Mártires de Carral

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 43°13′47″N 8°21′19″O / 43.22966, -8.35532

Monumento aos Mártires de Carral, inaugurado en 1905, obra de Juan Álvarez Mendoza.

Coñécense como Mártires de Carral os militares sublevados en varios lugares de Galicia en 1846 contra o presidente Narváez que foron executados o 26 de abril na vila coruñesa de Carral.

A revolta[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Revolución de 1846.

Sendo raíña de España Isabel II, que contaba daquela con 13 anos de idade, o presidente do Goberno Central, o xeneral Narváez, instaurou unha ditadura que provocou enfrontamentos populares. O 2 de abril de 1846 levantouse en Lugo o batallón mandado polo coronel Miguel Solís, disolvendo o Consello Provincial e a Deputación; outras prazas sumáronse nos días seguintes. O 15 de abril constituíuse en Santiago de Compostela a Xunta Superior do Reino de Galicia, que reclamou as liberdades e dereitos que Narváez abolira e un trato máis xusto para Galicia, que os sublevados consideraban literalmente tratada como "verdadeira colonia da corte". Unha vez declarada a revolta, Solís dirixiu unha arenga aos seus soldados. Nesta alocución a intención do alzamento atópase claramente expresada no final do discurso:

Gallegos: españoles todos: viva la reina libre, viva la Constitución, fuera estranjeros, abajo el dictador Narvaez, abajo el sistema tributario.

— Lugo 2 de abril de 1846. El comandante general interino. Miguel Solís y Cuetos, [1]

A represión da revolta[editar | editar a fonte]

Fachada da igrexa do Mosteiro de San Martiño Pinario.

O xeneral Narváez enviou tropas baixo o mando do xeneral José Gutiérrez de la Concha para recuperar o territorio. O día 23 de abril comezou a batalla de Cacheiras, na localidade homónima (concretamente o espazo situado entre as casas da Ribeira e a cima de Montouto),[2] entre as tropas de Madrid e as galeguistas de Solís, que foron derrotadas.[3] A gran superioridade das tropas do goberno central fixo inútil a resistencia. As tropas do xeneral De la Concha entraron en Compostela a saqueo e pillaxe, segundo se lles prometera.

Solís refuxiouse nun primeiro momento no Mosteiro de San Martiño Pinario, pero entregouse esa mesma tarde. Foi xulgado tres días despois en Carral, nun xuízo sumarísimo, e condenado a morte xunto cos seus compañeiros sublevados. O medo á reacción dos seus simpatizantes explica que o xuízo tivese lugar en Carral e non en Santiago ou na Coruña.

Ao serán, o coronel Solís foi levado ao adro da igrexa de Paleo, onde foi fusilado. O comandante Víctor Velasco e dez oficiais máis foron pasados polas armas na Fraga do Rei, entre Carral e Paleo, e foron enterrados no día seguinte no cemiterio de Paleo, sen que se escribise sobre as súas tumbas inscrición ningunha. O párroco, que presenciou o fusilamento, na acta de defunción engadiu: "Espectáculo horroroso. Triste Memoria".

Recoñecemento[editar | editar a fonte]

Placa do monumento onde se citan ós fusilados.

Dez anos despois, un novo goberno nomearía como "beneméritos da Patria" aos doce fusilados. As Cortes concedéronlles a "Cruz de valor e constancia" e decretaron a erección dun monumento, que non se levou a cabo ata o ano 1904, cando, por iniciativa da Liga Galega da Coruña, se erixiu o actual, construído no centro de Carral con granito das canteiras do Illó (Barro) e deseñado polo arquitecto lucense Juan Álvarez Mendoza. Pódese ver o escudo de Galicia e unha inscrición que di: "Mártires da liberdade. Mortos o 26 de abril de 1846". Este monumento, aínda que non se poida considerar en si un cruceiro, reúne motivación e formas de tal e, ademais, a estrutura da obra ten forma de cruz. Este recordatorio físico sería escenario de varias homenaxes, como a celebrada o 26 de abril de 1931 e da que se conserva unha fotografía na que se ve a Manuel Lugrís Freire dirixíndose aos asistentes.

Segundo conta Manuel Murguía, nesa curta primavera de 1846 só aflorou durante 24 días de ilusión e progresismo contra o Goberno de Narváez, que a pesar de dicirse liberal e moderado, tiña na súa contra á mediana e pequena burguesía, a moitos universitarios e bastantes profesionais próximos ó republicanismo. Aquela constituíu a primeira xeración galeguista, formada por persoas que confiaban en que se Solís obtiña éxito sería posible mellorar a situación de Galicia cun xeito distinto de facer política, sen ser unha "colonia da Corte", en palabras de Antolín Faraldo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Porto, Juan do (1846). Reseña histórica de los últimos acontecimientos políticos de Galicia (en castelán). Madrid: Imprenta de la Viuda de Burgos. p. 253. [1]
  2. A batalla de Cacheiras Arquivado 03 de maio de 2008 en Wayback Machine., páxina do concello de Teo.
  3. López Carreira (2013). Historia de Galicia, p. 221: "En Cacheiras [...] líbrase unha escaramuza, seguida pola retirada de Solís, que procurou o amparo dos muros de Compostela."

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Tettamancy, 1912, Los mártires de Carral.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Mártires_de_Carral&oldid=4864806"