Francisco Asorey

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Francisco Asorey
Francisco Asorey 1914.png
Francisco Asorey González
Nacemento 4 de marzo de 1889
  Fefiñáns,Cambados, Pontevedra
Galicia Galicia
Falecemento 2 de xullo de 1961 (72 anos)
  Santiago de Compostela,
A Coruña
Galicia Galicia
Soterrado Panteón de Galegos Ilustres
Nacionalidade España
Ocupación Escultor
Coñecido/a por Monumento ó Tenente Coronel Teijeiro, Monumento ao aviador Joaquín Loriga, Monumento a San Francisco, Monumento a Curros Enríquez e Monumento a Ramón María Aller
editar datos en Wikidata ]

Francisco Hipólito Asorey González, nado en Fefiñáns, Cambados o 4 de marzo de 1889[1] e finado en Santiago de Compostela o 2 de xullo de 1961, comunmente citado como Asorey, foi un escultor galego, considerado por algúns críticos como unha das figuras mais relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX. Está soterrado no Panteón de Galegos Ilustres.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado en Fefiñáns, na mesma localidade onde nacera 13 anos antes Ramón Cabanillas, na casa onde a súa familia tiña o seu negocio de teas localizada na rúa que daquela se chamaba Rúa do Sol e é actualmente coñecida como Praza de Francisco Asorey. A casa familiar foi vendida por mor das débedas no ano 1895. Estudou no colexio dos salesianos en Sarrià (Barcelona) e logo foi como profesor de debuxo ao que tiñan en Barakaldo (Biscaia). Despois viviu uns anos en Madrid, onde entra en contacto co ambiente artístico da capital, que non lle agrada moito, alí coñece e fai moita amizade co pintor Julio Romero de Torres e empeza os seus primeiros traballos artísticos de relevancia.

Asorey ós 25 anos, á dereita, no seu estudio da Caramoniña rematando o busto do fotógrafo Enrique Guerra.[2]

En 1918 gaña por oposición a praza de escultor anatómico da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, onde se traslada definitivamente a vivir. Alí casa con Jesusa Ferreiro na década de 1920 e monta un taller de escultura na rúa Caramoniña (xunto ao convento de San Domingos de Bonaval). Deste taller saen as obras en madeira policromada tituladas "Picariña", "Naiciña", "O Tesouro", "Ofrenda a San Ramón", "San Francisco" (1ª medalla da Exposición Nacional de Bellas Artes de Madrid) ou "A Santa".

Na década de 1930 traslada o taller a Santa Clara por necesidades de espazo. Alí fixo os grandes monumentos de Loriga, Curros Enríquez, Virxe de Tanxil... A represión da guerra civil lévalle a moitos dos seus amigos (como Camilo Díaz Baliño) e el vive eses anos nun plano discreto; adáptase á nova situación e segue traballando, facendo en moitos casos obras para as autoridades franquistas co vocabulario propagandístico que se lle esixe pero tamén afronta encargos de gran calidade, como a Piedade para o Panteón do Centro Galego de Bos Aires, o monumento ao Padre Feijoo no Mosteiro de Samos, o Monumento a Ramón Aller en Lalín ou a magnífica talla en madeira do Cristo da Igrexa de Santa María de Moiá en Barcelona.

Obra (selección)[editar | editar a fonte]

Monumento a San Francisco en Santiago.
  • Monumento funerario da familia Gil-Sarabia (1922) Cemiterio de Pereiró de Vigo.
  • Naiciña (1922) Rosario, Arxentina.
  • O tesouro (1924) Familia Luca de Tena, Madrid.
  • Monumento a José F. Soage Villarino (1925) Alameda de Cangas.
  • Monumento a Vicente Carnota (1925) Parque Félix Rodríguez de la Fuente, Ordes.
  • A Santa (1926) Centro Galego de Montevideo.
  • San Francisco (1926) Museo Provincial de Lugo.
  • Monumento a García Barbón (1927) Vigo.
  • Monumento a Eduardo Cabello (1928) Alameda de Bouzas, Vigo.
  • Monumento a San Francisco (1926-1930) Santiago de Compostela.
  • Monumento ao aviador Joaquín Loriga, Lalín, Pontevedra (1933).
  • Monumento a Curros Enríquez (1934) xardíns de Méndez Núñez da Coruña.
  • Altar do Panteón do Centro Galego de Bos Aires (1944) Cemiterio da Chacarica.
  • Monumento ao Sagrado Corazón (1945) Parque de Marans, Cuntis.
  • Monumento a Manuel Barreiro Cabanelas (1946) Hospital Provincial de Pontevedra.
  • Monumento ao Padre Feijóo (1947) Mosteiro de Samos, Lugo.
  • Monumento a Manolo Quiroga (1949) Xardíns de San Fernando, Pontevedra.
  • Monumento aos Caídos (1951) Parque de San Lázaro, Ourense.
  • Monumento aos mortos na Guerra de África (1951) Praza de Galicia, Ferrol.
  • Cristo da Igrexa de Santa María de Moiá (1952) Barcelona.
  • Monumento ao alcalde López Pérez (1958) Lugo.
  • Monumento a Guillermo Álvarez Pérez (1959) Cortegada, Ourense.
  • Monumento a Ramón Cabanillas (1960) Paseo da Calzada, Cambados.
  • Monumento a Ramón María Aller (1960) Praza da Igrexa, Lalín.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Casa natal, Cambados
Monumento de Asorey a Curros Enríquez nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña
Placa na casa natal, Cambados. 
Praza de Francisco Asorey, Cambados, aparece a réplica de "Naiciña" feita polo seu discípulo, Xosé Cao Lata. 
Monumento a Eduardo Cabello en Bouzas, Vigo
A García Barbón, en Vigo. 
Monumento a Cabanelas, Pontevedra
Busto do violinista Manuel Quiroga, Pontevedra. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Partida de nacemento
  2. Imaxe publicada na revista Vida Gallega, 1914.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Francisco_Asorey&oldid=4777402"