Illa de Santa Comba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Santa Comba
Insua do Medio
Illa de Santa Comba 1.JPG
Insua do Medio ou insua da Santa
Illa de Santa Comba en A Coruña
Illa de Santa Comba
Illa de Santa Comba
Localización no mapa provincial.
Situación
País Galiza Galiza
Provincia A Coruña
Mar Océano Atlántico
Coordenadas 43°33′20.7″N 8°17′28.1″O / 43.555750, -8.291139Coordenadas: 43°33′20.7″N 8°17′28.1″O / 43.555750, -8.291139
Xeografía
Superficie 0´05 km²
Demografía
Poboación Deshabitada

A Illa de Santa Comba tamén coñecida como "Illa do Medio" é unha illa galega, situada na provincia da Coruña, na costa norte do concello de Ferrol (parroquia de Covas). É unha illa alargada, de 5 hectáreas de superficie e completamente chaira. En realidade é unha antiga península que a erosión mariña, producida pola forza das ondas, separou da terra firme. Cando baixa a marea únese a terra por un estreito tómbolo de area, e cando esta sobe a illa queda dividida en tres porcións por angostas e profundas canles. Existe unha ermida consagrada a Santa Comba, cuxas orixes remóntanse ao século XII, é propiedade da Igrexa, e ao seu redor levouse a cabo unha importante escavación arqueolóxica onde se descubriu un antigo asentamento castrexo con forno de fundición de metal e unha necrópole altomedieval.

Lenda[editar | editar a fonte]

Segundo explican Esperanza Piñeiro de San Miguel e Andrés Gómez Branco no seu libro "Un mar de lendas polo noroeste de Galicia", un volume que conta con ilustracións do xa falecido González Collado, a tradición oral conta que a santa chegou á illa que lle deu nome a bordo dunha barca de pedra, acompañada do seu fillo San Silvestre. E, nun pequeno montículo da Illa do Medio, aí está esa suposta máxica embarcación para atraer a atención dos visitantes. Trátase dunha pila pétrea que, segundo apuntan na súa obra San Miguel e Branco, posiblemente utilizábase no pasado como faro, «facendo nela lume para orientar aos navíos», aínda que López Hermida asegura que «os entendidos» probaron que se trata dun antigo sarcófago.

Intentaron trasladala varias veces pero nunca se deixou, pois din que canto máis trataban de movela, máis se afundía na terra.

Historia[editar | editar a fonte]

A illa tamén conten os restos dun asentamento cuxa orixe remóntase á Idade do Ferro, con ocupación en época romana e alta medieval, segundo o arqueólogo, Alberto González, que participou nas escavacións que se levaron a cabo no sitio a principios deste século. Entre outros, estes traballos descubriron un dos fornos metalúrxicos máis antigos de Galicia.

É posible observar practicamente en todos os cortes dos cantís das illas e na zona do antigo istmo abundantes estruturas, muros e quizais pavimentos que foron fracturados pola actividade erosiva do mar.

Na zona de terra firme consérvase unha pequena testemuña dun posible parapeto construído de terra e pedra. A ambos os dous lados dúas profundas gabias fan pensar nun foso de reforzo do sistema defensivo. No lado N do parapeto e a unha cota baixa en relación co chan actual apréciase unha serie de muros construídos no interior deste foso. Este asentamento castrexo podería atoparse relacionado coa próxima mina de Cobarradeiras, posible explotación de orixe romana situada no marco do dominio do xacemento primario de ouro Valdoviño-Aranga.

O emprazamento peninsular posúe as características necesarias para o asentamento na mesma dun núcleo de poboación galaico-romano, como punto de control e comercio do mineral extraído, fácil defensa, cursos próximos de auga doce, comunicación sinxela cos vales interiores, acceso aos recursos pesqueiros e marisqueiros, perfectamente recoñecible desde o mar polos barcos e a presenza de amplas praias para varar os navíos.

Coa chegada da cristianización, estes lugares "pagáns" adoitan sacralizarse mediante a construción de santuarios cristiáns, factor que puido influír na elección do lugar para situar a ermida.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Illa_de_Santa_Comba&oldid=4919135"