Isaac Díaz Pardo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Isaac Díaz Pardo
Medalla de Galiza.svg
10 diaz-pardo 0286.jpg
diante do seu autorretrato, durante a preparación da súa exposición na Casa da Parra no ano 2011.
Nacemento 22 de agosto de 1920
Lugar Santiago de Compostela
Falecemento 5 de xaneiro de 2012 91 anos
Lugar A Coruña, Galicia Galicia
Soterrado Cemiterio de Boisaca
Nacionalidade España
Ocupación deseñador, pintor e empresario
Cónxuxe Carme Arias de Castro Montero[1]
Fillos Camilo, Xosé e Rosendo
Xéneros Ensaio, teatro
Coñecido/a por Monumento aos fusilados na guerra civil
editar datos en Wikidata ]

Isaac Díaz Pardo, nado en Santiago de Compostela o 22 de agosto de 1920 e finado na Coruña o 5 de xaneiro de 2012[2], foi un intelectual, artista e empresario galeguista que se impuxo a tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a cultura e a memoria de Galicia, acometendo facetas de empresario cultural, deseñador industrial, escritor, editor, promotor e mecenas de proxectos.[3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo do pintor e escenógrafo Camilo Díaz Baliño,[4] na súa casa tiñan lugar xuntanzas diversas relacionadas coas Irmandades da Fala. O seu pai foi asasinado cos primeiros movementos da Guerra civil española, o que fixo que Isaac tivera que agocharse ata poder saír de Santiago de Compostela. Pasou logo a traballar como rotulador na Coruña.

Isaac de neno, co pai, en 1925.

A súa condición de supervivente marcou a súa vida cunha misión: lembrar os mortos e levar a cabo os soños polos que os mataron.[3]

Despois da guerra, cursou entre 1939 e 1942 estudos na Escola de Belas Artes de San Fernando (Madrid).[4] A partir de aí, comezou a súa participación pública en diversas experiencias pioneiras como en 1941 participou na primeira experiencia española sobre deseño industrial, e en 1942 unha viaxe de estudos en Italia. Pasou logo a ter unha praza de profesor na Escola Superior de Belas Artes de Sant Jordi de Barcelona e comezou as exposicións en España e no estranxeiro (Europa e América).

Ao seu regreso inicia, cunha exposición na Coruña, unha etapa de dedicación plena á pintura que abandonaría en 1948, para entregarse por completo a un proxecto de dinamización sociopolítica e empresarial que visaba, por un lado, a modernización e internacionalización da cultura galega e, por outro, a rexeneración da desartellada historia de Galicia.[4][5]

Deste xeito abandonou as artes plásticas, pasando á cerámica e fundando con outros socios a fábrica de Cerámicas do Castro no Castro de Samoedo (Sada) (onde o nomearían fillo predilecto),[4] o que repite na Arxentina, onde pasaría trece anos e construiría xunto con outros destacados galeguistas como Luís Seoane o Laboratorio de Formas,[6] precursor doutras actividades de desenvolvemento como as levadas a cabo na Cerámica de Sargadelos, o Museo Carlos Maside, o Instituto Galego de Información, a editorial Ediciós do Castro, o Seminario de Estudos Galegos etc.

Indicador no complexo de Cerámicas do Castro, Sada

Das institucións que este colectivo creou para recuperar a memoria histórica, sería a dirección e administración do Grupo Sargadelos a faceta máis coñecida do intelectual galeguista e a que marcaría os seus derradeiros anos e o seu último fracaso, xa que foi apartado da dirección e da administración do grupo.[6]

Como escritor deixou ensaios sobre arte, economía, historia, tales como Galicia hoy y el resto del mundo (xunto con Luis Seoane), Presencias galegas na arte dos nosos días, así como obras de teatro: Midas. O ángulo de pedra (volume publicado en Buenos Aires en 1958) tamén carteis de cego coma Paco Pixiñas (con Celso Emilio Ferreiro), El Marqués de Sargadelos ou Castelao, ademais dunha morea de artigos en xornais como La Voz de Galicia (onde colaboraría até o 2009).[4] e recopilados no volume Crónicas inconformistas

Morreu o 5 de xaneiro do 2012 aos 91 anos de idade no Hospital San Rafael na cidade da Coruña.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Ao longo da súa vida recibiu moitas distincións e recoñecementos, coma o Pedrón de Ouro (1976), a Medalla de Ouro e Fillo Predilecto da cidade de Santiago de Compostela (1988), Premio Otero Pedraio das Deputacións Provinciais (1990), Insignia de Ouro (1991), Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela (1992) e da Universidade da Coruña (2007), Premio Trasalba da Fundación Otero Pedraio (1993), a Vieira de Prata do Patronato da Cultura Galega de Montevideo (1995), Premio San Martiño de normalización lingüística (1998), Premio das Artes e das Letras de Galicia (2003), a Medalla de Ouro de Galicia e a Medalla ao Traballo[7] (2007) entre moitos outros.[4]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Busto en Sigüeiro, Oroso
Díaz Pardo en agosto de 2010. 
 
Sepulcro no Cemiterio de Boisaca 

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • A luminosa mirada dos ollos de Isaac. Edición e prólogo de X. R. Fandiño. Cadernos Ramón Piñeiro XXIV. Xunta de Galicia, 2012. 206 p. ISBN 978-84-453-5068-3.
  • Diáspora :10 artistas galegos no exilio latinoamericano, 1930-1970 = 10 artistas gallegos en el exilio latinoamericano, 1930-1970 : Ángel Botello, Alfonso R. Castelao, Manuel Colmeiro, Isaac Díaz Pardo, Eugenio Granell, Maruja Mallo, Luis Seoane, Arturo Souto, José Suárez, Carlos Velo. Vigo: Fundación MARCO; A Coruña : Fundación Luis Seoane, 2005, ISBN 84-609-5108-1; 221 p.
  • Fandiño Veiga, Xosé Ramón. Isaac Díaz Pardo : a patria enteira na memoria. Vigo: Ir Indo, 2008. 64 p.
  • Fernández Martínez, Luciano. O Romance de cego O marqués de Sargadelos, de Isaac Díaz Pardo. En: Comentarios de textos populares e de masas. Vigo: Xerais, 1994. P 79-116.
  • Isaac Díaz Pardo: creación e compromiso na Galicia do século XX / [editores, Xosé Díaz Ariasde Castro, Guillermo Escrigas ; coordinación Carolina Díaz ; introdución Ramón Villares]. A Coruña: Deputación Provincial, 2006. ISBN 84-9812-0489.
  • Isaac Díaz Pardo : fondos Novagalicia Banco e Novacaixagalicia : [catálogo da exposición] / [textos, Xosé Díaz, Rosario Sarmiento, Isaac Díaz Pardo]. (Galicia): Novagalicia, 2012. P.73. ISBN 978-84-96982-55-0.
  • Diéguez, Uxío Breogán. Entrevista a Isaac Díaz Pardo. murguía, (8 de xaneiro 2012)
  • Romero, Daniel e Rúa, Manuel. Isaac Díaz Pardo pronunciando un discurso que ninguén entende. Galicia S.L. / (Entrevistas) 1º ed. Vigo: Xerais, 1995, pp. 107–145.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Isaac_Díaz_Pardo&oldid=4935847"