Iván III de Rusia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Iván III de Rusia
Gran príncipe de Moscova
Ivan III of Russia.jpg
«Albus rex» Ivan III.

Reinado14621505
Nacemento22 de xaneiro de 1440
Moscova, Principado de Moscova
Falecemento27 de outubro de 1505
(65 anos)
Moscova, Principado de Moscova
PredecesorBasilio II
SucesorBasilio III
Cónxuxe/sMaria de Tver
Sofía Paleóloga
DescendenciaIván Ivánovich
Basilio Ivánovich
Yuri Ivánovich
Dmitri Ivánovich
Semión Ivánovich
Andréi Ivánovich
Alena Ivánovna
Feodosia Ivánovna
Eudoxia Ivánovna

Iván III Vasílievich (en ruso: Иван III Васильевич), nado o 22 de xaneiro de 1440 e finado o 27 de outubro de 1505, tamén coñecido como Iván o Grande, foi gran príncipe de Moscova e o primeiro en adoptar o título de «gran príncipe de toda Rusia». En ocasións refírense a el como o «unificador das terras rusas», xa que cuadriplicou o seu territorio e proclamou Moscova como a Terceira Roma. Construíu o Kremlin de Moscova e creou institucións para asegurar a autocracia. Foi tamén o protagonista do reinado máis longo da historia de Rusia.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Os pais de Iván foron Basilio II e Maria de Bórovsk. Foi correxente co seu pai ao final do reinado deste e sucedeulle en 1462, continuando tenazmente a política unificadora dos seus predecesores.

Porén, era moi cauto, rozando a timidez propia de moitos dos príncipes da casa de Rúrik. Evitaba no posible os enfrontamentos violentos cos seus veciños excepto cando as circunstancias éranlle excepcionalmente favorables, preferindo sempre conseguir os seus obxectivos de forma gradual e indirectamente. Moscova converteuse neste tempo nun forte e poderoso estado, mentres que os seus rivais debilitaranse, unha situación moi favorable para a consecución dos fins políticos dun estadista do peculiar carácter de Iván III.

Ampliando os territorios de Moscovia[editar | editar a fonte]

A súa primeira empresa foi a guerra contra a República de Nóvgorod, que, alarmada ante a crecente dominación de Moscovia, púxose baixo a protección de Casimiro IV, rei de Polonia, unha alianza que Moscova interpretou como unha apostasía da ortodoxia. Aínda que puidese utilizar calquera outro pretexto, a relixión parecía o mellor, así que Iván iniciou a guerra contra Nóvgorod en 1470, e tras as dúas derrotas inflixidas polos seus xenerais ás tropas da república en Shelona e no Dviná[1] durante o verán de 1471, Nóvgorod viuse forzada a pactar unha paz pola que abandonaba para sempre a súa alianza con Polonia, cedía unha considerable porción das súas colonias no norte e pagaba unha indemnización de quince mil cincocentos rublos.

Tras iso, Iván buscou continuamente un pretexto para apoderarse de Nóvgorod totalmente, pero, aínda que violou con frecuencia os seus antigos privilexios en materias de pequena importancia, a actitude da república era tan coidadosa que a oportunidade non se deu até 1477. Nese ano os embaixadores da república, pola súa conta e risco, dirixíronse a el en audiencia pública como gosudar (soberano) no canto de gospodín (señor),[2] como era habitual. Iván interpretou isto como un recoñecemento da súa soberanía, e cando Nóvgorod desdixo aos seus embaixadores, marchou contra a cidade. Abandonada por Casimiro IV e rodeada polas tropas moscovitas, que incluían un continxente tártaro, a república recoñeceu a Iván como autócrata, e entregou o 14 de xaneiro de 1478 todas as súas prerrogativas e posesións (incluíndo o conxunto de territorios que se estendía desde a Rusia norteña de Laponia aos Urais).

As rebelións que seguiron (1479-1488) foron castigadas trasladando en masa ás familias máis ricas e máis antigas de Nóvgorod a Moscova, a Vyatka e a outras cidades rusas centrais. Despois disto Nóvgorod deixou de existir como Estado independente. A república rival de Pskov debeu a continuación da súa propia existencia política á axuda que lle prestou a Iván contra a súa antiga inimiga. Os outros principados foron absorbidos virtualmente, por conquista, compra ou unión: Yaroslavl en 1463, Rostov en 1474, Tver en 1485 e Vyatka en 1489.

Iván negouse a compartir as súas conquistas cos seus irmáns; a súa intromisión na política interna dos principados rexidos por estes orixinou varias guerras, das cales saíu vitorioso, a pesar de ter que enfrontarse tamén con Lituania —que sostivo aos seus irmáns—. Finalmente, a nova lei de goberno de Iván, disposta formalmente na súa última vontade, establecía que todos os dominios dos seus parentes, despois das súas mortes, debían pasar directamente ao gran príncipe reinante no canto da os herdeiros dos príncipes, como sucedera até entón: así puxo fin á semiindependencia dos principados.[3]

Política exterior[editar | editar a fonte]

Iván III puxo fin á relación de vasalaxe que o Gran Ducado de Moscova mantiña coa Horda de Ouro. En 1480 Iván rexeitou pagar o tributo afeito ao gran khan Ahmed. Con todo, cando este marchou contra el, a súa determinación comezou a fallar, e soamente as severas exhortacións do bispo de Rostov, Vasián, inducírono a presentar batalla. Durante todo o outono, as hostes rusas e tártaras enfrontáronse nos lados opostos do río Ugrá no que se denomina o «gran enfrontamento do río Ugrá», até o 11 de novembro, cando Ahmed retirouse á estepa.

A guerra de Iván contra o Gran Ducado de Lituania (1500-1503), que lle reportou extensos territorios.

O ano seguinte, o gran khan, que se atopaba preparando unha segunda expedición contra Moscova, foi atacado e asasinado por Ivaq, khan da Horda de Nogái, co cal a Horda de Ouro disolveuse. En 1487 Iván reduciu o Khanato de Kazán, un dos sucesores da Horda, á condición de vasalo, aínda que nos seus últimos anos perdeu o seu dominio sobre el. Coas outras forzas musulmás (o khan de Crimea e os sultáns do Imperio otomán), as relacións eran pacíficas e mesmo amigables. O khan de Crimea, Meñli I Giray, axudoulle contra o Gran Ducado de Lituania e facilitou as relacións diplomáticas entre Moscova e Istambul, onde acudiu a primeira embaixada rusa en 1495.

En canto á política nórdica, Iván III concluíu unha alianza ofensiva con Hans de Dinamarca e mantivo unha correspondencia regular co emperador Maximiliano I, que o chamou “irmán”. Construíu unha cidadela en Ingria (renomeada Ivángorod), que foi moi útil na guerra contra Suecia, á que precedera a detención por parte de Iván dos comerciantes da liga Hanseática que negociaban en Nóvgorod.

A morte de Casimiro IV en 1492, á que seguiu a repartición de Polonia e Lituania entre os seus herdeiros, facilitou a expansión dos dominios moscovitas. O trono de Lituania foi ocupado polo seu fillo Aleksandr, príncipe débil e apático, tan incapaz de defender as súas posesións contra os ataques persistentes dos moscovitas que procurou evitalos mediante un acordo matrimonial, desposando a Helena, filla de Iván. Pero a porfía de Iván en apropiarse do territorio a calquera prezo obrigou a Aleksandr en 1499 a tomar partido contra o seu sogro. Os lituanos resultaron vencidos en Vedrosha (o 14 de xullo de 1500) e en 1503 Aleksandr se avino a asinar a paz a cambio de ceder a Iván Chernígov, Starodub, Nóvgorod-Síverski e dezaseis cidades máis.[4]

Política interna[editar | editar a fonte]

O carácter do goberno de Moscovia baixo Iván III cambiou profundamente e adquiriu unha forma autocrática que non tivera nunca antes. Isto era debido non simplemente á consecuencia natural da hexemonía de Moscova sobre as outras terras rusas, senón ao crecemento simultáneo dos novos e exóticos principios que aparecen nun terreo abonado para eles.[5] Despois da caída de Constantinopla, os patriarcas ortodoxos inclináronse a considerar aos grandes Duques de Moscova como os sucesores dos emperadores bizantinos.

Este movemento coincidiu cun cambio nas circunstancias da familia de Iván III. Despois da morte da súa primeira esposa, María de Tver (1467), seguindo a suxestión de papa Paulo II (1469), que esperaba de tal modo atar Rusia á Santa Sé, Iván III desposou a Sofía Paleóloga (tamén coñecida baixo o seu nome grego e ortodoxo orixinal de Zoe), filla de Tomé Paleólogo, o déspota de Morea, que demandou o trono de Constantinopla como irmán de Constantino XI, anterior emperador de Bizancio. Frustrando as esperanzas do papa de unificar a fe, a princesa converteuse á ortodoxia. Debido ás súas tradicións de familia, espertou ideas imperiais na mente do seu esposo. Era tal a súa influencia que a etiqueta cerimoniosa de Constantinopla (xunto coa aguia bicéfala imperial e a súa implicación) foi adoptada pola corte de Moscova.

O gran duque en diante mantivo a distancia das súas boiardos. Os vellos sistemas do goberno patriarcal desapareceron. Os boiardos non foron consultados máis sobre asuntos do estado. O soberano converteuse en sacrosanto, mentres que os boiardos foron reducidos ao nivel dos servos absolutamente dependentes da vontade do soberano. Os boiardos naturalmente resentidos promoveron unha revolución, ao principio cun certo éxito. Pero a segunda esposa de Iván prevaleceu, sendo o seu fillo Vasili, e non o fillo de María de Tver, Iván, o que foi nomeado correxente co seu pai (o 14 de abril de 1502).

No reinado de Iván III o Sudébnik, ou código da lei, foi compilado polo escríbano Vladímir Gúsev. Iván fixo o posible para facer do seu capital unha sucesora digna a Constantinopla, e con ese obxecto convidou a moitos artistas e mestres estranxeiros que radicasen en Moscova. O máis coñecido destes era o italiano Aristóteles Fioravanti debido ao seu coñecemento extraordinario, e que construíu varias catedrais e palacios no Kremlin de Moscova. Este monumento extraordinario da arte moscovita segue sendo un símbolo duradeiro da forza e da gloria de Iván III.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Michael C. Paul, "Secular Power and the Archbishops of Novgorod up to the Muscovite Conquest," Kritika (2007) 8#2 pp:131–170.
  2. Paul, "Secular Power," 264.
  3. Donald Ostowski, "The Growth of Moscovy, (1462-1533) in Maureen Perrie, ed., The Cambridge History of Russia (2006) vol. I pages 222–3
  4. Sigismund von Herberstein's Rerum Moscoviticarum Commentarii (1549).
  5. J. L. I. Fennell, Ivan the Great of Moscow (1961) p 354

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fennell, J. L. I. Ivan the Great of Moscow (1961)
  • Ostowski, Donald. "The Growth of Moscovy, (1462-1533) in Maureen Perrie, ed., The Cambridge History of Russia (2006) vol. I pages 213-39
  • Paul, Michael C. "Secular Power and the Archbishops of Novgorod up to the Muscovite Conquest," Kritika (2007) 8#2 pp:131–170.
  • Soloviev, Sergei M. and John J. Windhausen, eds. History of Russia. Vol. 8: Russian Society in the Age of Ivan III (1979)
  • Vernadsky, George, and Michael Karpovich, A History of Russia vol. 4 (1959).
  • Sigmund Freiherr von Herberstein (1851). Notes Upon Russia: Being a Translation of the Earliest Account of that Country, Entitled Rerum Moscoviticarum Commentarii. Hakluyt Society. p. 1. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

  • Tsares de Rusia

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Basilio II
Seal of Ivan 3 (reverse).svg
Gran Príncipe de Moscova

1462 - 1505
Sucesor:
Basilio III
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Iván_III_de_Rusia&oldid=4965181"