Xosé Rodríguez González

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "José Rodríguez González")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Xosé Rodríguez González
Nacemento25 de outubro de 1770
 Bermés, Bermés, Lalín
Falecemento30 de setembro de 1824
 Santiago de Compostela
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónmatemático
editar datos en Wikidata ]

Xosé Rodríguez González, tamén coñecido como Matemático Rodríguez ou o Matemático de Bermés, nado en Bermés (Lalín) o 25 de outubro de 1770 e finado en Santiago de Compostela o 30 de setembro de 1824[1], foi un científico galego da Ilustración e político liberal. Realizou frecuentes viaxes por Europa para intercambiar coñecementos e ampliar estudos, entrando en contacto cos traballos dos grandes científicos da época: Laplace, Arago...

Durante a invasión francesa foi comisionado da Xunta Central para trazar un mapa da Península e fixar un sistema máis exacto de Pesas e Medidas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Busto de Xosé Rodríguez González en Bermés.

Nado no seo dunha familia de labregos. Grazas á axuda dun tío sacerdote logrou cursar estudos cos xesuítas de Monforte de Lemos e na Universidade de Santiago de Compostela. Completou os estudos de gramática, aritmética e latín. En 1790 obtivo o titulo de bacharel en filosofía, aos que seguiron os graos en teoloxía e matemáticas. No curso 1798-1799, aos 28 anos exerceu como catedrático suplente de matemáticas sublimes da facultade de medicina de Compostela, cátedra que gañou en 1800. O tribunal que o examinou elevou un informe ao rei Carlos IV eloxiando as capacidades e coñecementos nas materias xulgadas (aritmética, álxebra, trigonometría, cálculo, principios de mecánica hidroestática e astronomía).

En 1803 solicitou unha excedencia para desprazarse a París e así ampliar os seus coñecementos de astronomía e matemáticas e alí tivo contacto con científicos e eruditos de renome internacional como Jean-Baptiste Biot.

En 1806 foi nomeado comisario español xunto a José Chaix nunha expedición francesa liderada por François Arago e Jean Baptiste Biot, coa misión de prolongar a medida do arco do meridiano de París entre Dunkerque e Barcelona ata a illa de Formentera, continuando e mellorando o traballo iniciado por Pierre Méchain e Jean-Baptiste Joseph Delambre. Esta medición foi fundamental para o establecemento do metro, base do sistema métrico decimal. Os traballos de medición tiveron serias dificultades, xa que Arago foi detido en Mallorca baixo a sospeita de ser un espía en plena Guerra da Independencia. Rodríguez axudouno a escapar do cárcere.

En 1809 trasladouse a Inglaterra, onde realizou estudos e cálculos do meridiano de Greenwich a partir das observacións e medicións do tenente coronel británico William Mudge, célebre xeodesta que cos seus cálculos chegara á conclusión de que a Terre era achataba polo Ecuador e non nos polos, polo efecto gravitatorio segundo as teorías de Isaac Newton e Christiaan Huygens. Porén, Rodríguez, coas observacións de Mudge e empregando as fórmulas e o método de Delambre recalculou todas as observacións e descubriu un erro de observación da latitude da estación de Arbury Hill demostrando o fallo de Mudge coas súas conclusións sobre a forma do arco do meridiano e a forma da Terra. Esta é a súa achega máis importante á ciencia, demostrar empiricamente que a teoría de Newton era certa e ademais facelo con maior exactitude que calquera outro matemático. As súas conclusións, tituladas Observations on the measurement of threes degrees of the meridian, conductery in England by Lieutemant Colonel William Mudge,[2] foron lidas polo seu amigo José Mendoza, na calidade de membro, ante a Royal Society o 4 de xuño de 1812. Tamén traballou para a coroa británica nunhas medicións xeodésicas no Pacífico.

En 1814, con permiso real, desprazouse a Alemaña oonde tomou contacto coa cristalografía na Universidade de Gotinga, na que impartiu cursos, baixo a supervisión do mineraloxista Abraham Gottlob Werner. Os seus coñecementos sobre mineraloxía completáronse ao coñecer a René Just Haüy, pai da cristalografía moderna, que lle regalou unha colección de 1024 modelos cristalográficos tallados en madeira perfectamente catalogados e ordenados.

En 1817, por encargo da Universidade de Santiago de Compostela, regresou a París para adquirir instrumentos para o novo gabinete de física da universidade e dous anos máis tarde aceptou o posto de director do Observatorio astronómico de Madrid, dependente do Museo de Ciencias Naturais, para a reorganización do observatorio, así como o posto de profesor de astronomía do mesmo museo. Foi o creador da sección de mineraloxía do museo.

En 1822 axudou a organizar a recentemente creada Universidade Central de Madrid, defendéndoa como centro aglutinador da ciencia e punto de reunión das eminencias españolas. Deixou a súa cátedra en Compostela para ocupar a cátedra de astronomía en Madrid.

O tsar Alexandre ofreceulle a posibilidade de dirixir o observatorio de San Petersburgo, invitación que rexeitou.

Política[editar | editar a fonte]

As súas constantes viaxes por Europa e os contactos co pensamento ilustrado dos académicos e científicos cos que se rodeou levárono a abrazar dende un primeiro momento as ideas ilustradas e liberais procedentes de Francia fronte ao inmobilismo imperante en España. O propio Rodríguez nunha das súas cartas en 1820 escribiu:

... digo que ningún pobo da terra fixo o paso repentino dun estado de embrutecimento, de escravitude e de barbarie ao de liberdade, de independencia e da razón con máis moderación e maior dignidade que o pobo español...

Así mesmo, foron as súas relacións tanto políticas como académicas e científicas as que o levaron a ser diputado no Congreso polo Reino de Galicia (1820-1822) durante o trienio liberal. Coa volta do poder absolutista foi marxinado e considerado como afrancesado.

Caído en desgraza polas súas ideas, foi desposuído da súa cátedra en Madrid e enfermo e case sen recursos viaxou a Portugal en 1824, onde tivo contacto coas universidades de Coímbra e Lisboa. Ese mesmo ano regresou a Compostela, onde faleceu. Foi enterrado na igrexa de santo Agostiño, nunha tumba sen inscrición.

Legado[editar | editar a fonte]

A pesar de ter o total aprecio e distinción dos xeómetras e astrónomos máis famosos da súa época, en especial de Pierre Simon Laplace, ser presentado na Academia das Ciencias Francesa e ser lida a súa comunicación na Royal Society, en España apenas tivo repercusión e recoñecemento. Deixou algúns manuscritos interesantes, e a súa colección de mineraloxía,[3] regalo de Haüy, foi doada á Universidade de Santiago de Compostela, e está exposta no Museo de Historia Natural.[4] Parte dos seus instrumentos están nunha sala do Museo de Ciencias Naturais.

Está inmortalizado no paraninfo da Universidade de Zaragoza xunto con José Chaix.[5]

O seu sobriño foi o lingüista Francisco Javier Rodríguez Gil.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Xosé_Rodríguez_González&oldid=5069955"