Manuel Colmeiro Penido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Manuel Colmeiro Penido
Manuel Colmeiro y Penido.jpg
Nome completoManuel Colmeiro y Penido
Nacemento1 de xaneiro de 1818
 Santiago de Compostela
Falecemento11 de agosto de 1894
 Madrid
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupacióneconomista, historiador, político, xurista e Cátedra universitaria
editar datos en Wikidata ]

Manuel Colmeiro Penido, nado en Santiago de Compostela o 1 de xaneiro de 1818 e finado en Madrid o 11 de agosto de 1894, foi un historiador, economista e xurista galego, irmán do botánico Miguel Colmeiro Penido.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Principios de Economía Política por el Dr. Don Manuel Colmeiro, 1859.

Estudou na Universidade de Santiago de Compostela Filosofía (1829-32) e Dereito (1838), doutorándose en 1841. Logo de exercer como profesor de Economía Política nesa mesma Universidade (1840-42) obtivo en 1847 as cátedras de Economía Política en Compostela e Dereito Administrativo en Madrid.

Adscrito ao Partido Fusionista foi elixido deputado en 1865 e senador en 1871 e 1879. Foi Presidente da Xunta Xeral de Estatística e do Instituto Xeográfico (agosto de 1876), e en 1881 foi nomeado fiscal do Tribunal Supremo, o seu escano senatorial pasou a ser vitalicio e foi designado membro da comisión encargada da reforma do Código de Comercio. Catro anos máis tarde integrou a comisión do Senado que someteu a revisión o proxecto de Código Civil.

Foi membro da Real Academia de la Historia (desde o 26 de Abril de 1857) e da Real Academia de Ciencias Morales y Políticas, da que foi o seu primeiro bibliotecario (1859-1894).

Pensamento[editar | editar a fonte]

A principal achega de Colmeiro no campo do Dereito político foi a súa concepción dualista da división de poderes. Consideraba que o Estado só debía ter dúas funcións: ditar as leis (función que estaría a cargo do poder lexislativo) e aplicalas e facelas cumprir (misión que quedaría subordinada á dirección do lexislativo e que estaría desempeñada polos poderes executivo e xudicial). Ademais, foi o introdutor e sistematizador do Dereito administrativo en España.

Como economista realizou un importante traballo de investigación sobre a historia económica de España e o pensamento económico español especialmente as súas obras: Historia de la Economía Política en España (1883) e Biblioteca de los economistas españoles de los siglos XVI, XVII y XVIII (1880). A esta última obra Schumpeter refírese con frecuencia na súa Historia da análise económica. Como teórico evolucionou dunha postura inicial proteccionista, moi influído por Blanqui e Flores Estrada, ata defender con forza o liberalismo nos seus últimos escritos.

Obras[editar | editar a fonte]

Los restos de Colón, 1879 (DjVu).
  • Economía política o principios de la ciencia de las riquezas por J. Droz... Traducida al español y adicionada con una introducción y varias notas, 1842.
  • Memoria sobre el modo de remediar los males inherentes á la extremada subdivisión de la propiedad territorial en Galicia: un folleto (sen data).
  • Tratado elemental de economía política ecléctica, 1845.
  • De la constitución y del gobierno de los reinos de Leon y Castilla.
  • Derecho administrativo español, 1850 (reeditado pola Escola Galega de Administración Pública, 1995)
  • Discurso de los políticos y arbitristas españoles de los siglos XVI y XVII y su influencia en la gobernación del Estado, 1857.
  • Derecho constitucional de las Repúblicas Hispano-Americanas, 1858.
  • Principios de economía política, 1859.
  • Historia de la economía política en España, 1863.
  • Elementos de Derecho Político y Administrativo de España, 1870.
  • Curso de Derecho político según la Historia de León y Castilla, 1873.
  • Los restos de Colon, 1879.
  • Biblioteca de los economistas españoles de los siglos XVI, XVII y XVIII, 1880.

Premio Manuel Colmeiro[editar | editar a fonte]

En homenaxe a Manuel Colmeiro con motivo do centenario da súa morte, a Xunta de Galicia instituíu o Premio Manuel Colmeiro a traballos xurídicos, económicos ou sociolóxicos sobre a administración pública de Galicia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lema Añón, Carlos (1996). Aproximación ó pensamento xurídico-político de Manuel Colmeiro (1818-1894). Xunta de Galicia. ISBN 978-84-453-1688-7. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Manuel_Colmeiro_Penido&oldid=5040692"