Manuel Blanco Pascual

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Manuel Blanco Pascual
Nacemento3 de agosto de 1900
 Lleida
Falecemento1940
NacionalidadeEspaña
editar datos en Wikidata ]

Manuel Blanco Pascual, nado en Lleida o 3 de agosto de 1900 e finado en xullo de 1940, foi un fotógrafo e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Trasladouse a Galicia para cumprir o servizo militar na Coruña, onde exerceu a súa profesión de fotógrafo. Viaxou a Cuba, onde foi administrador de Terra Gallega e posteriormente a Barcelona. En 1927 instalouse no Barco de Valdeorras, montou estudio de fotografía no barrio de San Roque e Rubiá. Durante a República militou no grupo troskista Oposición Comunista de España dirixido por Andreu Nin. Despois da creación do POUM comezou o seu achegamento ao Partido Comunista, converténdose en secretario do radio comunista do Barco[1]. En marzo de 1936 foi nomeado concelleiro e elixido primeiro tenente de alcalde. Ás poucas semanas o alcalde Eulogio Gavela Vega renuncia e Manuel Blanco substitúeo ata principios de xuño cando nomean alcalde a Abdón Blanco García. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu ao monte. Xulgado en Ourense por rebelión militar, foi declarado en rebeldía. Fuxiu cara Cabreira e posteriormente a Asturias, onde permaneceu baixo control gobernamental até outubro de 1937. Cando tamén Asturias caeu, volveu cruzar cara terras cabreiresas, pasando a formar parte dos grupos fuxidos que permanecían na zona, dirixidos por Manuel Girón Bazán e Manuel Álvarez Arias, alias O Bailarín.

O 6 de xullo de 1940 un continxente de regulares e falanxistas rodeou a casa da Lomba onde se ocultaba xunto cos asturianos Arcadio Ríos e Valentín García e o cabreirés Domingo Valle Cañal. Iniciado o combate os asturianos puideron saír do cerco xunto a Laura Blanco Rodríguez, a dona da casa, e o seu fillo Manuel Jesús López Blanco. Domingo Valle foi apresado con vida e morreu a consecuencia das feridas do combate no traxecto ata Ponte de Domingos Flórez. Manuel Blanco, gravemente ferido, conseguiu saír do cerco, pero foi detido posteriormente, torturado e finalmente asasinado[2].

Foi fusilado en xullo de 1940 nos arredores da aldea de Lomba, na Cabreira leonesa, polo exército franquista e enterrado nunha fosa común; os seus restos foron localizados por técnicos e voluntarios da Asociación por la Recuperación de la Memoria Histórica e exhumados o 4 de xullo de 2009[3]. Posteriormente foi enterrado nun acto do Concello do Barco, o 27 de marzo de 2010, no cemiterio civil da vila.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. García Yáñez, Félix (2005). A Nosa Terra, ed. O Barco e a Terra de Valdeorras durante a II República e o Franquismo (1931-1977). Vigo. p. 72. ISBN 84-96403-13-0. 
  2. "Dos muertos y dos destinos". Arquivado dende o orixinal o 02 de agosto de 2013. Consultado o 24 de xullo de 2013. 
  3. Manuel Blanco Pascual, atopado

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • García Yáñez, Félix (2005). A Nosa Terra, ed. O Barco e a terra de Valdeorras durante a II República e o Franquismo (1931-1971). Vigo. ISBN 84-96403-13-0. 
  • Santidrián Arias, Víctor Manuel (2003). Do Castro, ed. Historia do PCE en Galicia (1920-1968). Sada. p. 104. ISBN 978-84-8485-079-3. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Manuel_Blanco_Pascual&oldid=5171286"