Illa Guidoiro Areoso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Vista do illote.

A Illa do Guidoiro Areoso é un illote galego situado no interior da Ría de Arousa a 1,4 quilómetros ao oeste da Illa de Arousa, illa e concello da Provincia de Pontevedra, á que pertence. É o maior dos illotes que conforman o arquipélago de Rúa e Os Guidoiros (O Areoso e O Pedregoso) a pesar de que apenas ten 600 m de longo de norte a sur por 200 m no seu punto máis largo e só acada 9 m sobre o nivel do mar no seu punto máis alto.

É un illote de case 9 hectáreas, baixo e constituído case completamente de area. A metade norte está ocupada por unha duna activa, mentres que na sur se mesturan afloramentos graníticos cunha duna vexetada. Toda a illa está rodeada de arrecifes á flor de auga, ata naquelas partes con máis presenza de area emerxida.

Patrimonio arqueolóxico do Areoso[editar | editar a fonte]

A pesar do seu tamaño, destaca a presenza de diversos restos arqueolóxicos, sobre todo varias mámoas e dolmens megalíticos.

A finais dos anos 80 do século XX o arqueólogo José Manuel Rey García[1] localizou na súa superficie tres estruturas megalíticas, das que escavou dúas, así como un asentamento de comezos da Idade de Bronce no que, xunto a cerámicas e outras pezas, se recuperaron abundantes restos de fauna doméstica (vacas, porcos e ovellas ou cabras). Non semella haber ocupacións humanas posteriores a esa data. Unicamente atopou restos dunha ánfora romana que seguramente procedese dunha embarcación afundida nas proximidades. Aínda así, seguiuse frecuentando tanto para o marisqueo como para a extracción de granito para a cantaría.

Pode estrañar a presenza deste importante número de sitios arqueolóxicos nun illote tan pequeno e apartado do continente, pero cómpre aclarar que nin o nivel do mar nin a liña de costa permaneceron estables ao longo do tempo. As rías galegas formáronse pola inundación de antigos vales fluviais na fin da última glaciación, pero esta inundación non foi inmediata e déronse ciclos de crecemento do nivel do mar e outros de estabilización.

Os estudos indican que desde o 5000 a. C. e durante todo o neolítico, época de construción das tumbas megalíticas, o nivel do mar estaría estabilizado entre 5 e 7 m baixo o nivel actual, co cal a liña de costa estaría máis ao interior da ría que na actualidade[2]. Con esta situación, a actual illa de Arousa formaría nesta época parte dunha gran península unida ao continente, península da que tamén formarían parte o propio Guidoiro Areoso e outros illotes máis pequenos como o Corveiro ou Guidoiro Pedregoso. O mar permaneceu estable ata comezos da Idade de Bronce, cara ao 2200-2000 a. C., cando comezou a subir de forma progresiva ata situarse 1.000 anos despois entre 1 e 2 m baixo a cota actual. Seguramente durante esta subida foi cando Guidoiro quedou convertido nunha illa, de aí que non se coñezan ocupacións humanas posteriores ao Bronce.

Nos últimos anos o illote sufriu un importante proceso de alteración das superficies areosas, como corresponde ao seu ambiente dunar. A duna norte reduciuse considerablemente en altura e extensión, mentres que nas praias desapareceu case un metro de area só nos últimos seis anos. Como consecuencia desta situación, outros sitios arqueolóxicos saíron á luz. Agora coñecemos un total de cinco estruturas megalíticas, e abundante material arqueolóxico do neolítico final e de comezos da Idade de Bronce se esparexe pola zona intermareal. A acción do mar, inexorable, está a afectar estes sitios alterándoos e facéndoos desaparecer paseniñamente.

Todos os sitios arqueolóxicos que se coñecían en Guidoiro Areoso a comezos do 2014 situánse na zona intermareal, onde a acción do mar os deixa ao descuberto, xa que o interior está completamente ocupado por unha duna. Ata agora identificamos cinco monumentos megalíticos (mámoas), todos eles na metade sur da illa. Non coñecemos a súa cronoloxía exacta, pero non difiren moito dos que atopamos no resto de Galicia, polo que se pode supoñer unha idade similar, do Neolítico ou Calcolítico (4500-2000 a.c. en cifras redondas). Ademais, polas praias do illote esparéxese abundante material arqueolóxico do Calcolítico e mais da Idade de Bronce, sobre todo cerámica e restos de comida.

Pero isto é só o que se sabe ata hoxe. Cada ano os temporais do inverno erosionan un pouco máis O Areoso e deixan á vista novos achados arqueolóxicos ata entón sepultados pola area. E seguramente aínda existen moitas sorpresas agachadas baixo ela.[Cómpre referencia]

No ano 2014 púxose en marcha unha iniciativa aberta ao conxunto da sociedade: Guidoiro Dixital[3], onde se busca reunir información gráfica (fotografía ou vídeo) do illote e os seus sitios previa ao 2013. O propósito é dar a coñecer este patrimonio tan feble, facer un seguimento de como está a evolucionar a liña de costa e como afecta á preservación dos sitios, promover a súa protección e reconstruír dixitalmente os sitios que foron destruídos ou alterados por esta dinámica nos últimos anos.

Mámoa 1[editar | editar a fonte]

Escavada por José Manuel Rey García, ten un túmulo de só 5,80 m de diámetro, moi baixo en altura, recuberto por unha capa de pedras pequenas (coiraza)[1][2]. Aproximadamente no centro sitúase unha cámara funeraria de planta poligonal, de 1,10 m de ancho. Seguramente estaba formada por seis lousas, das que só tres, de granito, permanecen na súa posición orixinal. No seu interior non se atoparon achados de interese. A erosión do mar fixo desaparecer case a metade do túmulo, e iso a pesar de que hoxe en día está un pouco apartado da zona intermareal.[4]

Mámoa 2[editar | editar a fonte]

Localizouse tamén nas escavacións de J.M. Rey no medio da praia sur do illote, sepultada baixo máis de dous metros de area[1][2]. É un estraño monumento de só 7 m de diámetro formado por un pequeno túmulo recuberto tamén de coiraza pétrea, coas pedras da periferia de maiores dimensións. No seu centro unha vintena de pequenas lousas de granito formaban unha cámara sepulcral de planta levemente oblonga (1,73 × 1,50 m), que seguramente se cubría con materiais perecedoiros.

A cámara semellaba baleirada en época prehistórica e o seu contido esparexido pola periferia do monumento. Este enxoval estaba formado por varios vasos de cerámica, algúns cunha decoración incisa que os arqueólogos denominan Penha, datada na primeira metade do III milenio a. C.[5]

Mámoa 3[editar | editar a fonte]

Descuberta pola erosión dos últimos anos, en 2014 xa se aprecian cinco lousas de granito cravadas na area formando unha estrutura aproximadamente circular de máis dun metro de diámetro. Trátase da cámara funeraria, ao leste da cal, onde a marea segue a erosionar a praia, unha serie de cantos indican a presenza da coiraza do túmulo que a rodea. Este pequeno dolmen está situado a carón da mámoa 2, a só 4,50 m do bordo da escavación realizada nos anos 80 do século XX, pero non foi coñecido ata datas recentes, o que dá idea da cantidade de area que desapareceu nos últimos anos.[6]

Mámoa 4[editar | editar a fonte]

Este monumento xa foi documentado por J. M. Rey nos seus traballos na illa[1], pero non chegou a escavalo. Daquela conservábase case enteiro e puido documentar parte da coiraza de pedras que o recubría. Na actualidade o mar devorou case a metade do túmulo e pode apreciarse, no perfil norte da illa, un corte case perfecto da súa estrutura. Presenta unha cámara funeraria alongada, case rectangular, de 2,60 m de longo por 1,50 m de alto e un largo descoñecido, xa que máis da metade segue sepultada baixo a terra. Está formada por tres lousas de granito no seu lado visible e unha cuarta á dereita, que fai de cabeceira. Vese tamén unha quinta lousa á esquerda, seguramente a que serviu para pechar o monumento posto que se sitúa ao SE, o punto onde adoita estar a porta deste tipo de tumbas. Conserva tamén a cuberta, aparentemente caída no interior do dolmen e rota cando menos en dous anacos por mor do peso da area da duna que ten enriba.

Á dereita deste dolmen pódese ver unha sección da mámoa que o rodea, feita con terra negra e recuberta dunha coiraza de pedras de granito. Non semella ser maior de 10 m de diámetro por 1,20 m de alto, polo que as lousas da cámara aflorarían por fóra dela en altura. En setembro de 2011 o Servizo Provincial de Costas de Pontevedra do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente construíu un muro de contención para protexer o monumento da acción do mar[2][7].

Mámoa 5[editar | editar a fonte]

Cando menos desde 2005 dúas lousas de granito apoiadas unha na outra en ángulo recto afloraban na praia oeste, case no istmo que une as dúas partes que forman o illote. En 2011 desapareceran máis de 40 cm de area e podía apreciarse a estrutura da mámoa na zona intermareal[2]. En 2013 a acción do mar destruíra por completo o monumento. Tratábase dun túmulo duns 9 m de diámetro, recuberto dunha coiraza de pedras de granito das que só se conservaba o anel exterior. No seu centro situábase unha cámara megalítica da que non se coñece a forma completa, composta polo menos por seis lousas tamén de granito, das que só dúas permanecían na súa posición orixinal. Unha destas últimas era a máis alta e acadaba 1,72 m.[8]

A ocupación da Idade de Bronce[editar | editar a fonte]

O espazo que hoxe é o illote do Areoso non se usou na prehistoria unicamente como lugar funerario. Diferentes grupos humanos frecuentárono, cando menos, desde o final do Neolítico ata momentos avanzados da Idade de Bronce. En todas as praias da zona sur aparecen abundantes restos arqueolóxicos esparexidos pola superficie, postos ao descuberto pola acción das mareas. Son fundamentalmente fragmentos de recipientes de cerámica, pero tamén ósos de animais e cunchas, é dicir, restos de comida.

Ademais, J. M. Rey constatou na súa escavación que sobre a mámoa 2[1], unha vez abandonada e logo de que estivese xa parcialmente oculta pola area de praia, se instalou un asentamento datado entre o 2225 e o 1950 a. C. Nel recolleu abundantes recipientes cerámicos, entre eles algúns do tipo campaniforme, que varían en forma, calidade e capacidade con respecto aos da fase anterior. Varios cacharros teñen restos de feluxe e queimado na súa superficie, proba de que se puxeron ao lume, polo que seguramente estamos ante un poboado ou campamento episódico. Tamén apareceron dous punzóns metálicos, en bronce, un punzón de óso e instrumentos feitos en pedra puída e tallada.

Pero o máis interesante da escavación foi que se recuperaron abundantes refugallos de comida, ósos e cunchas, que non é habitual conservar en Galicia para épocas tan antigas pola acidez do solo, pero que o medio mariño de Guidoiro Areoso axudou a preservar. Aquelas xentes comían gando vacún, ovellas ou cabras (os seus ósos son case imposibles de distinguir) e porcos. En canto aos mariscos, as especies consumidas eran ostras, mexillóns e lapas, que seguramente recollían nos areais e rochedos próximos[2].

Ademais, durante a Idade de Bronce tamén parece que se realizaron enterramentos no illote. Á parte de que algunha das mámoas podía seguir en uso, localizáronse dúas pequenas cistas, caixas feitas con lousas de pedra que son utilizadas como sartego. Orixinalmente estarían sepultadas baixo o terreo, como as tumbas dos camposantos das igrexas.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,01,11,21,31,4 Rey García, J.M. 1991. Guidoiro Areoso (Vilanova de Arousa, Pontevedra). Arqueoloxía. Informes 2. Campaña 1988. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia: 29‑32.
  2. 2,02,12,22,32,42,5 Pódese atopar a proposta da evolución da liña de costa para este período, mais unha descrición de cada sitio arqueolóxico neste artigo de J.M. Rey García e X.I. Vilaseco Vázquez, 2012. Guidoiro Areoso. Megalithic cemetery and prehistoric settlement in the Ria de Arousa (Galicia, NW Spain). In: A. Campar Almeida, A.M.S. Bettencourt, D. Moura, S. Monteiro-Rodrigues, M.I. Caetano Alves (eds), Environmental changes and human interaction along the western Atlantic edge. Mudanças ambientais e interação humanana fachada atlântica ocidental. Coimbra, APEQ – Associação Portuguesa para o Estudo do Quaternário: 243-258.
  3. Guidoiro Dixital
  4. Máis información en Mámoa 1 de Guidoiro Dixital e recompilación de imaxes en Mámoa 1 da canle Guidoiro Dixital en Historypin.
  5. Máis información en Mámoa 2 de Guidoiro Dixital e recompilación de imaxes en Mámoa 2 da canle Guidoiro Dixital en Historypin.
  6. Máis información en Mámoa 3 de Guidoiro Dixital e recompilación de imaxes en Mámoa 3 da canle Guidoiro Dixital en Historypin.
  7. Máis información en Mámoa 4 de Guidoiro Dixital e recompilación de imaxes en Mámoa 4 da canle Guidoiro Dixital en Historypin.
  8. Máis información en Mámoa 5 de Guidoiro Dixital e recompilación de imaxes en Mámoa 5 da canle Guidoiro Dixital en Historypin.
  9. Máis información en A ocupación da Idade de Bronce en Guidoiro Dixital.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Illa_Guidoiro_Areoso&oldid=4321783"