixe a festa inunda a noite da vila caldelá nun ambiente especial e único.[7]

A Seitura, cadro de Mykola Pymonenko, 1889.

Elaboración dos fachós[editar | editar a fonte]

Antigamente a elaboración dos fachóns facíase coa palla da malla, que se obtiña despois de sementar o centeo e segar. Actualmente esta práctica foise perdendo ata quedar en desuso, polo que un dos inconvenientes para seguir mantendo esta tradición é a falta de palla para facer os fachóns.

No presente é o consistorio de Castro Caldelas o que se encarga de sementar cada catro anos o centeo, de segar e mallar como se facía tradicionalmente, preparando a palla e gardándoa no palleiro para as celebracións dos vindeiros anos.[6]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Festa dos Fachós no 2015.
 
Procesión cos fachós.
 
Prendendo os fachós.
 
A chourizada.
 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Castro Caldelas". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Grupo El Progreso. 2005. Sobresaen a Festa dos Fachós, o 19 de xaneiro, cos que os homes soben en procesión ata o castelo e logo fan unha cacharela, arredor da que bailan e cantan... 
  2. ~Practicaespañol, ed. (20-1-2014). "Un año más la fiesta de las antorchas de Castro Caldelas (Ourense) se preguntan por su origen: ¿cristiano o pagano?" (en castelán). Consultado o 6 de xaneiro de 2017. 
  3. Otero Pedrayo, Ramón (1962). Historia de Galicia. Buenos Aires: Akal. 
  4. La Región, ed. (20-1-2008). "Castro Caldelas honró a San Sebastián con la Festa dos Fachós" (en castelán). Consultado o 6 de xaneiro de 2017. 
  5. 5,05,1 Vázquez, Xosé Manuel (2014). Etnografía da Ribeira Sacra. ISBN 9781326093839. 
  6. 6,06,1 Lorena Rodríguez (19-1-2014). El Norte de Castilla, ed. "Los 'fachós' siguen ardiendo en Castro Caldelas 251 años después de la peste" (en castelán). Consultado o 6 de xaneiro de 2017. 
  7. El Correo Gallego, ed. (19-1-2014). "Unas 400 luminarias arden en Castro Caldelas para celebrar la tradicional y mágica 'Festa dos Fachós" (en castelán). Consultado o 6 de xaneiro de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Festa_dos_Fachós&oldid=4411083"