Fisterra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°54′21.40″N 9°15′45.79″O / 42.9059444, -9.2627194

Fisterra
Escudo de Fisterra
Fisterra, Galiza. Panorámica.jpg
Vista panorámica da vila
(Son do vento de Fisterra).
Situacion Fisterra.PNG
Situación
Xentilicio[1]fisterrán / fisterrá
Xeografía
ProvinciaProvincia da Coruña
ComarcaComarca de Fisterra
Poboación4.734 hab. (2017)
Área29,4 km²
Densidade161,02 hab./km²
Entidades de poboación4 parroquias
Política (2015)
AlcaldeJosé Marcote Suárez (PSdeG-PSOE)
ConcelleirosBNG: 2
PPdeG: 4
PSdeG-PSOE: 4
Outros: CG 1
Eleccións municipais en Fisterra
Uso do galego[2] (2011)
Galegofalantes71,21%
Na rede
www.concellofisterra.com
alcaldia@fisterra.dicoruna.es

Fisterra (do latín finis terrae 'fin da terra'[3]) é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Fisterra. Segundo o IGE en 2017 tiña 4734 habitantes (5.005 no 2009, 5009 no 2006, 5042 no 2005, 5093 no 2004, 5141 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «fisterrán».

Toponimia[editar | editar a fonte]

O topónimo ten orixe latina, de finis terrae 'fin da terra'. Antigamente pensábase que o cabo Fisterra era o punto máis occidental do mundo coñecido, ao veren as lexións romanas o afundimento do sol nas augas do océano Atlántico.

Xeografía[editar | editar a fonte]

O municipio de Fisterra é unha península que a modo de tómbolo penetra no Océano Atlántico. o seu relevo é bastante accidentado. o territorio sobre o que se asenta alcanza a máxima altitude nos montes próximos a Cee (Seoane 249 m, San Xoán 247 m, Veladoiro 241 m) e no Facho (247 m) onde descende bruscamente cara ao mar configurando esa paisaxe enérxica e ata abrupta, que singulariza o concello. Entre ambos bloques graníticos esténdese o istmo de Langosteira, formado por sedimentos cuaternarios.

Na costa sucédense grandes areais (praias do Rostro, do Mar de Afora, Langosteira, Sardiñeiro) e abruptos cantís entre os que sobresaen o Cabo da Nave, o Faro e o Monte Facho.

Clima[editar | editar a fonte]

O réxime termopluviométrico é o típico deste sector costeiro, temperaturas suaves (14,4 °C de media) e precipitacións que non superan os 1000 mm, sendo un dos enclaves menos pluviosos da costa galega.

Historia[editar | editar a fonte]

Os restos arqueolóxicos achados nas parroquias de San Martiño e San Vicente de Duio fixeron pensar na existencia dun importante asentamento lacustre que mais tarde sería romanizado. Nestas parroquias atopáronse restos do que sería a vía romana per loca maritima que conducía ata a fin da terra coñecida onde, segundo a lenda, estaría o Promontorium Nerium e o "Ara Solis" lugar de adoración ao Sol construído polos fenicios e supostamente mandado destruír polo Apóstolo Santiago, nome que mantén a praza da vila.

Desde a idade media estas terras convertéronse en término do peregrino xacobeo, que prolongaba ata aquí o seu camiño para venerar as reliquias de San Guillerme e a imaxe do Santo Cristo. O camiño de Santiago e o resultado da cristianización dun ancestral camiño pagán para ver morrer o sol no fin do mundo[Cómpre referencia]. Co fin de acoller aos numerosos peregrinos, en 1749 constrúese o Hospital de Peregrinos da nosa Señora do Rosario. Os peregrinos que fan o camiño de Santiago adoitan rematar aquí a súa viaxe.

A tradición oral mestura lendas de temática relixiosa, marítima e pétrea, como as da ermida de San Guillerme, a Orca Vella, Pedras Santas, Santo Cristo de Fisterra ou a cidade de Dugium.

En 1544 houbo unha batalla contra os franceses. En 1805 os franceses foron aliados contra os ingleses, e en 1809 distinguíronse pola resistencia contra a invasión francesa, aínda que non puideron evitar o desmantelamento do castelo de San Carlos, construído no século XVII para a defensa do porto.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Casa consistorial.

A vila de Fisterra está formada por un núcleo antigo crecido en anfiteatro sobre o peirao.

O castelo de San Carlos foi construído a mediados do século XVIII dentro dun plan defensivo da ría de Corcubión xunto co castelo do Príncipe, en Ameixenda (Cee) e o castelo do Cardeal, en Corcubión.

Deseñado polos enxeñeiros Demaur e Exaccha, en 1757 iniciouse a súa construción, co reformulamento xeral, a explanación do soar, a cimentación sobre rocha a base de pedra e barro e un tramo de muralla. Ten forma irregular para adaptarse ao terreo rochoso sobre o que está asentado.

Foi rematado en 1767, por Real Orde de Carlos III. No asalto francés a Fisterra durante a Guerra da Independencia Española sufriu un incendio que comportou a súa destrución. Ata entón contaba con tres frontes e unha nave interior coa dependencia do oficial, o cuartel e a polvoreira. Posteriormente reformouse a nave central, e foi restaurado recentemente.

Poboación[editar | editar a fonte]

Evolución da poboación de Fisterra   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017
4.708 4.994 4.838 5.322 5.093 4.995 4.990 {{{13}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)
Censo total 2014 4824 habitantes
Menores de 15 anos 566 (11.73 %)
Entre 15 e 64 anos 3122 (64.72 %)
Maiores de 65 anos 1136 (23.55 %)

Economía[editar | editar a fonte]

Fisterra, terra de gran tradición marítima, vive cara ao mar. O peirao da vila acolle boa parte da actividade económica. A frota está formada por pequenos barcos de baixura que utilizan diversas artes de pesca coma o palangre, nasas ou vetas, poxando as capturas na lonxa e xunto co turismo, xera unha demanda de servizos, avituallamento de barcos, carga e descarga, hostalaría, administración, etc., que dá ocupación a boa parte da poboación.

Os restantes sectores, a agricultura de subsistencia, a industria e construción completan o cadro económico do municipio.

Fisterra na literatura popular[editar | editar a fonte]

  • O Cristo de Finisterre/ ten unha pistola d'ouro// pra matar aos do Son/ por riba de Monte Louro [4].
  • Os de Noia son borrachos,/ os de Muros aloqueiros,/ os de Fisterra son mouros,/ e os do Son sonche bucheiros [5]
  • Santo Cristo de Fisterra,/ Santo da barba dourada,/ axúdame a remontar/ a laxe de Touriñana [6][7][8].
  • Santo Cristo de Fisterra,/ Santo da barba dourada,/ veño de tan lonxe terra,/ Santo, por che ver a cara./ Veño da Virxe da Barca,/ veño de abalar a pedra./ Tamén veño de vos ver,/ Santo Cristo de Fisterra [9].
  • Santo Cristo de Fisterra,/ ten unha pistola de ouro/ para matar os do Son/ por riba do Monte Louro [10].

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Fisterra.

Lugares de Fisterra[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Fisterra vexa: lugares de Fisterra.

Praias[editar | editar a fonte]

Praia de Mar de Fóra.

O territorio do municipio é principalmente rodeado polo mar e ofrece excelentes praias, dependendo da posición con augas fortes ou tranquilos (na sombra do cabo Fisterra).

  • Praia de Langosteira
  • Praia de Talón
  • Praia de Corbeiro
  • Praia de Arnela[11]
  • Praia do Rostro
  • Praia de Restrelo

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Fisterra

Duio (San Vicenzo) | Fisterra (Santa María) | San Martiño de Duio (San Martiño) | Sardiñeiro (San Xoán)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014. 
  3. Cabeza Quiles, F: Toponimia de Galicia. Vigo. Editorial Galaxia. 278 páx. ISBN 978-84-9865-892-1
  4. Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 192. No orixinal: d-ouro, Montelouro.
  5. Cantigas do viño. Aloque ou aloqueiro significan pantano, lameira, e, por extensión, atranco, dificultade, compromiso. Bucheiro pode significar barrigán, tripón; ou pescador de bucheiros, nome local dos muxos.
  6. Refírese á punta do cabo Touriñán, situado na parroquia do mesmo nome, no oeste do concello de Muxía.
  7. Fermín Bouza Brey 1929, 183.
  8. Lino Lema Bouzas 1993, 13. No orixinal: da Touriñana.
  9. Copla une a devoción ao Cristo de Fisterra e á Virxe da Barca.
  10. Monte Louro é lugar da parroquia de Louro, en Muros. Fermín Bouza-Brey 1929, 184. No orixinal: ôs do Son.
  11. Visor Sixpac Xunta de Galicia

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ANÓNIMO: Cantigas do viño. Edicións Castrelos, Col. O Moucho 6, Vigo 1968.
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
  • CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 1931.
  • LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazons externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Fisterra&oldid=4967953"