Francisco Bejarano Fraile

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Francisco Bejarano Fraile
Nacemento25 de decembro de 1900
 Valladolid
Falecemento1981
 Ribadavia
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmédico
editar datos en Wikidata ]

Francisco Bejarano Fraile, nado en Valladolid o 25 de decembro de 1900 e finado en Ribadavia en 1981 foi un coñecido médico de Ribadavia, que destacou pola súa actividade no Partido Comunista durante a guerra civil española e durante a etapa franquista.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e primeira actividade profesional[editar | editar a fonte]

Naceu no seo dunha familia acomodada. Estudou a carreira de medicina en Valladolid, e en plenos estudos foi enviado a Marrocos (en 1922), obtendo o título en 1926. Inicialmente traballou en Málaga, e posteriormente en Aldeanueva de Guadalajara, onde fundou e presidiu o Partido Comunista local. Chegou a ter cargos no Colexio de Médicos de Guadalaxara, así como a ser Inspector Municipal de Sanidade de Guadalaxara.

Guerra Civil e Represión Franquista[editar | editar a fonte]

Ao iniciarse a sublevación militar contra o goberno da República, alistouse voluntario no Batallón Rosemberg en Sanidade, e con el estivo en diferentes frontes ata case o final da guerra, en que foi destinado ao Hospital de Guadalaxara e Adoratrices. Exerceu como capitán médico no bando republicano. Ao terminar a guerra, xa casado e con tres fillos, foi condenado á morte, da cal salvouse grazas á intervención do seu pai, notario, e que ademais coñecía a Queipo de Llano e outros xenerais. Foi indultado da pena de morte e condenado a doce anos e un día de cárcere por delito de "auxilio á rebelión". Sofreu prisión primeiro en Guadalaxara, sendo traslado en 1940 ao campo de concentración de Camposancos. De alí foi trasladado a finais de 1941, debido a unha epidemia de pulgas e chinches, para pasar a sufrir cárcere e aínda peores condicións hixiénico-sanitarias no Cárcere de Santa Isabel en Santiago de Compostela ata marzo de 1942.

A vida na prisión de Santa Isabel, con máis de mil prisioneiros políticos (e algúns comúns) era extremadamente dura, con case unha ducia de persoas morrendo diariamente por inanición e avitaminose. Bejarano fíxose cargo da enfermería como "médico recluso" tanto en Camposancos como en Santo Isabel. Tamén continuou alí o seu labor de militancia e reorganización política. Tanto das condicións hixiénico-sanitarias como do labor político faise referencia en varios libros, de entre os cales destacamos "El último guerrillero de España" de Adolfo Lucas Reguilón García (1975), onde se fai referencia expresa non só ao labor profesional de Bejarano senón tamén á súa calidade humana. Reguilón e Bejarano reencontraríanse en Ribadavia moitos anos despois.

Por intercesión do cirurxián traumatólogo Manuel Álvarez Álvarez e do Dr. Morandeira, que o coñeceu estando na prisión de Santa Isabel, conseguiron que saíse do cárcere e que fose desterrado a Cortegada, onde tiña familiares o Dr. Manuel Álvarez. Estivo en liberdade condicional ata maio de 1945.

Actividade posterior[editar | editar a fonte]

En Cortegada traballou durante sete anos como médico por libre, xa que o goberno franquista privoulle de todos os seus dereitos profesionais. Estivo sancionado economicamente ata a fin do franquismo. Posteriormente exerceu (sempre privadamente) en Castrelo de Miño durante tres anos e posteriormente en Ribadavia ata a súa xubilación.

A Galicia chega clasificado como "comunista perigoso", e así tivo que pedir durante anos salvocondutos á Garda Civil para realizar calquera desprazamento a Ourense ou a calquera outro lugar. A pesar de estar en liberdade vixiada durante anos, non perdeu oportunidade de contactar con antigos combatentes republicanos como Modesto Gil "Tacón" ou Adolfo Reguilón, con quen departiu intres e encontros en Cortegada ou Ribadavia.

Os anos en Cortegada foron difíciles para o doutor Bejarano e a súa familia (alí aumentará a familia ata sete fillos). Tiña moitos pacientes que eran da Garda Civil e dos Carabineros da próxima fronteira de Ponte Barxas, e entre estes había xente que o protexía e avisaba de cando conviña que desaparecese de casa "visitar e socorrer enfermos", e para evitar problemas cos rexistros que periodicamente realizaba "a Brigadilla" no seu domicilio; ás veces tiña que cruzar "a raia" (a fronteira con Portugal) para visitar algún "guardinha" e esperar a que pasase a "tempestade". Non só sufrían presións policiais senón tamén da Igrexa. En palabras do seu fillo Francisco Bejarano Galdino (2000):

"Todos os anos viñan os misioneiros coas Misións... e na procesión da mañá detíñanse enfronte da casa onde viviamos, que estaba na praza do pobo e a voces entoaban: "¡Fóra, fóra! ¡Comunistas! ¡Fóra, fóra da nación, que queremos ser amantes do Sagrado Corazón! ¡Levántate pecador ao rosario da Aurora!"... Logo destas arengas a comitiva renovaba a súa tenebrosa marcha rúa abaixo con cánticos relixiosos..."

Destaca así mesmo o seu labor como médico. En palabras do seu fillo Roberto Bejarano Galdino (2000):

"O seu radio de acción coas "igualadas" desde Cortegada chegaba a Ponte Barxas, Poulo, O Viso, Sande, Arnoia,... Abundaba a tuberculose, tifo e pelagra. Había pulgas nas casas e piollos nas cabezas" Pola zona de Merens, o Bao e a Barca, o río Miño pasaba á beira. No verán quedaba moita auga estancada. A xente collía o paludismo; chamábanlle "febres tercianas" Renunciou a todo por uns ideais en defensa do home, pasando horas e horas cos enfermos, picándoos ata sacalos á boia, ante miña crecente angustia porque se facía de noite e tiñamos que cruzar os montes cheos de lobos. Eu por medo dicíalle que nos quedásemos a durmir na aldea, pero el animábame e coa súa lanterna e cantando cancións metiámonos na boca do lobo. Amaba a liberdade."

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • SIMÓN LORDA, David (2010): "Médicos Ourensáns Represaliados no Franquismo. Historias da “Longa Noite de Pedra”", Santiago de Compostela: Fundación Dez de Marzo.
  • ADOLFO ALAS "REGUILÓN" GARCÍA "El último guerrillero de España" Colección Testimonios, Madrid, (1975)
  • Memoria da Liberdade, Xunta de Galicia (2006)
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Francisco_Bejarano_Fraile&oldid=5098823"