Instituto Español de Oceanografía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Centro do IEO de Santander.

O Instituto Español de Oceanografía (IEO) é un organismo autónomo dependente do Ministerio de Educación de España dedicado á investigación científica oceanográfica e ó asesoramento do goberno nas materias da súa competencia, como a xestión racional e a protección do medio mariño.

A súa publicación principal é o Boletín. Instituto Español de Oceanografía, unha revista científica de resultados que se publica, aínda que con distintas cabeceiras, desde 1916.

Funcións[editar | editar a fonte]

Funcionalmente divídese en tres áreas, dedicadas ós recursos pesqueiros, a acuicultura e a conservación do medio mariño.

O Instituto orienta as súas investigacións preferentemente ós problemas relativos á explotación dos recursos pesqueiros e á contaminación. Como organismo gobernamental, representa a España nas negociacións internacionais, incluídas as bilaterais con países como Mauritania, Marrocos ou Canadá, países con caladoiros nos que faenan barcos españois. Tamén representa ó estado nas negociacións multilaterais, no seno das diversas comisións internacionais.

Medios[editar | editar a fonte]

Como organismo estatal conta cunha rede de centros distribuída. A sede central encóntrase en Madrid. Outras delegacións son:

  • Centro Oceanográfico de Santander: ten unha planta experimental de cultivos de peixes e algas.
  • Centro Oceanográfico de Baleares (Palma).
  • Centro Oceanográfico de Málaga (Fuengirola).
  • Centro Oceanográfico de Cádiz.
  • Centro Oceanográfico de Vigo. Fundado en 1917. A finais do século pasado desprazouse ó cabo Estai, en Oia, dentro do mesmo concello. Consta de dous edificios: un no que se fai investigación pesqueira, da contaminación e do medio mariño, e un módulo de experiencias biolóxicas, dedicado á investigación do cultivo de peixes.
  • Centro Oceanográfico da Coruña.
  • Centro Oceanográfico de Canarias (Santa Cruz de Tenerife)
  • Centro Oceanográfico de Xixón
  • Centro Oceanográfico de Murcia (San Pedro del Pinatar)

Historia[editar | editar a fonte]

O IEO foi fundado en 1914 por Odón de Buen, partindo da integración da Estación de Bioloxía Mariña de Santander, fundada en 1886 e dependente da Universidade de Valladolid, o laboratorio de Porto Pi (Mallorca), que el mesmo creara en 1906 desde o seu posto de catedrático da Universidade de Barcelona, e a estación de Málaga. No momento da creación do Instituto sumáronse dous novos laboratorios, o de Vigo o de Tenerife.

O Instituto pasou por tempos difíciles durante a guerra civil e nas décadas seguintes, operando con recursos mínimos pero mantendo a presenza de España nos organismos internacionais. A partir dos últimos anos da década dos 70, os recursos e as atribucións aumentaron, ampliándose o número de traballadores en 1986. Ó longo da súa historia o IEO dependeu de moi diversos ministerios, estando actualmente adscrito á Secretaría de Estado de Universidades e Investigación do Ministerio de Educación, Política Social e Deporte.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Instituto_Español_de_Oceanografía&oldid=5114169"