Manuel Martínez González

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Manuel Martínez González
Nacemento21 de abril de 1849
 Azuqueca de Henares
Falecemento26 de abril de 1894
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor
editar datos en Wikidata ]

Manuel Martínez González, nado en Azuqueca de Henares (Guadalaxara) o 21 de abril de 1849 e falecido o 26 de abril de 1894, foi un poeta galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Manuel Martínez González era fillo dun garda civil natural de Somozas, Juan Martínez, e mais dunha salmantina, Sabina González. Aos seis anos comezou os estudos primarios en Santiago de Compostela, onde fora destinado seu pai. Máis tarde pasou a cursar Dereito na mesma cidade, estudos que rematou en Madrid en 1871.

Posteriormente, Martínez fixo oposicións para notaría, exercendo a profesión, sucesivamente, en Vigo, Cangas e Padrón.

Obra publicada[editar | editar a fonte]

Boa parte da súa obra poética está espallada por revistas e xornais da época. Só publicou un libro de poemas:

  • Poemas gallegos. Pontevedra. Tipografía de José M. Madrigal. 1883.

A pesar do seu título todas as poesías inclusas no libro están redactadas en galego, excepto precisamente, o poema introdutorio do libro: "A Galicia", que está escrito en castelán.

Temática[editar | editar a fonte]

Os poemas incluídos no seu único libro son de temáticas variadas. Boa parte son de tipo social ou civil, e tratan de diversos aspectos da Galicia da época: "Oda a Alfonso XII" (epón ao monarca unha critica do caciquismo político), "O pobre" (sobre a emigración) ou "A Unión Ibérica", son mostras das preocupacións de Martínez González. Tal como fora corrente na poesía galaica decimonónica, non se esquece de incluír poemas costumistas: "A romería", "Bo consello". A imitación da primeira Rosalía aparece en títulos como "Cantares da aldea" e "Cantares gallegos", e non faltan poesías intimistas e de tipo romántico: "Rimas", "Na eternidá". Hai incluso composicións historicistas ("Rodrigo Gómez") e, un bon ramallete de poemas de circunstancias, adicados expresamente a amizades distintas ("A Don Benito Losada". "No album da señorita Dª Maruxiña León").

Lingua[editar | editar a fonte]

A escrita de Martínez González é a usual no século XIX, con abundancia de apóstrofes. Utiliza o "y" con matiz arcaicista (rey, nay, ley) e con carácter antihiático (todo o manexa / y é quen o desfay; filliño d'a yalma). Substitúe con o -r- nos grupos con -l- (imposibre, puebro, groria). Usa o seseo de tipo implosivo (xues, arcás). Abundan no léxico os castelanismos popularizados xa na época (decir, puebro, carretera, gallego, diputado) e os vulgarismos (hestoria, auntamento, Madrí, eleutoral).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Manuel_Martínez_González&oldid=4918908"