Germán Vidal Barreiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Germán Vidal Barreiro
Nacemento9 de outubro de 1892
 Noia
Falecemento13 de maio de 1960
 Concepción, Chile
NacionalidadeEspaña
Educado enUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónavogado e político
editar datos en Wikidata ]

Germán Vidal Barreiro, nado en Noia o 9 de outubro de 1892 e finado en Concepción (Chile) o 13 de maio de 1960, foi un avogado e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Germán Vidal Reino, rexistrador da propiedade, realizou os estudos primarios e secundarios na vila de Noia. Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. A mediados dos anos vinte incorporouse á vida política noiesa, simpatizante de José Calvo Sotelo, con quen mantivo estreita relación personal, foi nomeado concelleiro de Noia. Foi elixido alcalde de Noia o 16 de abril de 1930[1]. Integrado na Unión Monárquica Nacional presentouse ás eleccións municipais de 1931. Coa proclamación da Segunda República o 19 de abril de 1931, a Xunta Republicana, presidida por Santiago Peiteado Valls, recibiu a orde da darlle posesión do seu cargo aos concelleiros electos o 12 de abril. No acto as diferenzas entre os concelleiros foron tantas que se impugnaron as votacións, volvendo realizarse eleccións o 31 de maio, nas que saiu elixido alcalde Germán Vidal Barreiro. Manifestou o seu apoio ao novo réxime e integrouse no Partido Radical, mantendo unha intensa relación política e de amizade con Xerardo Abad Conde. Despois achegouse ao republicanismo progresista de Santiago Casares Quiroga, sendo elixido membro do Comité executivo provincial do Partido Republicano Gallego en marzo de 1933[2], e rematou en Izquierda Republicana. Tiña unha íntima amizade co deputado coruñés Emilio González López, ao que acompañou en varias campañas electorais.

Coa formación do Frente Popular participou activamente da campaña electoral. Co triunfo da coalición de esquerdas foi nomeado Gobernador civil da provincia de Ciudad Real o 2 de xuño de 1936. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 tivo que enfrontarse aos falanxistas alzados de Ciudad Real. A súa primeira medida foi convocar urxentemente aos principais líderes políticos e sindicais no goberno civil. Co apoio de todas as forzas políticas e despois de entrevistarse co Coronel Salafranca que lle asegurou a súa lealdade á república, e de reuniuse coa Garda Civil, que garantiu a subordinación da súa forza, organizou unha columna de milicianos para defender a provincia. Marchou á fronte da columna co deputado Sainz e varios elementos do comité do Fronte Popular. Aos poucos días a columna tivo que regresar. Faltáballe experiencia militar.

En outubro de 1936 foi destinado a outra función dentro do goberno republicano. Co remate da Guerra Civil, logrou saír exiliado rumbo a Chile. Naquel país reagrupouse a familia e estableceuse definitivamente.

En Chile comezou un labor antifranquista participando das distintas actividades do exilio. Foi presidente do Centro Republicano e un dos animadores fundamentais da colectividade galega. A partir de 1939 foron chegando por intermediación de Pablo Neruda varios centenares de exiliados españois. Tamén se radicaron por outras vías exiliados que anteriormente intentaran mellor sorte noutros países.

Ao chegar Castelao a Buenos Aires comeza a reorganizar ós galeguistas e púxose en contacto con Vidal para que colaborase nunha política unitaria antifranquista. A fines de 1944, Rodolfo Prada realizou unha xira por Latinoamérica co obxectivo de organizar as Irmandades Galegas e os Grupos Galeuzca. A súa primeira escala foi Santiago de Chile, onde o esperaban Germán Vidal, Ramón Suárez Picallo e Celso Garrido. Organizouse con galegos, cataláns e vascos a sección de Galeuzca en Chile. A primeira iniciativa foi facer unha homenaxe a Lluís Companys, ao cumprirse o cuarto aniversario do seu fusilamento.

En outubro de 1946 recibe a visita dunha Embaixada Oficial do Goberno Republicano no exilio, que viña á asunción do novo Presidente dese país, González Videla. Ao rematar os actos protocolares oficiais, a delegación republicana obsequiou cun xantar ás delegacións estranxeiras amigas que contou coa presenza de Pablo Neruda, rematando o acto Germán Vidal, Presidente do Centro Republicano.

Vidal, Picallo e Manuel Celso Garrido conseguiron consolidar nos anos cincuenta un grupo galeguista-republicano na colectividade galega de Chile. Vidal presidía o Centro Republicano, Picallo era membro do Consello de Galicia e Garrido era o delegado en Chile do Goberno galego no exilio.

Germán Vidal (co pseudónimo de" Felipe de Castro") e Ramón Suárez Picallo emitiron un programa radial denominado Galicia en el Aire todos os días de 12,30 a 13 horas pola famosa emisora La Americana.


Predecesor:
Arturo García Rudiño
 Noia.gif
Alcalde de Noia
 
1930 - 1936
Sucesor:
?

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou en 1924 con Eladia Pereira Miranda[3].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Compostelano, 18-4-1930, p. 3.
  2. El Pueblo Gallego 15-3-1933, p. 5.
  3. El Compostelano, 11-2-1924, p. 1.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Germán_Vidal_Barreiro&oldid=4683180"