Instrumento musical

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un instrumento musical é un xerador de son que serve para levar á práctica ideas musicais. A súa forma de execución está vencellada ao corpo humano, ben sexa por medio do sopro ou do movemento dos seus membros.

Clasificación[editar | editar a fonte]

A práctica orquestral divide os instrumentos en tres grupos:

  1. Corda: cordófonos fretados.
  2. Vento: aerófonos soprados, e divídense en vento-metal (a vibración é orixinada polos beizos) e vento-madeira (a vibración parte dunha lingüeta ou dun bisel).
  3. Percusión: a maior parte dos idiófonos e dos membranófonos, distínguese entre instrumentos de altura determinada e indeterminada.

Pódese tamén diferenciar entre os instrumentos que están afinados na tonalidade real e os transpositores, que tocan nunha tonalidade diferente á escrita. Trátase xeralmente de instrumentos aerófonos nos que se busca facilidade para o intérprete de xeito que poida pasar dun a outro sen grandes modificacións na dixitación, por exemplo, dun óboe (en ) a un corno inglés (en fa).

Poderíanse facer moitas máis clasificacións, como instrumentos monódicos (producen un só son, por exemplo, a frauta) ou polifónicos (poden producir varios sons, coma o piano). Con todo, a clasificación máis aceptada na actualidade é a seguinte:

  • a) Idiófonos. Autorresoadores, do grego ídios, propio; instrumentos que producen son ou ruídos pola súa propia oscilación, e non pola vibración dunha membrana ou dunha corda. Posúen un material duro coma madeira, arxila ou metal para posibilitar a irradiación directa do son. Podemos falar de :
    • Idiófonos de entrechoque (claves, crótalos, castañolas…)
    • Idiófonos percutidos: precisan dun instrumento (baqueta, mazo) que bata neles. Poden ser instrumentos de variñas percutidas (triángulos), de placas de madeira (xilófono, marimba), de placas de metal (metalófono, vibráfono, celesta, glockenspiel), de tubos percutidos (campás tubulares) ou de láminas percutidas (gong, tam-tam, prato).
  • b) Membranófonos. Precisan dunha membrana ou dun parche para a produción do son). Podemos dividilos en:
    • Timbais: caldeiros de cobre ou latón cun orificio de resonancia no centro sobre o que se estende unha membrana. Hai catro tipos diferentes: baixo, grande, pequeno e agudo. No timbal moderno, o percusionista controla a afinación por medio dun pedal. Percútese con dúas baquetas.
    • Tambores: tubos sonoros cilíndricos de madeira sobre os que se tensa unha membrana grazas a unha corda disposta en zigzag. Pódense percutir por medio de baquetas (caixa, bombo) ou das mans (bongós).
  • c) Cordófonos. Precisan de cordas que vibren.
    • de teclado: a presión sobre as teclas activa mazos ou plectros que fan soar as cordas. O piano é o cordófono de teclado por excelencia, a cada nota correspóndenlle dúas ou tres cordas nas que bate un maciño. O seu antecesor é o claves, en lugar de maciños emprega pugas metálicas.
    • de arco: obtense o son por medio dun arco que freta as cordas. Entre os instrumentos de arco modernos temos (de agudo a grave) o violín, a viola, o violonchelo e o contrabaixo. Compóñense de catro cordas que se afinan por quintas e constan do corpo de resonancia (dentro da que se atopa a alma) a ponte, e o mango.
    • de corda pulsada: as cordas son pulsadas directamente polo instrumentista. O máis popular é a guitarra, ten seis cordas e componse de caixa de resonancia, ponte e mastro. Outros instrumentos desta familia son o laúde ou a mandolina.
  • d) Aerófonos. O son obtense por medio da vibración producida polo paso do aire.
    • de metal, os beizos vibran nunha embocadura semiesférica. Os instrumentos de metal modernos posúen válvulas, pistóns ou varas que facilitan a obtención de diferentes notas musicais, e rematan nunha campá. A trompa é un instrumento transpositor afinado en fa, emprega válvulas, e permite a modificación do son introducindo a man dereita na campá. A tuba tamén ten válvulas, e é o instrumento de metal máis grave, ten unha versión en do e outra transpositora en fa. A trompeta pode sérvese de pistóns, se ben en Alemaña adoita empregar válvulas, a máis empregada está afinada en si bemol. O trombón é coma unha trompeta de rexistro grave, emprega unha vara que se despraza (aínda que tamén os hai de pistóns), os mais empregados son o trombón contralto, o tenor e o baixo.
    • de madeira: o aire vibra ao paso por un bisel ou por unha lingüeta. Compóñense dunha embocadura, un tubo con buratos que permite a alteración da frecuencia da onda sonora, e unha pequena campá (agás a frauta). Nos instrumentos modernos estes buratos non se premen directamente cos dedos (caso de instrumentos populares e de época) senón por medio de chaves. A frauta produce o son grazas a un bisel. Dentro dos instrumentos de lingüeta dobre ou palleta temos (de agudo a grave) o óboe, o óboe de amor (en la) o corno inglés (en fa), o fagot e o contrafagot. A gaita sería tamén un instrumento de madeira de dobre lingüeta, coa particularidade de que consta dun fol que almacena o aire e de roncón e ronquetas para facer bordóns. Nos instrumentos de lingüeta simple temos o clarinete, que está xeralmente afinado en si bemol, e o saxofón, que consta da boquilla dun clarinete máis un tubo de latón, ten sete modelos distintos (soprano, sopranino, alto, tenor, barítono e baixo).
    • de vento mecánico. O órgano é o principal instrumento deste grupo. As teclas abren unha serie de tubos que fan vibrar os seus biseis ou lingüetas. O co paso do aire, que se move grazas a un sistema mecánico. O acordeón é coma un órgano en pequenos, componse de tres partes: o teclado, o fol para o aire e a zona de botóns (para o acompañamento). O son obtense grazas a lingüetas.
  • e) Electrófonos. Resoadores de corrente eléctrica. Podemos facer dous grupos: instrumentos tradicionais electricamente amplificados (coma a guitarra eléctrica, á que se lle suprime a caixa de resonancia) e instrumentos de nova construción (son de teclado, coma as ondas Martenot). Ambos teñen en común a proxección do son por medio de altofalantes.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Instrumento_musical&oldid=4496557"