Francisco Luís Bernárdez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Francisco Luís Bernárdez
Francisco Luís Bernárdez 1922.jpg
Nacemento 5 de outubro de 1900
  Buenos Aires
Falecemento 24 de outubro de 1978
  Buenos Aires
Nacionalidade Arxentina
Relixión Igrexa católica
Ocupación poeta, escritor e diplomático
editar datos en Wikidata ]

Francisco Luís Bernárdez, nado en Buenos Aires o 5 de outubro de 1900 e finado na mesma cidade o 24 de outubro de 1978, foi un poeta e diplomático arxentino.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Retrato en Vida Gallega, 1924.

Fillo de emigrantes que procedían do Lago (Maside), sempre se declarou galego. Entre 1922 e 1925 estivo en Galicia, viviu en Vigo, onde traballou como redactor de El Pueblo Gallego e colaborou en La Zarpa, Vida Gallega, Marineda, Alfar e Ronsel. Relacionouse con Ramón María del Valle-Inclán, os irmáns Antonio e Manuel Machado, e Juan Ramón Jiménez. Leu aos poetas modernistas que o influíron nos seus primeiros libros. Tamén viviu por un breve período en Portugal.

A renovación literaria[editar | editar a fonte]

Cadro de persoal de Ronsel

Cando volveu a Arxentina en 1925, uniuse ao grupo de Florida, tamén chamado grupo Martín Fierro, unha agrupación informal de artistas de vangarda que significou unha parte importante na renovación literaria e estética arxentina durante as décadas de 1920 e de 1930. Bernárdez apoiou neste período o ultraísmo e, en xeral, as correntes europeas propias desta época.

En 1925 trabou amizade con Jorge Luis Borges, con quen recorría os arrabaldes en longas andainas.[1] Bernárdez participou da segunda época da revista Proa en las Letras y en las Artes, animada por un grupo literario integrado por Ricardo Güiraldes, Alfredo Brandán Caraffa, Pablo Rojas Paz e o propio Borges.[2]

Letras e diplomacia[editar | editar a fonte]

Roberto Arlt, Francisco Luís Bernárdez e Roberto Ledesma, en 1930.

Despois traballou no diario La Nación. Desde 1928 escribiu para a revista Criterio, na que participaron G. K. Chesterton, Baldomero Fernández Moreno, Gabriela Mistral e Jorge Luis Borges[3]. Ademais, integrou o grupo fundador do diario El Mundo.

En 1937 foi nomeado secretario público da Biblioteca Municipal «Miguel Cané» no barrio de Boedo, e fixo ingresar a Jorge Luis Borges, que traballou como auxiliar catalogador entre 1937 e 1946[1].

Xa escritor con tons netamente cristiáns, participou -con Leopoldo Marechal e o pintor Ballester Peña- en Convivio, encontro de artistas cristiáns que constituíu o marco para debater diferentes aspectos e problemas da arte.[4] Tamén participou na publicación homónima. Leopoldo Marechal e Francisco Luís Bernárdez eran moi amigos.

En 1944 foi nomeado director xeral de Cultura Intelectual na Subsecretaría Nacional de Cultura, ao tempo que Leopoldo Marechal era designado director xeral de Cultura Estética. Entre 1944 e 1950 foi director xeral de Bibliotecas Públicas Municipales. En 1945, xunto con Vicente Barbieri, Leónidas Barletta, Ricardo Molinari e Adolfo Bioy Casares, conformou o xurado que galardoou co primeiro premio de prosa da Municipalidad de Buenos Aires a obra Uno y el Universo, primeiro ensaio publicado por Ernesto Sabato.[5] En 1945 volveu a España, como agregado cultural da embaixada arxentina en Madrid. Aproveitou para contactar con Ramón Otero Pedrayo e os fundadores da Editorial Galaxia[6].

Foi ministro de Procedimientos Públicos. Catro anos despois ingresou na Academia Argentina de Letras. Despois do golpe de Estado de 1955, foi incorporado ao servizo estranxeiro da Arxentina, como embaixador en Madrid até 1960. Volveu contactar cos membros da Editorial Galaxia. Xubilouse como ministro plenipotenciario. Nos seus últimos anos quedou cego.

Francisco Luís Bernárdez e o galego[editar | editar a fonte]

Escultura de homenaxe na Insua dos Poetas.

Colaborou en galego na revista Nós. Foi un defensor apaixonado da lingua galega. Xesús Alonso Montero recolleu no seu Informe dramático sobre la lengua gallega a seguinte afirmación de Bernárdez

Por obra de un poder político que no se cansa de invocar el valor de la cultura de Occidente, uno de los idiomas más hermosos y más antiguos del extremo meridional de Europa sufre incomprensible persecución.

O seu Discurso encol do idioma galego foi publicado en 1953 por Ediciones Galicia, do Centro Gallego de Buenos Aires. En galego escribiu tamén Lembranzas de Castelao, Pimentel, Cabanillas.

Obra literaria[editar | editar a fonte]

O ton e a temática da maioría das súas obras son galegos, ademais da lingua, que usou nalgunhas composicións. En Galicia publicou tres obras poéticas: Orto (1922), Bazar (1922) e Kindergarten (1924), escritos seguindo os principios do ultraísmo. Xunto con Alcándara (1935), conectárono á era posmodernista, pero nesta última obra xa comenza a diluirse o ultraismo para aparecer pinceladas do que sería máis tarde o seu barroquismo conceptuoso e orixinal. Desde a publicación de El buque (1935), tratou temas de espiritualidade co estilo clásico de Paul Claudel e Charles Péguy. Esta nova fase está representada por traballos como Cielo de tierra (1937), La ciudad sin Laura (1938) -inspirada na súa mmuller-, Poemas elementales (1942), Poemas de carne y hueso (1943), El ruiseñor (1945), Las estrellas (1947), El ángel de la guarda (1949), Poemas nacionales (1950), La flor (1951), Tres poemas católicos (1959), Poemas de cada día (1963) e La copa de agua (1963).

Na súa madurez, a súa poesía identificouse por un ton lírico e romántico, influído polos poetas místicos, pero conservando a súa forma particular de enfocar a beleza da vida, cun canto de serena fluencia. Bernárdez é un dos escasos poetas arxentinos que asumiu o catolicismo na súa creación.

Caracterizouse pola beleza dos seus sonetos, polos seus poemas de extenso metro (foi creador dun verso de 22 sílabas), e pola súa profundidade filosófica (por exemplo, en La noche). Por exemplo a súa tradución poética dos himnos litúrxicos do Breviario Romano[4], ou o Florilegio del Cancioneiro de Vaticana.

Premios[editar | editar a fonte]

  • Premio Municipal de Poesía de Buenos Aires por El buque (1935).
  • Premio Nacional de Poesía (Argentina, 1944) polas obras Poemas elementales (1942) e Poemas de carne y hueso (1943).[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,01,1 "Un siglo de Borges" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 01 de agosto de 2010. Consultado o 10 de setembro de 2011. 
  2. Revista Proa. "Revista Proa: Historia" (en castelán). Consultado o 10 de setembro de 2011. 
  3. Revista Criterio (2009). "Quiénes somos" (en castelán). Consultado o 10 de setembro de 2011. 
  4. 4,04,1 Derisi, Octavio Nicolás (1983). "Los cursos de cultura católica". La Universidad Católica en el recuerdo: a los veinticinco años de su fundación (PDF) (en español). Buenos Aires: Universidad Católica Argentina. pp. 20–21. Consultado o 10 de setembro de 2011. 
  5. Escribirte (2011). "Uno y el universo" (en español). Consultado o 10 de setembro de 2011. 
  6. A Insua dos Poetas rinde homenaje a Francisco Luis Bernárdez
  7. Diario Registrado - Literatura Argentina (11 de marzo de 2011). "Relanzamientos de los premios nacionales" (en español). Consultado o 10 de setembro de 2011. [Ligazón morta]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Francisco_Luís_Bernárdez&oldid=4855534"