Imperialismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Imperios coloniais en 1800
Imperios coloniais en 1914

O imperialismo é o desexo dun Estado de levar a cabo a formación e o mantemento dun imperio (aínda que ese Estado non o exprese con ese termo), ben sexa polo control territorial ou ben pola adquisición de materias primas. Noutras palabras: é a dominación política ou económica que exerce un país que é económica e tecnoloxicamente superior sobre outro en ámbitos que van dende o puramente económico ata ámbitos ideolóxicos e culturais. O termo úsase para describir a estratexia dun país para manter as colonias e a dominación sobre outros territorios, aínda que non remate coa soberanía política desas zonas.

Os imperios existiron ao longo de toda a historia, dende o comezo da Idade Antiga, mais o uso do vocábulo "imperialismo" adoita limitarse á cualificación da expansión europea que se inicia coa era dos descubrimentos (século XV) e se prolonga durante toda a Idade Moderna e Idade Contemporánea ata o proceso de descolonización trala segunda guerra mundial. Máis especificamente, a expresión Era do Imperialismo, empregada pola historiografía, denomina o período que vai de 1880 a 1914, en que se produciu unha verdadeira carreira para construír imperios coloniais, principalmente coa chamada repartición de África.

Causas[editar | editar a fonte]

Económicas[editar | editar a fonte]

Cecil Rhodes, figura do imperialismo inglés.

A crise do 1873 provocou o descenso dos prezos, e con proteccionismo, e dicir, a protección dos produtos propios de cada país prohibindo a entrada de artigos estranxeiros ou gravándoos con impostos. Isto deu lugar á necesidade de encontrar novos mercados que non estivesen controlados polo dito sistema. Por outra parte, potencias capitalistas europeas como Inglaterra, Países Baixos e Bélxica necesitan darlle saída ao seu excedente de capital e fano investíndoo en países doutros continentes, establecendo préstamos, implantando ferrocarrís, instalando portos etc. Ademais, estes países necesitan buscar materias primas para as súas industrias, xa que comezan a esgotarse ou a escasear en Europa.

Desenvolvemento do imperialismo económico[editar | editar a fonte]

A partir de principios do século XX xa se entende o imperialismo na súa aceptación económica. Unha das principais causas da Primeira Guerra Mundial foron as rivalidades entre os grandes estados como consecuencia da busca de novos mercados, zonas de influencia, materias primas, e, en xeral, dominio territorial.

No período de entreguerras o imperialismo económico ou dominio dos recursos das colonias caracterizouse por estar ligado ó dominio político dos Estados, é dicir, ó colonialismo. Só en Latinoamérica se comezou a dar outro tipo de imperialismo. Alá, deron comezo as actividades das grandes empresas monopolísticas [[Inglaterra|inglesas}} e especialmente norteamericanas.

Trala Segunda Guerra Mundial, o imperialismo desenvolveuse extraordinariamente: o despertar nacionalista dos pobos subdesenvolvidos (tales como os países africanos) e a aparición do socialismo en moitos deses Estados puxo en crise o sistema colonialista. Non obstante, as antigas colonias pasaron a depender economicamente das ex metrópoles, que continuaban a explotar os seus recursos. É o que se denomina neocolonialismo.

Demográficas[editar | editar a fonte]

En Europa, entre 1850 e 1914, produciuse un espectacular aumento demográfico que chegou incluso a duplicar a poboación, polo que nalgúns países empezaban a escasear os recursos. Gran parte da poboación, uns 40 millóns de europeos, non tiñan outra saída que ir aos outeiros do seu respectivo país, xa que non contaban con traballo nin con alimentos suficientes para abastecerse todos e cambiar a súa residencia na busca de riquezas e mellores condicións.

O imperialismo é o dominio que exercen as nacións máis poderosas respecto a outras máis débiles, aínda que non sempre de forma oficial. Pero non sempre se denomina imperialismo o proceso de expansión económica que tivo lugar en Europa a mediados do século XIX, sobre todo a partir de 1870. Durante este período, moitos países europeos, especialmente Gran Bretaña, estendéronse primeiro de forma oficial e máis tarde anexionado territorios e formando colonias en África, Asia e o Pacífico. Este imperialismo foi consecuencia da busca, fóra de Europa, de mercados e materias primas para a revolución industrial e deuse ata o comezo da primeira Guerra Mundial, en 1914 . A suposición da superioridade cultural, económica, moral, ideolóxica ou doutra índole do poder imperial sobre as zonas dominadas leva os imperialistas a ter unha idea positiva do mantemento e de adquistición de imperios. En cambio naqueles territorios que están suxeitos ós gobernos imperialistas a xente está descontenta, séntese explotada etc.

Darwinismo social[editar | editar a fonte]

O darwinismo social foi adoptado polos imperialistas, sobre todo en Inglaterra, para escusar as súas actuacións. Tras coñecer as teorías de Darwin sobre a evolución das especies por selección natural, sostiñan que, ao igual que as distintas especies ou razas, as sociedades máis avanzadas tiñan dereito a impoñerse e a seguir crecendo aínda que fose a costa das máis inferiores ou atrasadas.

Científicas[editar | editar a fonte]

Existía un forte interese por descubrir e analizar novas especies de animais e plantas, coñecer novos territorios e realizar investigacións de todo tipo. Isto fixo que moitos científicos desexasen progresar, lanzándose á aventura conseguindo a cambio grandes avances en campos como a bioloxía e a botánica.

Técnico-políticas[editar | editar a fonte]

Algúns políticos queren facer esquecer rapidamente as súas derrotas conseguindo novos territorios. A navegación tamén foi un factor importante xa que os barcos de vapor, agora capaces de chegar moito máis lonxe, precisan dispor de puntos costeiros por todo o mundo para poder repor as existencias de carbón, polo que cando o establecemento destes pasou a mans do estado, en lugar de limitarse a ese punto, este intentou controlar cada vez máis territorio. Alí onde se teña un predominio político terase o predominio dos produtos, un predominio económico.[1]

Militares e xeoestratéxicas[editar | editar a fonte]

O período entre 1871 e 1914 foi de paz entre as principais potencias europeas, a denominada Bela Época (Belle Époque). A dispoñibilidade dun crecente potencial demográfico para o alistamento pódese empregar en territorios extraeuropeos, seguindo ou precedendo á expansión colonial económica das empresas e á emigración.

As razóns xeoestratéxicas eran resultado da competencia polo dominio de rutas navais (escalas necesarias para encher os buques) e de espazos continentais clave, como a denominada área pivote da Asia Central ou o imperio continuo en África (continuidade territorial entre as bases navais en mares opostos).

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Demográficas

En xeral, a poboación casada sufriu un incremento ao diminuír a mortalidade, pola introdución da medicina moderna occidental e manterse unha alta natalidade. Iso traduciuse nun desequilibrio entre poboación e recursos, que aínda persiste. Non obstante, nalgunhas áreas, a poboación autóctona sufriu unha drástica redución (especialmente durante a primeira fase do imperialismo), como consecuencia da introdución de enfermidades descoñecidas (varíola, gripe etc). Noutros lugares, a poboación indíxena foi simplemente substituída por colonos estranxeiros.

Económicas

A explotación económica dos territorios adquiridos fixo necesario o establecemento dunhas mínimas condicións para o seu desenvolvemento. Creáronse infraestruturas destinadas a dar saída ás materias primas e agrícolas que ían destinadas á metrópole. As colonias convertéronse en abastecedoras do necesario para o funcionamento das industrias metropolitanas, mentres estas colocaban os seus produtos manufacturados nos dominios. A economía tradicional, baseada nunha agricultura autosuficiente e de policultivo, foi susbtituída por outra de exportación, en réxime de monocultivo, que provocou, en gran medida, a desaparición das formas ancestrais de producir e a extensión de cultivos.

Sociais

As consecuencias sociais manifestáronse na instalación dunha burguesía de comerciantes e funcionarios procedentes da metrópole que ocuparon os niveis altos e medios da estrutura colonial. Nalgúns casos, asimiláronse determinados grupos autóctonos dentro da cúspide social. Tratábase das antigas elites dirixentes e de membros de determinados corpos do exército ou a función pública colonial. En ambos os casos a súa asimilación foi acompañada dunha profunda occidentalización. Cando, a raíz do proceso de descolonización, comezaron a xurdir estados a partir do que foron colonias, eses grupos sociais ocuparon unha posición relevante na administración e o goberno dos novos países.

Políticas

Os territorios dominados sufriron un maior ou menor grao de dependencia respecto á metrópole, en función do tipo de organización administrativa que lles foi imposto. Porén, esta dependencia non estivo exenta de conflitos, que foron o xerme dun antiimperialismo protagonizado xeralmente polas clases medias nativas occidentalizadas, que reclamaban a toma en consideración das tradicións autóctonas. Iso canalizouse a través das premisas do xogo democrático que as metrópoles defendían para elas mesmas mais que negaban ás súas colonias: liberdade, igualdade, soberanía nacional etc.

Culturais

O imperialismo conduciu á perda de identidade e de valores tradicionais das poboacións indíxenas e á implantación das pautas de conduta, educación e mentalidade dos colonizadores. Así mesmo, supuxo a adopción das linguas dos dominadores (especialmente o inglés, o francés e o castelán). Iso arrastrou a unha forte aculturación. A relixión cristiá (católica, anglicana, protestante etc) desprazou os credos preexistentes en moitas zonas de África ou fusionouse con esas crenzas, conformando doutrinas de carácter sincrético.

Ecológicas

A introdución de novas formas de explotación agrícola e inéditas especies vexetais e animais provocaron a modificación ou destrución dos ecosistemas naturais. Por exemplo, o bisonte foi case exterminado nas pradarías americanas; o coello converteuse nunha auténtica praga trala súa introdución en Australia, onde carecía de depredadores naturais; as grandes selvas tropicais foron obxecto de deforestación causada pola sobreexplotación madeireira e a introdución dos monocultivos de plantación; os ríos foron contaminados con refugallos procedentes dos sistemas de extracción dos metais preciosos.

Xustificación[editar | editar a fonte]

Económica

As nacións dominan a outras para expandir a súa economía, obter materia prima, man de obra, ou para dar saída aos excedentes de capital.

Política

Os estados tenden a expandirse por ambición de poder, prestixio, seguridade e vantaxes diplomáticas respecto a outros estados para a economía mundial.

Ideolóxica

Os países vense impulsados a expandir a súa influencia para expandir así os seus valores políticos, culturais e relixiosos. Ao mesmo tempo, os países son beneficiados con paz, seguridade e prosperidade.

Relixiosa

Os países con estándares relixiosos adoitaban expandir a súa influencia por países próximos a este para así propagar a súa relixión.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Imperialismo&oldid=4754483"