Liberalismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Liberal")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Figuras alegóricas do Monumento á Constitución de 1812 en Cádiz.

O liberalismo é unha corrente de pensamento filosófica e unha ideoloxía que ten a liberdade e igualdade fronte á lei como o principais valores políticos e baséase nunha fe optimista na natureza e na súa crenza da razón, ten a súa orixe na Ilustración europea e enfatiza os dereitos individuais, preconiza unha sociedade baseada na liberdade de pensamento, na limitación do poder, no goberno da lei, no libre mercado que soporte a empresa privada e nun sistema transparente de goberno no cal se protexan os dereitos de todos os cidadáns. O radicalismo é unha ideoloxía liberal progresista nalgúns países difícil de distinguir dos liberalismo clásico.

Correntes[editar | editar a fonte]

Existen diversas correntes dentro do pensamento liberal que se diferencian especialmente polos seus fundamentos filosóficos, polos límites e funcións que se asignan ao Estado e pola área á que se aplica o principio de liberdade (economía, institucións políticas, sociedade). O liberalismo coñeceu unha fonda fractura a finais do século XIX, data na que se comezou a distinguir, sobre todo en Gran Bretaña, o liberalismo clásico do novo liberalismo, tamén coñecido como liberalismo social, que propugna unha regulamentación social, e a intervención parcial do Estado na economía para garantir unha economía social de mercado completa e verdadeiramente libre, que impida a formación de monopolios. Amais destas dúas correntes, existen outras como o libertarismo (minarquismo, agorismo e anarcocapitalismo). Desde o punto de vista da teoría económica, distínguese aescola neoclásica que acepta unha certa regulación autoritaria dos mercados ou pola contra as escolas que lle dan máis confianza aos mercados, como a escola austríaca moderna, ou a escola da elección pública que estuda a instrumentalización masiva do poder público polos grupos de presión, os medios de comunicación ou os electores.

Historia[editar | editar a fonte]

Adam Smith, un dos principais economistas liberais

A historia do liberalismo abrangue a maior parte dos últimos catro séculos, comezando na Guerra Civil Inglesa e continúa tralo fin da Guerra Fría. O liberalismo comezou como unha doutrina principal e esforzo intelectual en resposta ás guerras relixiosas, aínda que o contexto histórico para a ascensión do liberalismo se remonta á Idade Media. A primeira encarnación notable da axitación liberal chegou coa Revolución Americana, e o liberalismo plenamente estoupou como un movemento global contra a vella orde durante a Revolución Francesa, que marcou o ritmo para o futuro desenvolvemento da historia humana.

Os liberais clásicos, que en xeral destacaron a importancia do libre mercado e as liberdades civís, dominaron a historia liberal no século trala Revolución Francesa. O inicio da primeira guerra mundial e a Gran Depresión; non obstante, aceleraron a tendencia iniciada no final do século XIX en Gran Bretaña para un novo liberalismo que deu máis énfase a un maior papel para que o Estado mellorase as condicións sociais devastadoras. No inicio do século XXI, as democracias liberais e as súas características fundamentais dos dereitos civís, liberdades individuais, sociedades pluralistas e o estado do benestar prevaleceran na maioría das rexións do mundo. O liberalismo defendía a descentralización política.

Impacto e influencia[editar | editar a fonte]

Os elementos fundamentais da sociedade contemporánea ten raíces liberais. As primeiras vagas do liberalismo popularizaron o individualismo económico, ao mesmo tempo en que expandían os gobernos constitucionais e a autoridade parlamentaria.[1] Un dos maiores triunfos liberais envolveu a substitución da natureza caprichosa dos gobernos monárquicos e absolutistas por un proceso de toma de decisión codificado en leis escritas.[1] Os liberais procuraron e estableceron de feito unha orde constitucional que valoraba as liberdades individuais, como a liberdade de expresión e a de asociación, un poder xudicial independente e o xuízo por un xurado público, alén da abolición dos privilexios aristocráticos.[1]

Estas mudanzas radicais na autoridade política marcaron a transición do absolutismo para a orde constitucional.[1] A expansión e promoción dos mercados libres foi outra gran conquista liberal. Antes que puidesen establecer novas estruturas de mercado, en cambio, os liberais tiveron que destruír as antigas estruturas económicas do mundo. Nese sentido, os liberais acabaron coas políticas mercantilistas, monopolios reais e diversas outras restricións sobre as actividades económicas.[1] Tamén tentaron abolir as barreiras internas ao comercio, eliminando as tarifas locais e as prohibicións sobre a venda de terras.[1]

As vagas posteriores do pensamento e da loita liberal foron fortemente influenciadas pela necesidade de expandir os dereitos civís. Nas décadas de 1960 e 1970, a causa da segunda vaga do feminismo nos Estados Unidos desenvolveuse en gran parte por organizacións feministas liberais como a Organización Nacional das Mulleres.[2] Alén de defender a igualdade de xénero, os liberais tamén defendían a igualdade racial a fin de promover os dereitos civís, sendo que o movemento dos dereitos civís no século XX alcanzou varios deses obxectivos. Entre os varios movementos rexionais e nacionais, o movemento dos dereitos civís dos negros nos Estados Unidos durante a década de 1960 realzou fortemente a cruzada liberal polos dereitos iguais. Describindo os esforzos políticos do período, algúns historiadores teñen afirmado que "a campaña polo dereito a votar marcou ... a converxencia de dúas forzas políticas no seu cénit: a campaña negra pola igualdade e o movemento pola reforma liberal", comentando sobre como "a loita para garantir o voto aos negros coincidiu coa chamada liberal pola maior acción federal para protexer os dereitos de todos os cidadáns ".[3] O proxecto da Gran Sociedade lanzado polo presidente dos Estados Unidos Lyndon B. Johnson prevía a creación do Medicare e do Medicaid, o establecemento do Programa Head Start e o Job Corps, como parte da política contra a pobreza, unha serie de eventos rápidos que algúns historiadores chamaron a Hora Liberal.[4]

Outra importante conquista liberal inclúe a ascensión do internacionalismo liberal, que é considerado o responsábel do establecemento de organizacións globais, como a Liga das Nacións e, trala segunda guerra mundial, as Nacións Unidas.[5] A idea de exportar o liberalismo para o mundo enteiro e construír unha orde internacionalista harmoniosa e liberal dominou o pensamento dos liberais desde o século XVIII.[6] "Todos os lugares en que o liberalismo floreceu internamente, este ten sido acompañado por visións de internacionalismo liberal", escribiu un historiador[6] Mais a resistencia ao internacionalismo liberal foi profunda e amarga, con críticos argumentando que a crecente interdependencia mundial podería resultar na perda da soberanía nacional e que as democracias representaban unha orde corrupta incapaz de alcanzar un bo goberno doméstica ou global.[7]

Críticas[editar | editar a fonte]

Execución de Torrijos e os seus homes en 1831. O rei español Fernando VII tomou medidas represivas contra as forzas liberais no seu país
En 2014, o escritor saudita e creador da web Free Saudi Liberals, Raif Badawi, foi condenado a 10 anos de prisión e 1000 lategazos por "insultar o islam"

O liberalismo atraeu críticas e apoios na súa historia de diversos grupos ideolóxicos. O menos amigábel aos obxectivos do liberalismo foi o conservadorismo. Edmund Burke, considerado por algúns como o primeiro gran propoñente do pensamento conservador moderno, ofreceu unha crítica violenta da Revolución Francesa atacando as pretensións liberais ao poder da racionalidade e á igualdade natural de todos os seres humanos.[8]

Existe certa confusión sobre a relación entre o liberalismo social e socialismo, a pesar do feito de que moitas variantes do socialismo se distinguen marcadamente do liberalismo debido ao feito de se opor ao capitalismo, a xerarquía e a propiedade privada. O socialismo formou parte dun grupo de ideoloxías diverxentes ao liberalismo no século XIX, así como o socialismo cristián, o comunismo (cos escritos de Karl Marx) e o anarquismo (cos escritos de Mikhail Bakunin), os dous últimos influenciados pola comuna de París. Esas ideoloxías –así como o liberalismo e o conservadorismo– foron divididos en varios movementos maiores e menores nas décadas seguintes.[9] Marx rexeitou os aspectos fundamentais da teoría liberal, na esperanza de destruír o Estado e a distinción liberal entre a sociedade e o individuo xuntando os dous nun traballo colectivo proxectado para derrubar a orde capitalista en desenvolvemento do século XIX.[10] Hoxe, os partidos e as ideas socialistas continúan a ser unha forza política con diferentes graos de poder e influencia en todos os continentes, liderando os gobernos nacionais en moitos países.

Vladimir Lenin alega que –ao contrario do marxismo– a ciencia liberal defende a escravitude do salario.[11][12] En cambio, algúns defensores do liberalismo, como George Henry Evans, Silvio Gesell e Thomas Paine, son críticos da escravitude do salario.[13][14] unha das críticas mais abertas do liberalismo foi da Igrexa Católica,[15] que resultou en longas loitas de poder entre os gobernos nacionais e a Igrexa. Na mesma liña, os conservadores tamén atacaron o que eles perciben como a busca liberal imprudente de progreso e ganancias materiais, argumentando que tales preocupacións prexudican os valores sociais tradicionais enraizados na comunidade e a continuidade dos mesmos.[16] En cambio, algunhas variacións de conservadorismo, como conservadorismo liberal, expón algunhas das mesmas ideas e principios defendidos polo liberalismo clásico, incluíndo "goberno pequeno e capitalismo próspero".[8]

A socialdemocracia, ideoloxía que defende a modificación progresiva do capitalismo, xurdiu no século XX e foi influenciada polo socialismo. En cambio, ao contrario do socialismo, non é colectivista nin anticapitalista. Definido de forma xeral como un proxecto que busca corrixir, por medio do reformismo gobernamental, o que considera como os defectos intrínsecos do capitalismo, reducindo as desigualdades,[17] a socialdemocracia tampouco estaba contra o estado. Varios comentaristas observaron fortes semellanzas entre o liberalismo social e a socialdemocracia, cun científico político que até mesmo chamou o liberalismo americano de bootleg social democracy debido á ausencia dunha tradición socialdemócrata significativa nos Estados Unidos que os liberais tentaron corrixir.[18] Outro movemento asociado á democracia moderna, a democracia cristiá, espera espallar as ideas sociais católicas e gañou un gran número de seguidores nalgúns países europeos.[19] As primeiras raíces da democracia cristiá desenvolvéronse como unha reacción contra a industrialización e a urbanización asociada co liberalismo laisez-faire do século XIX.[20] A pesar desas complexas relacións, algúns estudosos argumentaron que o liberalismo realmente "rexeita o pensamento ideolóxico" en conxunto, en gran parte porque tal pensamento podería levar a expectativas irrealistas para a sociedade humana.[21]

Os fascistas acusan o liberalismo de materialismo e unha falta de valores espirituais.[22] En particular, o fascismo opónse ao liberalismo polo seu materialismo, racionalismo, individualismo e utilitarismo.[23] Os fascistas cren que a énfase liberal na liberdade individual produce división nacional,[22] mais moitos fascistas concordan cos liberais no seu apoio aos dereitos á propiedade privada e á economía de mercado.[23]

Algúns estudosos eloxiaron a influencia do internacionalismo liberal, alegando que o aumento da globalización "constitúe un triunfo da visión liberal que apareceu por primeira vez no século XVIII" ao mesmo tempo que escriben que o liberalismo é "a única visión ampla e esperanzada dos asuntos mundiais".[24]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,01,11,21,31,41,5 Gould, p. 3.
  2. Worell, p. 470.
  3. Mackenzie e Weisbrot, p. 178.
  4. Mackenzie and Weisbrot, p. 5.
  5. Sinclair, p. 145.
  6. 6,06,1 Schell, p. 266.
  7. Schell, pp. 273–80.
  8. 8,08,1 Grigsby, p. 108.
  9. Grigsby, pp. 119–22.
  10. Koerner, pp. 9–12.
  11. Selsam, Howard; Martel, Harry (1963). Reader in Marxist Philosophy. International Publishers. p. 37. ISBN 0717801675. Consultado o 1 de xuño de 2017. 
  12. Lenin, Vladimir (2008). On Culture and Cultural Revolution. Wildside Pres LLC. p. 34. ISBN 1434463524. Consultado o 1 de xuño de 2017. 
  13. Modelo:Citar web[Ligazón morta]
  14. Rodriguez, Junius P. (2007). Slavery in the United States: A Social, Political, and Historical Encyclopedia, Volumen 1. ABC-CLIO. p. 500. Consultado o 1 de xuño de 2017. 
  15. Grew, Raymond (1997). "Liberty and the Catholic Church in 19th century Europe". En Richard Helmstadter. Freedon and Religion in the 19th Century. Stanford University Pres. p. 201. ISBN 978-0-8047-3087-7. 
  16. Koerner, p. 14.
  17. Lightfoot, p. 17.
  18. Suser, p. 110.
  19. Riff, pp. 34–36.
  20. Riff, p. 34.
  21. Wolfe, p. 116.
  22. 22,022,1 Marvin Perry, Myrna Chase, Margaret Jacob, James R. Jacob. WESTERN CIVILIZATION: IDEAS, POLITICS, AND SOCIETY- FRON 1600, Volume 2. 9th ed. Boston, Masaschusetts, USA: Houghton Mifflin Harcourt Publishing Company, 2009 Pp. 760.
  23. 23,023,1 Sternhell, Zeev, Mario Sznajder and Maia Ashéri. The Birth of Fascist Ideology: Fron Cultural Rebellion to Political Revolution (Princeton, New Jersey: Princeton University Pres, 1994) 7.
  24. Venturelli, p. 247.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Liberalismo&oldid=4902850"