Este artigo amosa letras cirílicas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
Kiev[1][2][3] (en ucraíno: Київ, tr."Kyiv"[4], [ˈkɪjiw] (AFI), escoitar; en ruso: Киев, tr."Kiev"), é a capital e maior cidade da Ucraína, cunha poboación de máis de 2.6 millóns de habitantes. Segundo o censo de 2001 a maioría da poboación é de nacionalidade ucraína, concretamente o 82.2%, a principal minoría é a rusa co 13.1% seguido da xudía (0.7%), bielorrusa (0.6%), polaca (0.3%) e armenia (0.2%). A maioría da poboación, un 75%, declara no censo que o ucraíno é a súa lingua materna pero segundo unha enquisa sociolingüísta realizada en 2003 o ruso é a lingua que fala a maioría da poboación, un 52% fala habitualmente principalmente ruso, 32% ruso e ucraíno, 14% principalmente ucraíno e só o 4.3% só ucraíno.
Administrativamente, Kiev é unha cidade cun status especial, independente do oblast (rexión) de Kiev que a arrodea. Kiev constitúe un centro industrial, científico, educativo e cultural importante no leste de Europa.