George Marshall

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
George Marshall
Nobel prize medal.svg
General George C. Marshall, official military photo, 1946.JPEG
Nome completoGeorge Catlett Marshall
Nacemento31 de decembro de 1880
 Uniontown
Falecemento16 de outubro de 1959
 Cidade de Washington
SoterradoCemiterio Nacional de Arlington
NacionalidadeEstados Unidos de América
RelixiónIgrexa episcopal nos Estados Unidos e Apostasy in Christianity
Educado enVirginia Military Institute e United States Army Command and General Staff College
Ocupaciónpolítico, diplomático, oficial e xogador de fútbol americano
CónxuxeElizabeth Carter Coles Marshall e Katherine Boyce Tupper Brown Marshall
PremiosPremio Carlomagno, Premio Nobel da Paz, Knight Grand Cross of the Order of the Bath, Grand Cross of the Order of Wissam El Alaouite, Estrela de Prata, Order of Suvorov, 1st class, Medalha de Serviço Distinto, Médaille Interalliée 1914–1918, American Defense Service Medal, American Campaign Medal, Medalha de Vitória da Segunda Guerra Mundial, National Defense Service Medal, Grand Cross of the Legion of Honour, Grand Cross of the Order of George I, Grand Officer of the Order of Saints Maurice and Lazarus, grand officer of the Order of the Crown of Italy, Grand Cross of the Order of Orange-Nassau, Medalla de Ouro do Congreso dos Estados Unidos de América e Grand Officer of the Order of the Sun of Peru‎
George C Marshall Signature.svg
editar datos en Wikidata ]

George Catlett Marshal, nado en Uniontown (Pensilvania) o 31 de decembro de 1880 e finado en Washington, D.C. o 16 de outubro de 1959, foi un militar e político estadounidense, xefe do Estado Maior do Exército durante a segunda guerra mundial e Secretario de Estado norteamericano.[1] En 1953 foi galardoado co Premio Nobel da Paz grazas ao desenvolvemento do Plan Marshall, un plan de axuda económica para 18 países europeos devastados pola guerra.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mocidade e estudos[editar | editar a fonte]

George Marshall naceu o 31 de decembro de 1880 na pequena cidade de Uniontown, no estado norteamericano de Pensilvania, nunha familia de clase alta. Foi educado no Instituto Militar de Virxinia, e despois de graduarse alistouse no Exército dos Estados Unidos.

Ao entrar no instituto militar de Virxinia, Marshall sufriu prexuízos polo seu característico acento do norte e tivo que demostrarse a si mesmo e aos demais o seu potencial. Neste lugar foi onde aprendeu e desenvolveu habilidades como autocontrol, disciplina, e ciencias militares. Logo de graduarse Marshall insistiu en ter un lugar no exército e xurdiu a anécdota de que Marshall tomara a decisión de ir ata Washington sen cita previa a falar co presidente William McKinley. Non se sabe se isto deu resultados, mais o 4 de xaneiro de 1902 xa ocupaba o cargo de subtenente do exército dos Estados Unidos. Nove días máis tarde casou con Elizabeth "Lily" Carter Coles.

De maio de 1902 a novembro de 1903 serviu no rexemento de infantaría nas illas Filipinas.

De decembro de 1903 a agosto de 1906: a súa seguinte misión foi no forte Reno, Oklahoma.

Graduouse primeiro na súa clase na Escola Superior do Persoal do Exército en 1908, en Fort Leavenworth, Kansas; e foi ascendido a Primeiro Tenente.

O mozo oficial distinguiuse nunha variedade de postos nos seguintes nove anos, polo que gañou un lugar no Estado Maior, na primeira guerra mundial

Carreira militar[editar | editar a fonte]

Durante a primeira guerra mundial serviu como planificador dos adestramentos e das operacións. En 1917 foi trasladado a Francia, onde se ocupou da planificación das operacións da Primeira División de Infantaría. En 1918 foi trasladado ao cuartel xeral do exército dende onde planificou e coordinou unha das operacións máis importantes da Guerra e que permitiron a derrota do exército alemán na fronte occidental: a ofensiva de Argonne.

A partir de 1920, sendo axudante do xefe de persoal do exército John J. Pershing, Marshall foi encomendado a reordenar os adestramentos do exército así como o ensino de novas e antigas técnicas militares. En 1934 foi nomeado coronel, para converterse en xeneral en 1936. En 1939 Franklin D. Roosevelt nomeouno Xefe do Estado Maior do Departamento de Guerra, cargo que desempeñou ata 1945.

Durante a segunda guerra mundial, Marshall reordenou a estrutura do exército de terra e do aire, dotándoos dunha visión máis moderna, e preparándoos para entrar en combate. Deseñou a estratexia central de todas as operacións aliadas en Europa, seleccionou a Dwight Eisenhower como comandante supremo do exército aliado en Europa, e deseñou a Operación Overlord, que serviu para a invasión de Normandía. Winston Churchill chamouno o organizador da vitoria aliada, e foi nomeado en 1944 home do ano pola revista Time. Marshall, despois da vitoria dos aliados, retirouse do exército en 1945.

Carreira política[editar | editar a fonte]

Primeira páxina do plan Marshall

Despois da segunda guerra mundial foi enviado á China para negociar unha tregua e construír un goberno de coalición entre os nacionalistas e os comunistas que loitaban nunha guerra civil. A súa mediación non tivo efecto e en 1947 abandonou a China para volver aos Estados Unidos.

Aquel mesmo ano foi nomeado Secretario de Estado, preparando dende o primeiro momento un plan para a recuperación económica europea, unha economía que quedara devastada como consecuencia da segunda guerra mundial. Este plan de recuperación europea, coñecido como Plan Marshall, axudou economicamente a dezaseis países europeos, todos eles aliados, e conseguiu que a revista Time o volvese nomear Home do ano en 1948. Como Secretario de Estado, opúxose ao recoñecemento do Estado de Israel, en contra da opinión do presidente Harry S. Truman. Este enfrontamento provocou a súa dimisión en 1949, sendo nomeado en 1950 Secretario de Defensa, posto ao que renunciou en 1951, despois de ter diversas disputas co senador Joseph McCarthy. Posteriormente foi nomeado presidente da sección norteamericana da Cruz Vermella.

En 1953 foi galardoado co Premio Nobel da Paz pola súa axuda á reconstrución europea despois da segunda guerra mundial co Plan Marshall.

Andrei Gromiko, representante da Unión Soviética nas Nacións Unidas entre 1946 e 1948 e posterior Ministro de Asuntos Exteriores, dixo en 1988 sobre George Marshall:

George Marshall foi un militar influente e unha personaxe pública durante a guerra. Nomeado xefe do Estado Maior en 1939, durante o período comprendido entre 1939 e 1945 tivo ao seu mando as forzas estadounidenses de desembarco e adoitaba entrevistarme con el durante as súas curtas viaxes dende Europa. Pode deducirse a importancia de Marshall se se ten en conta que foi incluído nos traballos das conferencias de Teherán, Ialta e Potsdam e a Administración contou tamén con el despois da guerra. Porén, como Secretario de Estado de 1947 a 1949, deu nome ao plan que tiña por obxecto levar a doutrina de Truman a Alemaña Occidental e outros países de Europa Occidental, cuxo propósito era consolidar o capitalismo e impedir que se producise un progresivo cambio social. Máis tarde, Marshall foi partidario da creación da OTAN e terminou a súa carreira como Secretario de Defensa. A George Marshall sentáballe igualmente ben o chaqué de diplomático e o uniforme militar.
Andrei Gromiko, Memorias (1988) páx. 73[2]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=George_Marshall&oldid=4967876"