Honra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mosaico do Panteón de Homes Ilustres de Madrid (España), que resalta a honra (honor) como virtude exemplificada nas vidas das persoas alá sepultas.
"Pebeteiro" cunha chama que arde en "honra a todos os que deron a súa vida por España". Madrid, Praza da Lealdade.

A honra[1] é un concepto con diversas valencias, segundo se tome nunha acepción subxectiva (o que un sente como a súa propia honra) ou na súa acepción social, como elemento que entra en xogo nas relacións sociais en moitas civilizacións.

Implica a aceptación persoal e a construción no imaxinario social, e mesmo na superestructura xurídica, dunha calidade moral vinculada ao deber, á virtude, ao mérito, ao heroísmo; que transcende ao ámbito familiar, da descendencia (o sangue e a caste) e da conduta sexual (especialmente á das mulleres dependentes); que se reflicte na opinión, a fama ou a gloria e en diferentes cerimonias de recoñecemento público; e que produce recompensas materiais ou dignidades, como cargos, empregos, rendas, patrimonios, herdanzas etc. Especificamente cumpriu esa función durante un gran período da historia da civilización occidental, con conceptos precedentes na Antigüidade clásica grecorromana e nos pobos xermánicos, chegando a unha alta codificación desde a conformación do feudalismo de Europa Occidental na Idade Media. Continuou operante nas sociedades de Antigo Réxime (a Idade Moderna en Francia, España etc.) mentres a nobreza seguiu sendo clase dominante na sociedade estamental. O concepto perviviu en formacións sociais históricas que se converten en sociedades de clase ou burguesas (Inglaterra) durante a Idade Contemporánea; pero a súa función é xa outra, esaxerando os seus extremos máis románticos (por exemplo, o duelo, que ten a súa idade de ouro no século XIX).

Xa no período histórico do Antigo Réxime, a honra observada até o extremo levaba até o ridículo (como exemplifica Cervantes en Don Quixote), mentres outros o tomaban completamente en serio aínda que puxesen en cuestión os seus límites, expondo a crítica o concepto socialmente aceptado que as elites intelectuais ven como unha rémora a refugar (dramas de honra de Pedro Calderón de la Barca e Guillén de Castro).

Na actualidade, o dereito á honra, asociado a outros dereitos, como os relativos á propia imaxe e á intimidade persoal e familiar (incluíndo o dereito á protección de datos), e sobre todo ao concepto de dignidade humana, é obxecto de protección xurídica tanto nas distintas lexislacións nacionais como na Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Honra&oldid=4344838"