Manuel Chamoso Lamas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Manuel Chamoso Lamas
Nacemento16 de maio de 1909
 A Habana
Falecemento24 de abril de 1985
 A Coruña
SoterradoMoldes
NacionalidadeEspaña
Educado enUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónarqueólogo, escritor e historiador da arte
editar datos en Wikidata ]

Manuel Chamoso Lamas, nado na Habana o 16 de maio de 1909 e falecido na Coruña o 24 de abril de 1985, foi un arqueólogo, historiador da arte e escritor galego que dirixiu as escavacións de Iria Flavia e o subsolo da Catedral de Santiago de Compostela.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Chamoso naceu na Habana, fillo de emigrantes, pero dende os catro anos residiu en Galicia na casa petrucial de Moldes, no Concello de Boborás, a carón do pazo de Antón Losada Diéguez, quen lle deu clase. Cursou o bacharelato no instituto de Pontevedra, onde recibiu clases de debuxo de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Obtivo o doutoramento de Filosofía e Letras e Dereito en Compostela e Madrid, onde foi alumno de Eugeni d'Ors e José Ortega y Gasset.[1]

Ao estalar a Guerra civil española entra en filas, incorporándose ao "Servicio Militar de Recuperación" nas frontes de Madrid e Levante cunha misión que consistía na recuperación do patrimonio cultural. Ao finalizar a guerra dedícase á recuperación dos tesouros do patrimonio artístico xunto con Graciano Macarrón Despierto, Juan de Contreras y López de Ayala (marqués de Lozoya), e o que logo sería o arquitecto do Valle de los Caídos, Pedro Muguruza.[1]

No ano 1940 ratificouse a Chamoso como "Delegado Inspector General de los Depósitos dependientes del Servicio de Recuperación". No 1945 pasa a ser Comisario da "I Zona del Servicio de Defensa del Patrimonio Artístico", que inclúe León, Asturias e Galicia.

Realizou escavacións arqueolóxicas nas minas de ouro romanas de Barbantes, no seu inmediato Castro de San Cibrao de Las, en Santa Mariña de Augas Santas de Allariz, na Catedral de Santiago de Compostela (1946-1959), para atopar a lauda do bispo iriense Teodomiro e verificar aspectos da lenda da aparición do sartego do Apóstolo.

Dende 1967 dirixiu o Museo das Peregrinacións e de Santiago de Compostela, do que foi fundador.[2]

En 1977 e dentro da reordenación do Ministerio de Cultura feita por Pío Cabanillas, foi nomeado Subdirector Xeral de Patrimonio Artístico, cargo ao que renunciou ao cabo dun ano.

En Boborás promoveu a declaración dos BICs das igrexas de San Xulián de Astureses, San Mamede de Moldes e o conxunto Histórico-Artístico de Pazos de Arenteiro. Tamén no caso dos muíños dos Cinco Infernos este foi declarado Monumento Nacional.

Chamoso Lamas foi membro da comisión nacional do Consello Internacional de Museos, do Instituto Arqueolóxico Alemán, correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, da Société des antiquaires de France, membro, presidente e presidente de honra a título póstumo da Real Academia Galega de Belas Artes.[3] Así mesmo foi membro da Real Academia Galega[4] e do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses.

Obras[editar | editar a fonte]

Publicou máis dun centenar de traballos sobre arte de Galicia en revistas e coleccións especializadas.[5][6] Entre os seus libros destacan:

  • Noticia de los trabajos realizados por el Servicio de Recuperación ArtísticA, 1943, Hauser y Menet.
  • Ribadavia, Editorial de los Bibliófilos Gallegos, 1951.
  • La arquitectura barroca en Galicia, 1955. Instituto Diego Velázquez del CSIC.
  • Santiago de Compostela, Guías Artísticas de España, 1961, Ed. Aries.
  • Pórtico de las Platerias de Santiago de Compostela, 1964, Ministerio de Educación Nacional.
  • La Catedral de Santiago de Compostela, 1976, Editorial Everest.
  • Escultura funeraria en Galicia, 1979, Instituto de Estudios Orensanos Padre Feijoo.
  • La Catedral de Orense, 1980, Editorial Everest.
  • Catedrales de España [Santiago de Compostela, Orense, León, Valladolid, Salamanca], 1981, Everest.
  • Tuy, 1981, Editorial Everest.
  • Museo de arte Sacro. Clarisas de Monforte de Lemos, 1981, Caja de Ahorros de Galicia.
  • Itinerario monumental y artístico de Galicia, 1982, Sílex Ediciones.[7]
  • La Catedral de Lugo, 1983, Editorial Everest.
  • Estudios sobre arte, arqueología y museología, 2009, Anexo Abrente n.º 2, RAGBA.[8]
Nicho no camposanto de Moldes.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

  • Fillo adoptivo de Ribadavia, Pontevedra e Tui.
  • Medalla de Prata da Cidade de Compostela.
  • Medallas de Prata e Ouro do Mérito as Belas Artes.
  • Leva o seu nome o IES Manuel Chamoso Lamas do Carballiño.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

  • Centro de Estudos Chamoso Lamas do Carballiño.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Manuel_Chamoso_Lamas&oldid=4952733"