Herba moura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Herba moura
Autor/aTeresa Moure
ColecciónNarrativa
EditorialEdicións Xerais de Galicia
Data de pub.2005
Páxinas448
ISBNISBN 978-84-9782-347-0

Herba Moura é unha novela escrita pola autora galega Teresa Moure. A recepción por parte da crítica foi, en xeral, moi positiva pois a obra recibiu numerosos premios e aclamacións. A propia autora tivo moitas aparicións en medios de comunicación e entrevistas nas que se gaba o seu traballo. Foi publicada no ano 2005 por Edicións Xerais de Galicia en Vigo. A obra está formada por catro capítulos principais conformados, a súa vez, por seleccións de cartas, diarios e poemas escritos por ela mesma.

Argumento[editar | editar a fonte]

Esta novela trata de tres mulleres, a raíña Cristina de Suecia e Hélène Jans, cuxas vidas son contadas por Einés Andrade, un personaxe contemporáneo que decide escribir a súa tese doutoral sobre estas dúas mulleres que teñen en común o seu amorío co filósofo René Descartes.

Personaxes[editar | editar a fonte]

Christina de Suecia

Herdou o trono de Suecia trala morte do seu pai aínda sendo adolescente. Recibiu a educación necesaria para reinar un pouco máis adiante. Desde que foi coroada raíña, rexeitou a idea de ter fillos, aínda que supuxera cortar a liña de descendentes para o trono. Recibiu moitas presións por parte dos conselleiros e gramáticos que a educaron. Aínda así, seguía firme na súa opinión. Christina sempre se interesou polo coñecemento xeral e pola filosofía e acostumaba a invitar estudosos e intelectuais á corte. Un destes invitados foi René Descartes, que acudiu a Estocolmo coa esperanza de que a coroa sueca respaldase os seus estudos. En Suecia, a raíña se reunía co filósofo moi cedo polas mañás, o que alteraba moito a rutina de Descartes. Christina comezou a namorarse do filósofo mais nunca llo fixo saber. Descartes sentía algo parecido por Christina. A consideraba unha muller moi atractiva mais non tanto desde o punto de vista físico senón desde o intelectual. Tiña algo que a facía moi interesante para el. Descartes contraeu unha enfermidade que en poucos días acabou coa súa vida. Christina, lamentándose de non haber podido confesar os seus sentimentos, decidiu acabar co seu reinado e abdicou en favor do seu primo e marchou de Suecia para viaxar por toda Europa. Morreu en Roma, o lugar onde se estableceu por última vez.

Hélène Jans

Era unha sandadora e meiga que residía en Ámsterdam. Estaba axudando a unha muller a ter un fillo e non paraba de repetirlle que gardase as forzas para cando chegara o momento de parir. Mentres tanto, para distraela, Hélène lle contou a historia da súa filla. Ela vivía nunha casa na que servía como criada. Ocupábase de diversas tarefas do fogar e no seu tempo libre gustáballe ler. Os señores da casa acostumaban a ter invitados, e unha destas persoas foi o filósofo René Descartes. Este propuxo que os xoves se fixeran reunións na casa nas que todas as persoas que alí vivían puideran expoñer os seus puntos de vista sobre temas filosóficos e demais. Hélène foi collendo o gusto á filosofía e comezou a traballar pola súa conta nun dos temas expostos nas reunións, o dunha lingua universal. Descartes interesouse nas ideas de Hélène e traballaron xuntos na creación dunha lingua global. O interese de Descartes foi máis alá do filosófico e comezaron unha relación amorosa da que naceu unha nena, chamada Francine, moi querida polos seus pais. A pequena Francine morreu aos cinco anos de idade e deixou un baleiro enorme, imposible de encher de novo, nin para Hélène nin para Descartes.

Elas, das que tanto se fala

Tras abdicar, Christina fixo unha parada en Ámsterdam para visitar o antigo amor de René Descartes, Hélène. A que foi raíña dunha potencia europea e unha das nacións máis avanzadas da época encontrábase na casa dunha meiga para darlle uns papeis que lle pertencían. Estiveron falando e rindo durante horas, chorando ás veces e recordando o que sentiron polo filósofo e o que significou para as súas vidas. Tralo encontro, Christina marchou e viaxou por toda Europa e mantivo o contacto con Hélène por carta. Nelas, tentábaa convencer para retomar o seu traballo e construír unha lingua universal coa que todas as nacións puideran entenderse. Hélène repetía que non quería facer iso senón ser ela mesma e axudar ás mulleres que o necesitaran coas súas receitas e herbas.

Einés Andrade

Esta rapaza procede dunha casa na que vivían mulleres soamente, a súa nai, as súas tías e a bisavoa. Non sabe nada do seu pai xa que ela naceu froito dunha violación por parte dun home que crían que era un funcionario. A súa tía dedicábase a cociñar doces e Livia, a súa nai, foi expulsada da Sección Femenina. A bisavoa marchou a principios do século XX para Cuba onde coñeceu o seu marido co que tivo catro fillos, dous homes e dúas mulleres. Cando volveu a Galiza, integrouse na loita obreira e tivo que esconderse cando estalou a Guerra civil española. Deixou a súa filla pequena coa súa outra filla. A nena morreu e os seus fillos tamén. A primeira dunha enfermidade e os fillos combatendo. Trala guerra viviu coa única filla que lle quedaba. Einés ten vinte e sete anos e está a facer a súa tese doutoral e mantén correspondencia habitualmente co seu titor. A tese vai sobre Descartes e as súas ideas mais ela considera moito máis interesante a información que se poida extraer das mulleres que formaron parte da vida do filósofo, tanto Hélène como Christina de Suecia aínda que o profesor que leva a súa tese non o vexa moi claro.

Estilo[editar | editar a fonte]

A obra está constituída en forma de patchwork ou “mosaico” a base de cartas, receitarios e diarios cos que a autora vai construíndo a novela.[1]

Estilos utilizados
Receitas 14
Cancións 2
Fragmentos de ensaio 6
Cartas 17
Esconxuros 3
Diarios (poesía) 11
Diarios (prosa) 5
Artigos 1

Temática[editar | editar a fonte]

"Lo que yo pretendía era escribir una historia de las mujeres desde un punto de vista alternativo al de la versión oficial que nos contaron, donde como estaban recluidas en sus casas y alejadas del dominio público, simplemente no existían."[1] O que pretende a autora é facer protagonistas ás mulleres e non a Descartes aínda que a relación entre as tres sexa o filósofo. De feito, na novela, o nome de Descartes non aparece até case as cen páxinas.

Premios[editar | editar a fonte]

Traducións[editar | editar a fonte]

  • Foi traducida ao castelán en 2006 pola propia autora e publicada en Random House Mondadori, Lumen co título de Hierba mora.[2]
  • Ao catalán en 2006 por Pere Comellas Casanova e publicada en La Campana Editorial co título de Herba d'enamorar.[3]
  • Ao portugués en 2007 por Jorge Fallorca e publicada por Editorial Difel co título de Erva-do-diabo.[4]
  • Ao neerlandés en 2008 por Dorothea ter Horst e publicada por Signatuur co título de Nachtschade. [5]
  • Ao italiano en 2008 por Roberta Bovaia e publicada por Corbaccio co título de Le tre donne di Cartesio. [6]
  • Ao serbio en 2008 por Danijela Pejcic e publicada por Ed. Mono i manjana co título de Trava za zaljubljivanje.[7]
  • Ao inglés en 2018 por Philip Krummrich e publicada por Small Stations Press co título de Black Nightshade.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,01,1 "Entrevista a Teresa Moure". librosyliteratura.es (en castelán). 14/6/2010. 
  2. "Hierba mora". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-08. 
  3. "Herba d'enamorar". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-08. 
  4. "Erva-do-diabo". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-08. 
  5. "Nachtschade". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-08. 
  6. "Le tre donne di Cartesio". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-08. 
  7. "Trava za zaljubljivanje". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-08. 
  8. "Black Nightshade". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-08. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Herba_moura&oldid=5192516"