Francisco Marcos Raña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Francisco Marcos Raña
Nacemento4 de novembro de 1900
 O Carballiño
Falecemento17 de xaneiro de 1990
 Madrid
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónxornalista, escritor e político
editar datos en Wikidata ]

Francisco Tomás Marcos Raña, nado no Carballiño o 1 de novembro de 1900 e finado en Madrid o 18 de xaneiro de 1990, foi un escritor, xornalista e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Sendo aínda novo foise a Cuba cun parente e ficou alí un tempo ata que foi reclamado para cumprir o servizo militar. En 1921, xa en España, escribiu algún artigo para El Ideal Gallego da Coruña. Facendo o seu servizo militar foi destinado ao norte de África como sarxento de complemento. Desde alí escribiu tamén para El Ideal Gallego contando a súa experiencia de campo. Como dato curioso das súas colaboracións periodísticas, a revista Algo concedeulle, anos máis tarde, unha gratificación de 5 pesetas por un chiste que lles enviou.

Cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 traballaba como vendedor na sucursal de Madrid da casa Puigdengolas especializada en porcelana japonesa, estilográficas Eversharp e sobre todo botóns de nácara que venden en camiseirías; era oficial de complemento do Exército e estaba afiliado ao Partido Socialista Obrero Español. Con outros compañeiros organizou en Madrid 5 Batallóns de voluntarios de Comercio. Co último deles saíu á fronte, iniciando a súa campaña en Leganés. Na guerra civil foi capitán do Exército Republicano, confirmado a principios de 1938 polo Ministerio de Defensa Nacional con antigüidade do 31/12/1936. Máis tarde ascendeu a comandante. A súa afección literaria levouno a escribir un libro sobre a loita, que por desgraza se perdeu.

Despois da derrota da República pasou por Celanova, e cruzou clandestinamente a fronteira portuguesa refuxiándose en Lisboa primeiro e posteriormente en Estados Unidos. En xuño de 1940 chegou a Cuba -pais que xa coñecía por estar cun tio seu en Camagüey nos derradeiros anos dez do século XX-, procedente de Nova York. Deixou en España muller e un fillo (Ramón). En febreiro de 1944 foi representada no Teatro Principal de la Comedia a súa obra Home de mundo. Nos anos 50 comprou unha pequena casiña na barriada de Lawton Batista de La Habana, en cuxo patio interior tiña unha laranxeira. No ano 1955 fixo un breve viaxe a España para ver á familia.

Colaborou como cronista da Sección de Sociedades Españolas no periódico Noticias de Hoy, escribiu no semanario dominical Magazine de Hoy. O 31 de decembro de 1942 publicou o poema "A Galiza" na revista Vida Gallega. O 9 de setembro de 1944, a solicitude do Grupo Curros Enríquez, colaborou coa Junta Suprema de Unión Nacional para axudar ao pobo español, impartiu a conferencia "El espíritu de libertad y rebeldía en Curros Enríquez". Dende a súa primeira andaina (1948) foi Director Técnico da revista AutoCuba. En 1951 foi nomeado xefe do Departamento de Publicaciones da Cámara del Comercio del Automóvil de Cuba. Nos anos sesenta coñeceu a Xosé Neira Vilas, con quen colaborou na Sección Gallega do Instituto de Literatura y Lingüística.

No ano 1979 solicitou a recuperación da nacionalidade española, e en 1982 volveu a España coa súa muller, a asturiana Aurora Fernándeze González. Viviu na rua Marqués de Corbera de Madrid ata seu pasamento. Aurora voltou a Asturias onde morreu un ano mais tarde.

Obras[editar | editar a fonte]

  • El espíritu de la libertad y la rebeldía en Curros Enríquez, 1944.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Francisco_Marcos_Raña&oldid=4733424"