Joaquín García Labella

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Joaquín García Labella
Nacemento 10 de abril de 1905
  Granada
Falecemento 25 de agosto de 1936
  Granada
Causa Fusilamento
Nacionalidade España
Educado en Universidade de Granada, London School of Economics e Universidad Central
Ocupación político, xurista e catedrático de universidade
editar datos en Wikidata ]

Joaquín García Labella, nado en Granada o 10 de abril de 1905 e finado na mesma cidade o 25 de agosto de 1936, foi un xurista e político español.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Licenciado en Dereito pola Universidade de Tarragona, marchou a Francia onde completou estudos cos xuristas Léon Duguit e Roger Bonnard e no Reino Unido na London School of Economics. En 1926 doutorouse na Universidade Central de Madrid, e controvertese en catedrático de dereito administrativo da Universidade de Santiago de Compostela ao ano seguinte. Sufriu a represión da ditadura de Primo de Rivera cando a maioría das universidades protestaron contra o réxime. Integrado nos círculos republicanos galegos, participou no pacto de Lestrobe. A finais de 1930 trasladouse á Universidade de Salamanca como catedrático de dereito político, compatibilizando o traballo co de maxistrado da Audiencia Provincial na sala do contencioso-administrativo. Por permuta con José María Gil-Robles estableceuse definitivamente na Universidade de Granada.

Coa proclamación da República foi nomeado gobernador civil da Coruña (ata xuño dese ano). Incorporouse a Acción Republicana primeiro a Izquierda Republicana despois, en 1932 ocupou o goberno civil de Cádiz e ao ano seguinte o de Sevilla. En 1933 foi Director Xeral de Administración Local, retirándose despois da política activa para reincorporarse á cátedra granadina, aínda que continuou como asesor xurídico do Concello Granada.

Coa sublevación do 18 de xullo de 1936 foi detido acusado de esconder armas no Concello. Consciente dos fusilamentos no cemiterio de Granada que se sucedían sen interrupción, escribiu unha carta de súplica ao capitán sublevado José Nestarés Cuellas, na que se ofrecía para combater no bando franquista, abxuraba das súas ideas e amizades e abrazaba a relixión católica. Foi liberado e deixado a cargo de Nestarés que mantiña unha unidade paramilitar en Viznar, onde Labella foi ingresado en "La Colonia", unha especie de prisión privada de Nestarés onde humillaba a Labella obrigándoo a levar un mandil que o identificaba como membro da masonería. Nas cartas que enviou á familia, Labella sinalaba que o obrigaban a cavar as fosas dos fusilados. Despois, vestido de falanxista, Nestarés incorporouno é súa unidade. Durante un acto relixioso o 15 de agosto, García Labella foi recoñecido por un tenente coronel que se dirixiu ao gobernador militar queixándose de que estivera libre e vivo. Pouco despois comunicáronlle o traslado a Granada mediante engano ao dicirlle que ía pasar uns días visitando á súa muller e á súa filla, pero non foi así, sendo xulgado de maneira sumaria e fusilado no cemiterio de San José xunto a outros 37 presos[1].

Casou en Galicia con Isabel España en 1931.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pettenghi Lachambre, José Aquiles (2009). Detrás del Silencio. El Trágico Destino de los Gobernadores Civiles de Cádiz en la II República. Artepick TM. pp. 79–87. ISBN 9788493679903. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]


Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Joaquín_García_Labella&oldid=4702497"