Francisco Tettamancy

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Francisco Tettamancy Gastón")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Francisco Tettamancy
F. TETTAMANCY en La revolución gallega de 1846 (2ª ed. 1909) (cropped).jpg
Retrato de Tettamancy na súa obra La revolución gallega de 1846.
Nome completoFrancisco Tettamancy Gastón
Nacemento10 de outubro de 1854
LugarA Coruña
Falecemento15 de maio de 1921 (66 anos)
LugarA Coruña
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpoeta
LinguaGalego e castelán
F. TETTAMANCY firma.jpg
editar datos en Wikidata ]

Francisco Tettamancy Gastón, nado na Coruña o 10 de outubro de 1854 e finado na mesma vila o 15 de maio de 1921, foi un escritor en lingua galega e castelá.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orfo de pai, tivo que emigrar de moi novo á Arxentina, aínda que segundo Carré Aldaoo cariño da nai e da terra” enseguida o traerían de volta para o berce natal.[1] Xa na Coruña entrou a traballar como administrativo ao servizo da Deputación provincial, en cuxos negociados se ocuparía o resto da súa vida, e en 1899 obtivo aínda o título de profesor mercantil na Escola Superior de Comercio da Coruña, cunha meritoria memoria de grao sobre a historia comercial da vila que estará na base dunha das súas obras máis celebrada.[2]

Parente político e íntimo amigo de Uxío Carré Aldao, participou con regularidade nos célebres faladoiros da Cova céltica, que se desenvolvían polas tardes nos locais da Libraría Rexional de Carré, nucleados, desde o seu traslado á Coruña, arredor da figura de Manuel Murguía,[3] e onde tantas iniciativas a prol do rexurdimento político e cultural de Galiza se idearon.

Fixo parte Tettamancy, así, da redacción do importante xornal rexionalista coruñés Revista Gallega,[4] que dirixía Galo Salinas, e co seu propio nome ou so pseudónimo[5] asinou artigos (tanto en prosa galega como castelá) e poesías (sempre en galego) en moitas publicacións da Coruña, de Galiza, de España e da emigración galega en América.[6] Foi vogal da asociación rexionalista Liga Gallega na Cruña,[7] e un destacado impulsor do monumento Aos Mártires da Libertade que por iniciativa desta organización se levantou en Carral.[8] En 1904 constituíu, con outros 42 socios, a Asociación de la Prensa da Coruña,[9] e foi membro fundador e numerario da primeira Academia Gallega (1905-1906), institución na que tamén se ocupou até á morte.[10]

Tettamancy (o adulto da dereita de todo) co consello de redacción da Revista Gallega.

Na sede da xa denominada Real Academia Gallega é que terá lugar no 17-18 de maio de 1916 a reunión constituínte da Hirmandá de Amigos da Fala da Coruña, primeiro xerme das Irmandades da Fala, achándose entre os asistentes á mesma Antón e Ramón Villar Ponte, Uxío Carré Aldao, Florencio Vaamonde, Manuel Lugrís Freire, Luís Porteiro Garea, Manuel Banet, F. Tettamancy e máis outros.[11] Como propagandista destas Irmandades Tettamancy participou, entre outras actividades, no histórico mitin galeguista celebrado en Lugo no 28 de xaneiro de 1917.[12]

Para Vicente Risco, que en 1929 sentaba na cadeira do coruñés na RAG, Tettamancy merecería, por esta e outras razóns, a cualificación de nacionalista galego;[13]Ricardo Carballo Calero, ao periodizar a literatura galega, incluíuno entre os diádocos autodidactas da escola cruñesa,[14] e por idade tamén se adscribiu á Xeración rexurdimentista de 1868.[15]

En lingua castelá deu ao prelo varias monografías moi ben documentadas relativas á historia de Galiza, todas elas referencia ineludíbel aínda hoxe nas súas respectivas áreas temáticas.[16]

Entre outros méritos foi correspondente da Real Academia de la Historia e da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, e condecorado por outras varias institucións.

Personaxe moi apreciado no ambiente cultural do seu tempo, o enterro de Francisco Tettamancy constituíu unha extraordinaria manifestación de dó cidadán,[17] e en 1962 a cámara municipal coruñesa outorgaría o seu nome a unha rúa do popular barrio dos Mallos.

Obras en lingua galega[editar | editar a fonte]

De pé, de esquerda a dereita, Uxío Carré Aldao, Florencio Vaamonde, Francisco Tettamancy e Eladio Rodríguez González. Sentados, José Ogea, Manuel Murguía, Manuel Curros Enríquez e Andrés Martínez Salazar, na Coruña, en outubro de 1904.

Ademais de artigos e poemas na prensa, Tettamancy publicou en galego varios libros de poesía e ensaio:

  • Enredadas. Poesías (1902): Libreiría Rexional de Euxenio Carré, A Cruña.
  • O castro de Cañás; Diego de Samboulo (Leenda histórica). Poemetos (1903): Libreiría Rexional de Euxenio Carré, A Cruña – Tipografía de Xan A. Menéndez, Lugo.
  • Boicentril. O druidismo e o celtismo gallegos. A Epopeya irlandesa (1912): Imprensa e Fotograbado de Ferrer, A Cruña.
  • Víctor Said Armesto (Traballo leído na noite do 3 de agosto de 1917, con motivo do homenaxe consagrado pol-a “Irmandade da Fala” na Cruña para honral-a memoria de tan ilustre escritor. C’unha folla de Murguía, e un colofón de Carré Aldao) (1917): Imprenta Obreira, A Cruña.
  • O castro de Cañás (Boicentril) (1919): 2ª ed. corr. e aum., en ¡Terra a nosa! Supremento de El Noroeste (20/2/1919), vol. 2, A Cruña.

Obras en lingua castelá[editar | editar a fonte]

En español publicou, ademais de artigos xornalísticos, varias monografías históricas sobre temas galegos:

  • Apuntes para la historia comercial de La Coruña (1900): Tipografía El Noroeste de J. Fdez. García – Librería Regional de E. Carré Aldao, La Coruña.
  • La revolución gallega de 1846 (1908): Librería Regional de E. Carré, La Coruña.
  • Britanos y galos (Páginas de la Guerra de la Independencia) 1808-1809 (1910): Imprenta y Fotograbado de Ferrer, La Coruña.
  • Batallón Literario de Santiago: Diario de campaña (años 1808 al 1812) (1910): Imprenta y Fotograbado de Ferrer, La Coruña.
  • Los Mártires de Carral (1912): Imprenta y Fotograbado de Ferrer, La Coruña.
  • La torre del homenaje del castillo de Villalba (1913): Imprenta y Fotograbado de Ferrer, La Coruña.
  • La torre de Hércules. Impresiones acerca de este antiquísimo faro bajo su aspecto histórico y arqueológico (1920): Litografía e Imprenta Roel, La Coruña.

Non chegou a publicar completa unha outra monografía, Rianjo-Altamira, da que adiantou varios capítulos en diferentes xornais.[18]

Galería[editar | editar a fonte]

Biblioteca virtual
1902. Enredadas
1910. Britanos y galos, 1808-1809
1912. Los mártires de Carral
1917. Víctor Said Armesto
1920. La torre de Hércules 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Carré Aldao 1921, p. 251.
  2. Apuntes para la historia comercial de La Coruña (1900).
  3. () Cantas veces tiña él (Víctor Said Armesto) a ocasión de visital-a nosa leda Cruña, parece que se gozaba en parolar con grande agarimo —concedéndolles especial preferencia— c’os seus íntimos, cales foran o noso escelso Murguía, e aqueles outros poucos amigos, de enxebreza acreditada, que tiñan en ben se axuntaren á cotío na que, uns cantos tan imbéciles como cobizosos, deran en alcumar A Cova Céltica (Libreiría do cultísimo Euxenio Carré Aldao en malhora desaparecida) e, abofellas, que do tal alcume, querendo facere un chiste trocouse en honrosísima gabanza; cantas veces, repitirei, congregados n-esa Cova, na que se aspiraba unha solencia de rescendente cultura e de enxebrismo gallego, somellando á os Celtas cando celebraban seus ritos relixiosos, Víctor Said, actuando, por veces, de gran sacerdote, co a sua substanciosa erudición nos falaba d’aqueles tempos millores e patriarcals e da sua futura labor literaria que tiña entre das mans (); Tettamancy: Víctor Said Armesto (1917: 12-14).
  4. Carballo Calero 1975, p. 426; Máiz 1984, p: 171; DLG II 1997, p. 421.
  5. Entre os que Fuco de Tabeayo é talvez o máis coñecido; Loxo 2012, p. 10.
  6. Ademais da Revista Gallega, e referíndose con exclusividade a escritos en lingua galega, o DLG II (1997) cita a colaboración de F. Tettamancy en máis dunha ducia de publicacións periódicas (A Nosa Terra, Coruña Moderna, El Eco de Mugía, Vida Gallega, Almanaque Gallego…).
  7. Revista Gallega 148 (9/1/1898: 5); Máiz 1984:, p. 178.
  8. Ver Tettamancy: La revolución gallega de 1846 1908, p: 381-395 e Tettamancy: Los mártires de Carral 1912, p: 11-14; Loxo 2012, p: 10.
  9. Asociación de la Prensa. Libro de socios, ms. (1904: 1-2). Tettamancy figura inscrito co número 19 entre os 42 xornalistas fundadores (número axiña ampliado até os 100); ademais da redacción da Revista Gallega, inscribíuse toda a xunta directiva, naquela altura, da Liga Gallega na Cruña; cfr. Máiz 1984, p. 201.
  10. Tettamancy: “El almirante gallego D. Enrique Reynaldo Macdonell y de Gondé”, Boletín de la Real Academia Gallega 139, t. XII (1921), p: 263-265, artigo datado no 3 de mayo 1921.
  11. Carballo Calero 1975, p. 571; DLG IV 2004, p. 432.
  12. “Lugo-Cruña-Monforte-Vilalba. Unha xornada groriosa e patriótica. Galicia pol-a vez primeira fala c’oa sua lingua”, A Nosa Terra 9 (6/2/1917: 1-3); pódese ver con relación, Ledo 1982, p: 100-101.
  13. () Tettamancy era, craro está despóis do que vai dito, nazonalista galego. Era dos bos e xenerosos. Prendera n-il hai tempo a ideia salvadora, e atopouse antr’os fundadores da Irmandade da Fala, réprica galega da Liga Gaélica irlandesa, e asina axudou a dar nacencia e prestou colaboración despóis, ô mais poderoso movemento que na nosa Terra se ten producido pra espertal-a concencia histórica e social, recramal-os direitos inalienábeles de todo pobo, e crear unha cultura racial. Movemento ô que ninguén pode dubidar que se debe a autual renacencia literaria e científica de Galiza, pol-o qual a data do 18 de maio do 1916 ha quedar pra sempre com’a data inicial d’unha nova era groriosa na nosa historia. (); Risco 1971, p. 7.
  14. Carballo Calero 1975, p. 437.
  15. DLG I 1995, p: 572.
  16. Loxo 2012, p. 11.
  17. La Voz de Galicia 12977 (17/5/1921: 1); El Ideal Gallego 1261 (17/5/1921: 1); Loxo 2012, p. 12.
  18. Couceiro Freijomil 1953, p. 407-408.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Francisco_Tettamancy&oldid=4671420"