Literatura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Libros antigos do Colexio Merton da Universidade de Oxford.

A literatura[1] é a arte de escribir. Segundo aparece no Dicionario de Autoridades de 1734,[2] a literatura é "o coñecemento e ciencias das letras". En xeral, pódese entender como literatura calquera tipo de texto. Mesmo hai quen defende que se pode incluír calquera tipo de traballo baseado en símbolos, como a banda deseñada, as imaxes ou a escultura. Porén, considérase polo xeral que a literatura só son os textos escritos dunha certa calidade e de certos xéneros, excluíndo a banda deseñada, a novela romántica ou a "policías", por exemplo. Os temas son moi variados.

Considérase un xénero literario cada unha das manifestacións formais das obras literarias segundo unha clasificación que ten en conta a estrutura e o contido. Dende Platón e Aristóteles até case o século XIX, foron estabelecidos como básisoc tres xéneros, que partían da imitación e da descrición da natureza. Da primeira xorde o xénero dramático (traxedia, drama, comedia), da segunda o lírico (poesía) e da súa fusión, a épica.[3]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Etimoloxicamente, a verba deriva da palabra latina litteratura, sendo o sentido orixinal da mesma Arte de escribir e de ler, coñecemento de todo o que foi escrito, e é esta a tradución da expresión grega γραμματικ`η τeχνη.[4] Porén, o concepto de literatura é máis amplo, xa que se pode considerar a literatura com o conxunto de obras literarias dun pobo (literatura galega), dunha época (literatura romántica) ou dun xénero (literatura épica).[5]

Etimoloxicamente, tamén deriva da palabra latina littera, que quere dicir 'letras'.

Xéneros literarios[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Xénero literario.

Os xéneros literarios foron mudando segundo a época e a zona cultural. Tradicionalmente foron estabelecidos como básicos tres xéneros, que partían da imitación e da descrición da natureza. Da primeira xorde o xénero dramático (traxedia, drama, comedia), da segunda o lírico (poesía) e da fusión de ámbalas dúas, a épica. Benedetto Croce (1886-1952) representou o cambio de perspectiva: cada obra é unha visión do mundo, singular e individual; pertence a un xénero por aspectos externos. Hoxe admítese, en xeral, a división clásica, mais como expresión de tres actitudes fundamentais humanas e como unha axuda, co engadido de subdivisións, para a clasificación das obras.[3]

Segundo os medios expresivos e procedementos, Castagnino propón que a literatura ten como formas de expresión o verso e a prosa e as súas realizacións maniféstanse en xéneros literarios, universais, que se atopan máis ou menos desenvolvidos en calquera cultura: o lírico, o épico e o dramático. As manifestacións líricas son aquelas que expresan sentimentos personais; as épicas constitúense en expresión dun sentimento colectivo manifestado mediante diferentes maneiras narrativas; e as dramáticas, as que amosan os sentimentos e os problemas individuais comunicando cun diálogo directo. A estes xéneros literarios clásicos habería que engadir, ademais, o xénero didáctico. O fenómeno literario estivo sempre en constante evolución e transformación, de tal maneira que o criterio de pertenza ou non dunha obra na literatura pode variar ó longo da historia, ó variar o concepto de "arte literaria".[6]

Polo tanto, a maioría de clasificacións tradicionais tamén atenden á forma da escrita (a literatura oral asimílase no xénero correspondente). O primeiro gran xénero é a poesía, que engloba todas as obras escritas en verso. Foi o primeiro tipo de literatura, xa que xustamente os recursos retóricos do verso a afastaban da linguaxe ordinaria. Por oposición, está a prosa, que recolle a linguaxe sen métrica, e o teatro, baixo a forma de diálogo que se representa para un público. O teatro ten dous subxéneros principais segundo o tema e o estilo da obra: a traxedia e a comedia (se é triste e elevado, ou se trata de facer rir).

En paralelo, mantense a chamada literatura oral, de tradición popular, composta de lendas, relatos, mitos, cancións e contos de fadas. A literatura infantil e a literatura xuvenil son divisións en función da idade dos destinatarios, mais manteñen todos os xéneros da literatura para adultos.

Atendendo ó tipo de texto, o xénero principal é a narrativa, que inclúe todas as obras que teñen como propósito principal explicar unha historia. Dentro deste xénero salientan a novela, o conto, a fábula e a epopeia, entre outros. Os textos da lírica, pola contra, intentan transmitir emocións.

Se o texto non trata un tema de ficción senón unha reflexión sobre o mundo real, chámase ensaio. O sermón é unha variedade dirixida oralmente a un público. Dentro deste grupo, tamén se atopan os escritos dirixidos a consignar a vida dunha persoa ou feitos históricos, como a crónica, a biografía ou o diario persoal.

A banda deseñada é un xénero que mestura texto e ilustracións i pode tratar calquera tema. A trama acostuma a estar desglosada en viñetas, que fan a función de parágrafos. É un dos xéneros máis modernos na historia da literatura.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para literatura.
  2. Diccionario de autoridades, Real Academia Española, volums I-VI, 1a edición, publicada en 1726-1739. Edición facsímile, Editorial Gredos, 1963, tres volumes.
  3. 3,03,1 Enciclopèdia Catalana, SAU (ed.). "gènere literari". l'Enciclopèdia. Consultado o 16 de agosto de 2010. 
  4. Enciclopèdia Catalana, SAU (ed.). "literatura". l'Enciclopèdia. Consultado o 15 de agosto de 2010. 
  5. Enciclopèdia Catalana, SAU (ed.). "literatura". l'Enciclopèdia. Consultado o 15 de agosto de 2010. 
  6. Castagnino, Raúl H. ¿Qué es la literatura?. La abstracción: Literatura, naturaleza y funciones de lo literario. Buenos Aires: Editorial Nova, 1992.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Literatura&oldid=4940201"