María Amelia de Braganza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
María Amelia de Braganza
Princesa do Brasil
Maria Amelia of Braganza.jpg
A princesa dona María Amelia ós 17 anos de idade, c. 1849

Nome completo Maria Amélia Augusta Eugênia Josefina Luísa Teodolinda Elói Francisco Xavier de Paula Gabriela Rafaela Gonzaga[a]
Nacemento 1 de decembro de 1831
París, Francia
Falecemento 4 de febreiro de 1853 (21 anos)
Funchal, Portugal
Sepultura Convento de Santo Antônio, Río de Janeiro, Brasil
Casa real Braganza
Proxenitores Pedro I do Brasil
Amelia de Leuchtenberg

Princess maria amelia of brazil signature.png

María Amelia de Braganza, nada en París o 1 de decembro de 1831 e finada en Funchal (Madeira) o 4 de febreiro de 1853, foi unha princesa do Imperio do Brasil e membro da rama brasileira da casa de Braganza. Os seus pais foron o emperador Pedro I, primeiro rexente do Brasil, e Amelia de Leuchtenberg. Única filla do segundo matrimonio do seu pai, María Amelia naceu en Francia trala abdicación de Pedro I en favor do seu fillo Pedro II. Antes de que María Amelia cumprise un ano de idade Pedro I viaxou ata Portugal para restablecer a coroa da filla maior do seu primeiro matrimonio, María II, librando con éxito unha guerra contra o seu irmán Miguel I, quen usurpara o trono de María II.

Poucos meses trala súa vitoria Pedro I faleceu a causa dunha tuberculose. A nai de María Amelia levouna a Portugal, onde permaneceu a maior parte da súa vida sen chegar a visitar o Brasil. O goberno brasileiro non recoñeceu a María Amelia como membro da casa imperial do Brasil xa que nacera no estranxeiro, pero cando o seu medio irmán maior Pedro II foi declarado maior de idade en 1840, este interveu en favor de María Amelia con éxito.

Prometeuse co arquiduque Maximiliano de Austria a comezos do ano 1852, pero antes de que tivera lugar o matrimonio ela contraeu tuberculose e foi trasladada a vila de Funchal na illa portuguesa de Madeira. Malia o clima de saudable reputación que tiña aquel lugar, a saúde de María Amelia continuou deteriorándose, e faleceu o 4 de febreiro de 1853. O seu corpo foi levado ó continente e soterrado no panteón familiar do mosteiro de São Vicente de Fora. Uns 130 anos despois os seus restos trasladáronse ó Brasil. En conmemoración da súa filla, Amelia de Leuchtenberg financiou a construción do hospital "Princesa D. Maria Amélia" en Funchal. O prometido de María Amelia, Maximiliano, fixo unha peregrinación ata o Brasil e Madeira, viaxe que influíu na súa aceptación do trono de México en 1864.

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Nacemento[editar | editar a fonte]

María Amelia naceu en París o 1 de decembro de 1831,[1][2] e foi bautizada co nome de Maria Amélia Augusta Eugênia Josefina Luísa Teodolinda Elói Francisco Xavier de Paula Gabriela Rafaela Gonzaga.[a] Foi a única filla de Pedro, duque de Braganza, e da segunda muller deste Amelia de Leuchtenberg. Por vía paterna María Amelia era membro da rama brasileira da casa de Braganza, e recibiu o título honorífico de Dona dende o seu nacemento.[8] Era tamén neta do rei portugués Xoán VI.[9] A súa nai era filla de Eugène de Beauharnais, duque de Leuchtenberg e fillastro do emperador Napoleón Bonaparte de Francia. Eugène estaba casado coa princesa Augusta, filla maior do rei Maximiliano I de Baviera.[1]

Pedro fora o primeiro emperador do Brasil baixo o nome de Pedro I, así como rei de Portugal baixo o nome de Pedro IV. En Portugal sucedeuno a súa filla maior, María II, medio irmá de María Amelia. Esta era filla do primeiro matrimonio de Pedro coa arquiduquesa María Leopoldina de Austria. En 1828 Miguel II, irmán máis novo de Pedro, usurpou a coroa de María II.[10] Procurando restaurar o trono da súa filla, Pedro abdicou da coroa brasileira en abril de 1831 e partiu cara a Europa coa súa muller, que naquel entón xa estaba embarazada de María Amelia.[11]

Para que se recoñecesen os dereitos de María Amelia como princesa do Brasil, Pedro invitou a varios nobres para que visen ó seu nacemento, incluíndo ó enviado diplomático do Brasil en Francia.[4] Os padriños de María Amelia foron o rei francés Luís Filipe I e a súa consorte María Amelia de Nápoles e Sicilia,[12][13] da que recibiu o seu nome.[14] Pedro envioulle unha carta ós seus fillos que permaneceran no Brasil, incluíndo o neno-emperador Pedro II, coa seguinte mensaxe:

A Divina Providencia quixo aliviar a pena que o meu corazón paterno sente na separación da Súa Maxestade Imperial, dándome unha filla máis, e a Súa Maxestade Imperial, unha irmá e un súbdito máis.
Tradución do orixinal.[12]

Princesa do Brasil[editar | editar a fonte]

María Amelia coa súa nai, c. 1840

Cando María Amelia cumpriu 20 días de idade o seu pai partiu de Francia para invadir Portugal. Durante uns dous anos viviu en París coa súa nai e a súa medio irmá María II.[15] Cando recibiron a nova da conquista da capital portuguesa Lisboa por parte do exército de Pedro, Amelia de Leuchtenberg deixou París coa súa filla e a súa fillastra e partiu cara a Portugal. Chegaron a Lisboa o 22 de setembro de 1833 e desembarcaron ó día seguinte.[16]Charles John Napier, un oficial da mariña británico que loitara xunto a Pedro, describiu o momento da reunión de forma emotiva:

Nunca vin [a Pedro] tan feliz e contento; subiu a bordo xusto por riba de Belém; a emperatriz [Amelia] recibiuno na escada abrazándoo e bicándoo co maior dos afectos: a raíña [María II] estaba moi conmovida e non puido conter as bágoas. A pequena princesa [María] Amelia, a súa filla menor, levou gran parte da súa atención: en certa forma ela asustouse ó ver a súa espesa barba e non lle entusiasmaron os seus aloumiños.
Charles John Napier (Tradución do orixinal)[17]

Con Miguel I derrotado e no exilio e María II restituída no trono, Maria Amelia e a súa familia instaláronse en Portugal, residindo primeiro no Palacio Ramalhão e posteriormente no Palácio Real de Queluz en Sintra. Porén, a guerra pasáralle factura á saúde de Pedro, enfermo de morte de tuberculose.[18] Nas primeiras horas do 24 de setembro de 1834 María Amelia, que aínda non cumprira os tres anos de idade, foi levada ata o leito de morte de Pedro. Moi debilitado, Pedro levantou a man para bendicila e dixo: "Faládelle sempre a esta nena do seu pai que tanto lle quería ... que non me esqueza ... que sempre obedeza á súa nai ... eses son os meus últimos desexos".[19] Pedro faleceu a primeiras horas da tarde dese mesmo día.[20]

A súa viúva Amelia nunca volveu a casar, adicándose a supervisar a educación da súa filla en Portugal, onde permaneceron malia non ser membros da Familia Real Portuguesa.[21] Nin Amelia nin a súa filla chegaron visitar nunca o Brasil, malia que Amelia fíxolle unha petición sen éxito ó goberno brasileiro para que recoñecese á súa filla como membro da Familia Imperial do Brasil, o que lle daría dereito a recibir uns ingresos. O medio irmán de María Amelia Pedro II era aínda menor de idade, e o goberno de Brasil estaba naquel entón en mans dunha rexencia precaria. O goberno rexeitou recoñecer a María Amelia como Princesa do Brasil por mor de ter nacido no estranxeiro, e prohibiulles poñer pé no Brasil a ela e a súa nai.[22] Esta situación non cambiou ata que Pedro II foi declarado maior de idade en 1840 e pasou a estar nunha posición na que puido insistir en que María Amelia fose recoñecida como membro da súa casa. Aureliano Coutinho (posteriormente vizconde de Sepetiba), naquel entón ministro de asuntos exteriores, levou a cabo a petición no parlamento brasileiro para que se lle outorgase a María Amelia o recoñecemento, que tivo lugar o 5 de xullo de 1841.[23]

Educación e compromiso[editar | editar a fonte]

Debuxo feito por María Amelia

Co propósito de refinar a súa educación, María Amelia e a súa nai mudáronse a mediados dos anos 1840 a Múnic, capital de Baviera, onde vivían moitos dos seus parentes. Considerada como unha estudante dedicada, recibiu clases nun amplo conxunto de materias que incluían retórica, filosofía, historia, xeografía, literatura alemá, matemáticas e física.[24] Aprendeu a falar e escribir en portugués, inglés, francés e alemán,[25][24] e adquiriu gran destreza no debuxo, pintura e tocando o piano.[26][27] Os seus profesores considerábana unha moza intelixente,[28][29][30] cun intenso temperamento e unha mente astuta.[30] Un dos seus profesores describiuna como "posuidora, sen sabelo, dun talento excepcional para a dialéctica, unha capacidade coa que unha estudante nova de dereito podería facer unha fortuna."[31]

O recordo do seu pai semellaba motivar a dedicación de María Amelia nos seus estudos, recordándoo sempre e preguntando con frecuencia á xente do seu arredor: "e meu pai, que me mira dende o ceo, estará contento coa súa filla?"[31] Nunca conseguiu superar por completo a morte do seu pai, que deixara unha profunda marca nela.[32] María Amelia afirmou tras ver un xardín no que Pedro plantara un sicómoro:

Invadiume unha profunda tristeza ó contemplar estas árbores, que sobreviviron ó meu pai e probablemente sobrevivan a todos nós. É unha imaxe de fraxilidade humana. O home é o máis fráxil de tódolos seres; morre, mentres que os obxectos que semellan estar creados para que os use, perduran durante séculos! ...
María Amelia (Tradución do orixinal)[32]

A finais do ano 1850 María Amelia e a súa nai volveron á Portugal, instalándose no pazo Janelas Verdes.[33] A comezos de 1852 o seu primo o arquiduque Maximiliano fíxolle unha visita, mentres estaba nunha escala en Portugal durante o seu servizo na mariña austríaca.[34] A nai de Maximiliano era a medio irmá máis pequena da avoa materna de María Amelia, e ámbalas dúas mulleres pertencían á casa de Wittelsbach.[35] Maximiliano tiña tamén relación de parentesco cos medio irmáns maiores de María Amelia, xa que o seu pai era irmán menor da emperatriz brasileira Leopoldina.[36] Ámbolos dous coñecéranse anteriormente durante unha reunión familiar en Múnic no ano 1838, cando ela era aínda unha nena. Neste segundo encontro namoráronse. Maximiliano estaba cativado por María Amelia, "unha amable moza de ollos azuis[33] e cabelo louro[37][28][38] dunha beleza impresionante así como unha culta intelixencia".[39] Ámbolos dous comprometéronse en matrimonio,[34][40] mais este compromiso nunca chegou a facerse oficial como resultado da morte dela.[34]

Enfermidade e falecemento[editar | editar a fonte]

Os últimos momentos de María Amelia coa súa nai ó carón da súa cama.

En febreiro de 1852 María Amelia contraeu a escarlatina.[41][40] Pasaron varios meses sen que se recuperase da enfermidade, desenvolvendo unha tusigueira persistente, sinal do comezo da tuberculose.[42][43] O 26 de agosto a princesa marchou do palacio Janelas Verdes e trasladárona á illa de Madeira, xa que o clima desta illa tiña unha reputación de ser bo para a saúde.[44]

María Amelia e a súa nai desembarcaron o 31 de agosto en Funchal, a capital de Madeira.[45] Foron recibidas con xúbilo polos habitantes da vila, que seguiron á princesa ata o seu novo fogar na illa.[46] Ela adoraba a illa, chegando a dicirlle á súa nai: "Se algún día recupero a miña robusta saúde previa, [...] ficaremos moito tempo nesta illa. Faremos longas excursións ás montañas, atoparemos novos camiños, igual que fixemos en Stein!"[47] Porén, o seu estado empeorou, e cara a finais de novembro perdeuse a esperanza pola súa vida.[29] A comezos de 1853 a princesa estaba prostrada na cama, e sabía que a súa morte estaba preto: "As miñas forzas minguan día tras día; podo sentilo ... estamos chegando ó comezo da fin".[48][49] Un pouco despois da media noite do 4 de febreiro, un sacerdote administroulle o sacramento da unción dos enfermos. María Amelia tratou de reconfortar á súa nai dicíndolle: "Non chores ... deixa que se faga a vontade de Deus; que veña na miña axuda na miña última hora; que reconforte a miña pobre nai!"[50] Faleceu ó pouco tempo esa mesma mañá, ó redor das 04:00.[51]

O corpo da princesa permaneceu na capela próxima á casa onde faleceu ata que foi levado de volta ó continente o 7 de maio de 1853.[52] O 12 de maio o ataúde foi desembarcado en Lisboa, e levouse a cabo un ostentoso funeral.[53] Os seus restos foron soterrados xunto ós de seu pai no panteón de Braganza, localizado no mosteiro de São Vicente de Fora.[54][55] Case 130 anos despois, en 1982, os restos de María Amelia trasladáronse ata o Convento de Santo Antônio en Río de Janeiro, onde permanecen soterrados os membros da familia real brasileira.[56]

Legado[editar | editar a fonte]

Hospital Princesa D. Maria Amélia

O emperador Pedro II non chegou a coñecer á súa irmá pequena en persoa, mais desenvolveu unha forte relación con ela a través das súas cartas. Sete anos despois da morte de María Amelia, Pedro escribiu no seu diario: "Recibín a nova da misa pola miña irmá [María] Amelia que era moi achegada para min e sentinme mal por non ter chegado nunca a coñecernos en persoa".[57] Amelia visitou a tumba da súa filla tódolos 4 de febreiro ata a súa propia morte,[58] e financiou a construción dun hospital en Funchal, o hospital "Princesa D. Maria Amélia", na honra da súa filla.[59] Amelia legoulle as súas propiedades en Baviera ó arquiduque Maximiliano, "do que estaría orgullosa de ter como xenro, se Deus conservara á súa amada filla María Amelia".[b]

O arquiduque Maximiliano estaba embruxado polo recordo de María Amelia,[61] e tras casar con Carlota de México fixo unha peregrinación nos anos 1859 e 1860 ós lugares que tiñan unha conexión coa súa ex-prometida.[62][63] Trala súa chegada á illa de Madeira escribiu:

Aquí morreu, de tuberculose, o 4 de febreiro de 1853, a única filla da emperatriz do Brasil, unha criatura de calidades extraordinarias. Deixou este mundo imperfecto, pura como un anxo que retorna ó Ceo, a súa verdadeira terra natal.
Tradución do orixinal.[64][65]

Maximiliano visitou o hospital en Funchal que levaba o nome de María Amelia, e financiou o mantemento dunha habitación dobre alí ata a súa propia morte, ademais de doar unha estatua da Virxe das Dores na memoria de María Amelia.[63] A continuación visitou a casa onde faleceu, a Quinta das Angústias, tralo que escribiu: "Durante moio tempo fiquei en silencio entre pensamentos de tristeza e lembranza baixo a sombra dunha magnífica árbore que envolve e protexe a casa onde o anxo, tan amargamente chorado, cesou de existir".[63] Nas súas memorias Maximiliano mencionou de novo a illa de Madeira, onde "se extinguiu a vida que semellaba estar destinada a garantir a miña propia apracible felicidade".[66]

Trala súa chegada ó Brasil o 11 de xaneiro de 1860, Maximiliano quedou fascinado polo país, a única monarquía de América do Sur[66] e naquel entón baixo o reinado do irmán maior da súa prometida xa finada. Inspirado pola estabilidade e prosperidade que alí percibiu, o 1 de abril de 1864 aceptou converterse no emperador do recentemente fundado Imperio de México,[67] considerando que podería acadar os mesmos resultados en México.[68] Porén, Maximilano foi executado o 19 de xuño de 1867 tras ser capturado por republicanos mexicanos.[67] Nunha última homenaxe a María Amelia, mentres un pelotón de fusilamento lle quitaba as súas posesións pediu que o pequeno medallón da Virxe María que ela lle regalara fose enviado á nai dela.[67][69] Malia que a propia vida de María Amelia tivo pouco impacto nos eventos históricos do Brasil ou de Portugal, considérase que a súa morte tivo repercusións significativas, se ben de forma indirecta, na historia de México.[c]

Títulos e distincións[editar | editar a fonte]

Dende o seu nacemento o 1 de decembro de 1831 ata o seu pasamento o 4 de febreiro de 1853, o seu tratamento é título oficial foi o de "A súa alteza a princesa Dona María Amelia do Brasil". Tiña distincións de dúas ordes brasileiras, a Gran Cruz da Orde de Pedro I e a Gran Cruz da Orde da Rosa.[71] Tamén recibiu varias distincións estranxeiras: A distinción da Orde Real das Nobres Damas da Raíña María Luísa, a Gran Cruz da Orde portuguesa da Inmaculada Concepción de Vila Viçosa, a Gran Cruz da Orde portuguesa de Santa Isabel, a Insignia da Orde austríaca da Cruz Estrelada e a Insignia da Orde de Bavaria de Santa Isabel.[72]

Ascendencia[editar | editar a fonte]

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
16. Rei Xoán V de Portugal
 
 
 
 
 
 
 
8. Rei Pedro III de Portugal
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
17. Arquiduquesa María Ana de Austria
 
 
 
 
 
 
 
4. Rei Xoán VI de Portugal
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
18. Rei Xosé I de Portugal
 
 
 
 
 
 
 
9. Raíña María I de Portugal
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
19. Infanta Mariana Vitoria de España
 
 
 
 
 
 
 
2. Emperador Pedro I do Brasil
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
20. Rei Carlos III de España
 
 
 
 
 
 
 
10. Rei Carlos IV de España
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
21. Princesa María Amalia de Saxonia
 
 
 
 
 
 
 
5. Carlota Xoaquina de España
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
22. Filipe I de Parma
 
 
 
 
 
 
 
11. Princesa María Luísa de Parma
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
23. Luísa Isabel de Francia
 
 
 
 
 
 
 
1. Princesa María Amelia do Brasil
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
24. Francisco V de Beauharnais
 
 
 
 
 
 
 
12. Alexandre de Beauharnais
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
25. Marie Anne Henriette Françoise Pyvart de Chastulle
 
 
 
 
 
 
 
6. Eugène de Beauharnais
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
26. Joseph-Gaspard de Tascher
 
 
 
 
 
 
 
13. Xosefina de Beauharnais
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
27. Rose-Claire des Vergers de Sanois
 
 
 
 
 
 
 
3. Duquesa Amelia de Leuchtenberg
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
28. Conde Palatino Frederick Michael de Zweibrüken
 
 
 
 
 
 
 
14. Rei Maximiliano I de Baviera
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
29. Condesa Palatina María Francisca de Sulzbach
 
 
 
 
 
 
 
7. Princesa Augusta de Baviera
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
30. Príncipe Xurxo Guillerme de Hesse-Darmstadt
 
 
 
 
 
 
 
15. Princesa Augusta Guilhermina de Hesse-Darmstadt
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
31. Condesa María Luísa Albertina de Leiningen-Falkenburg-Dagsburg
 
 
 
 
 
 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,01,1 Existe certa confusión sobre o seu nome completo. O seu certificado de nacemento con data do 1 de decembro de 1831 indica que o seu nome era Maria Amélia Augusta Eugênia Josefina Luísa Teodolinda Elói Francisco Xavier de Paula Gabriela Rafaela Gonzaga.[3][4] Os seus pais mudaron de parecer posteriormente e cambiaron o seu nome ó de Maria Amélia Augusta Eugênia Josefina Luísa Teodolinda Francisca Xavier de Paula Gabriela Rafaela Gonzaga, segundo o seu certificado de bautismo datado no 20 de decembro de 1831,[5] eliminando o nome Elói e trocando o masculino Francisco pola súa forma feminina Francisca. Algúns autores posteriores como Max Fleiuss e Lígia Lemos Torres indicaron o nome de Heloísa no lugar de Elói.[6][7]
  2. Maximiliano faleceu en 1867, seis anos antes que Amelia. O testamento dela dispuxo que se Maximiliano falecía sen ter fillos, as súas propiedades irían ó seu sobriño Nicolás, fillo de Maximiliano de Beauharnais[60]
  3. A morte de María Amelia creou unha necesidade en Maximiliano de aliviar a súa "alma atormentada",[65] dando como resultado a súa xira polos lugares asociados coa princesa. A procura de ligazóns cara María Amelia levouno eventualmente ó Brasil, onde comezou a concibir un propósito para a súa vida baleira, e subsecuentemente levou á súa aceptación da coroa de México con tráxico resultado.[65][68] Segundo o historiador Pedro Calmon, Maximiliano chamaba a Pedro II "tutor" e considerábao como un exemplo a seguir. Maximiliano díxolle ó seu curmán brasileiro que calquera ben que fixera por México fora como resultado do que aprendera de Pedro II e do Brasil na súa viaxe de 1860.[70]
Referencias
  1. 1,01,1 Almeida 1973, p. 51.
  2. Sousa 1972, p. 185.
  3. Almeida 1973, p. 45.
  4. 4,04,1 Sousa 1972, p. 187.
  5. Almeida 1973, p. 47.
  6. Fleiuss, Max (1940). Dom Pedro Segundo (en portugués). Río de Janeiro: Imprensa Nacional. p. 11. LCCN 42012108. OCLC 5155503. OL 6434880M. 
  7. Torres 1947, p. 145.
  8. Barman 1999, p. 424.
  9. Barman 1999, p. 8.
  10. Barman 1999, pp. 17–18.
  11. Almeida 1973, pp. 38, 41.
  12. 12,012,1 Almeida 1973, p. 42.
  13. Torres 1947, p. 144.
  14. Calmon, Pedro (1950). O Rei Cavaleiro (en portugués) (6ª ed.). São Paulo: Edição Saraiva. p. 206. OCLC 19825221. 
  15. Sousa 1972, pp. 273–274.
  16. Sousa 1972, p. 275.
  17. Sousa 1972, p. 276.
  18. Almeida 1973, p. 54.
  19. Almeida 1973, p. 55.
  20. Sousa 1972, p. 309.
  21. Morato, Francisco de Aragão (1835). Memória sobre a soccessão da coroa de Portugal, no caso de não haver descendentes de Sua Magestade Fidelíssima a rainha D. Maria II (en portugués). Lisboa: Typographia de Firmin Didot. pp. 35–36. 
  22. Lira 1977, pp. 42–43.
  23. Lira 1977, p. 279.
  24. 24,024,1 Torres 1947, p. 223.
  25. Almeida 1973, p. 58.
  26. Almeida 1973, p. 67.
  27. Torres 1947, p. 224.
  28. 28,028,1 Haslip 1971, p. 129.
  29. 29,029,1 Almeida 1973, p. 78.
  30. 30,030,1 Schmidt 1927, p. 133.
  31. 31,031,1 Almeida 1973, p. 65.
  32. 32,032,1 Almeida 1973, pp. 70–71.
  33. 33,033,1 Torres 1947, p. 225.
  34. 34,034,134,2 Almeida 1973, p. 111.
  35. Almeida 1973, p. 57.
  36. Almeida 1973, p. 124.
  37. Schmidt 1927, p. 124.
  38. Torres 1947, p. 215.
  39. Hyde, H. Montgomery (1946). Mexican Empire: the history of Maximilian and Carlota of Mexico. Londres: Macmillan & Co. p. 36. OCLC 1058767. OL 6497902M. 
  40. 40,040,1 Torres 1947, p. 227.
  41. Almeida 1973, p. 71.
  42. Almeida 1973, p. 72.
  43. Schmidt 1927, p. 134.
  44. Almeida 1973, p. 73.
  45. Almeida 1973, p. 75.
  46. Almeida 1973, p. 76.
  47. Almeida 1973, p. 77.
  48. Almeida 1973, p. 82.
  49. Torres 1947, p. 233.
  50. Almeida 1973, p. 83.
  51. Almeida 1973, p. 85.
  52. Almeida 1973, p. 86.
  53. Almeida 1973, p. 88.
  54. Almeida 1973, p. 89.
  55. Schmidt 1927, p. 139.
  56. "História: Mausoléu Imperial". Santuário e Convento de Santo Antônio (en portugués). Río de Janeiro: Província Franciscana da Imaculada Conceição do Brasil. 2010. Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2011. Consultado o 2 de abril de 2011. 
  57. Almeida 1973, p. 157.
  58. Almeida 1973, p. 90.
  59. Almeida 1973, pp. 99–100.
  60. Almeida 1973, p. 152.
  61. Haslip 1971, pp. 54–55, 128–129.
  62. Calmon 1975, p. 624.
  63. 63,063,163,2 Almeida 1973, p. 122.
  64. Almeida 1973, p. 113.
  65. 65,065,165,2 Longo 2008, p. 107.
  66. 66,066,1 Almeida 1973, p. 123.
  67. 67,067,167,2 Almeida 1973, p. 145.
  68. 68,068,1 Calmon 1975, p. 631.
  69. Longo 2008, p. 139.
  70. Calmon 1975, p. 755.
  71. Laemmert, Eduardo (1849). Almanak Administrativo, Mercantil e Industrial (Almanaque Laemmert) (en portugués). Río de Janeiro: Eduardo e Henrique Laemmert & C. p. 24. 
  72. Laemmert, Eduardo (1853). Almanak Administrativo, Mercantil e Industrial (Almanaque Laemmert) (en portugués). Río de Janeiro: Eduardo e Henrique Laemmert & C. p. 24. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Almeida, Sylvia Lacerda Martins de (1973). Uma filha de D. Pedro I: Dona Maria Amélia (en portugués). São Paulo: Companhia Editora Nacional. OCLC 633948363. 
  • Barman, Roderick J. (1999). Citizen Emperor: Pedro II and the Making of Brazil, 1825–1891 (en inglés). Stanford University Press. ISBN 978-0-8047-3510-0. 
  • Calmon, Pedro (1975). História de D. Pedro II (en portugués) 5. Río de Janeiro: José Olympio. OCLC 3577729. 
  • Haslip, Joan (1971). The Crown of Mexico: Maximilian and His Empress Carlota (en inglés). Nova York: Holt, Rinehart and Winston. ISBN 978-0-03-086572-5. 
  • Lira, Heitor (1977) [1938]. História de Dom Pedro II (1825–1891): Ascenção (1825–1870) (en portugués) 1. Belo Horizonte: Itatiaia. OCLC 163324850. 
  • Longo, James McMurtry (2008). Isabel Orleans-Bragança: The Brazilian Princess Who Freed the Slaves (en inglés). McFarland & Company. ISBN 978-0-7864-3201-1. 
  • Schmidt, Maria Junqueira (1927). Amelia de Leuchtenberg: A segunda imperatriz do Brasil (en portugués). Companhia Melhoramento de São Paulo. LCCN 92121390. OL 1769419M. 
  • Sousa, Octávio Tarquínio de (1972) [1954]. A vida de D. Pedro I (en portugués) 3. Río de Janeiro: José Olympio. OCLC 634896259. 
  • Torres, Lígia Lemos (1947). Imperatriz Dona Amélia (en portugués). São Paulo: Elvino Pocai. OCLC 1835993. OL 193390M. 
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=María_Amelia_de_Braganza&oldid=4471807"