María Wonenburger
María Wonenburger | |
---|---|
![]() María Wonenburger nunha homenaxe no 2011. | |
Datos persoais | |
María Josefa Wonenburger Planells | |
Nacemento | 17 de xullo de 1927 |
Lugar | Montrove, Oleiros |
Falecemento | 14 de xuño de 2014 (86 anos) |
Lugar | A Coruña |
Nacionalidade | España |
Fillos | Julio Wonenburger |
Actividade | |
Campo | Matemáticas |
Alma máter | Universidade de Madrid Universidade Yale |
Director de tese | Nathan Jacobson e Tomás Rodríguez Bachiller |
Contribucións e premios | |
Coñecido por | Teoría de grupos |
Premios | doutor honoris causa pola Universidade da Coruña |
[ editar datos en Wikidata ] | |
María Josefa Wonenburger Planells, nada en Montrove (Oleiros) o 17 de xullo de 1927 e finada na Coruña o 14 de xuño de 2014[1], foi unha matemática galega, investigadora nos Estados Unidos e Canadá.
Índice
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Formación[editar | editar a fonte]
Filla de Julio Wonenburger Canosa, descendente dun tataravó alsaciano, e de Amparo Planells, valenciana, realizou os primeiros estudos na Coruña, no Instituto Eusebio da Guarda. Afeccionouse tanto ó hóckey a patíns ou baloncesto como á música de Bach, ademais de estudar inglés ou alemán. Malia a vontade familiar de que estudase enxeñería para continuar co negocio familiar de fundición que tiña na Coruña, licenciouse en Matemáticas na Universidade Central de Madrid en 1950, onde tivo como profesor o matemático aragonés Julio Palacios. Alí doutorouse tamén cunha tese dirixida por Germán Ancochea e Tomás Rodríguez Bachiller.
América[editar | editar a fonte]
Formou parte dos beneficiarios das primeiras bolsas Fullbright (no 1953), o que lle permitiu ir á Universidade Yale, nos Estados Unidos. A súa tese de doutoramento sobre teoría de grupos foi dirixida polo alxebrista Nathan Jacobson, e rematouna en 1957. O seu título era: On the group of similitudes and its projective group (Sobre o grupo de semellanzas e o seu grupo proxectivo). De volta en España traballou como investigadora no CSIC durante tres anos, en 1960 regresa ao estranxeiro, ao recibir unha bolsa posdoutoral da Queen University, de Ontario (Canadá). Alí dirixiulle a tese de doutoramento a Robert Moody, quen logo traballou sobre o infinito no que se coñeceu como álxebra de Kac-Moody, e que tivo a Wonenburger como inspiradora[2].
En 1966 trasladouse aos Estados Unidos, á Universidade de Buffalo, e ao ano seguinte, en 1967 conseguiu praza definitiva como profesora na Universidade de Indiana, onde permaneceu ata 1983. Por enfermidade da súa nai regresou á Coruña no 1983, onde permaneceu en contacto afastado do mundo académico, colaborando con diversas institucións, como por exemplo, AGAPEMA.
Obra[editar | editar a fonte]
A investigación de María Wonenburger centrouse principalmente na teoría de grupos e na álxebra de Lie. Estudou o grupo de rotacións, o grupo ortogonal e os seus correspondentes grupos proxectivos. Tamén os automorfismos dos grupos de semellanzas inspirándose nos traballos anteriores de Jean Dieudonné, e aplicándoos a espazos vectoriais de dimensión maior ou igual ca seis.
Tamén traballou con grupos de semellanzas na álxebra de Clifford, e sobre todo foi coñecida polos seus desenvolvementos na álxebra de Lie, onde dirixiu a maior parte das súas teses. Entre os seus doutorandos que traballaron neste campo dirixidos por ela estiveron o xa amentado Robert Moody, Stephen Berman, Bette Warren, Edward George Gibson ou Richard Lawrence Marcuson. María Wonenburger centrou posteriormente a súa investigación na clasificación dos grupos finitos e nas matrices de Cartan.
Recoñecementos[editar | editar a fonte]
No Estado Español, nun inicio, non tivo o recoñecemento que lle cumpría, xa que en 1960 foi obrigada a doutorarse por segunda vez en Madrid cando xa estaba titulada pola quinta universidade no ránking mundial[3].
No 2007 a Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia creou o Premio María Wonenburger para recoñecemento daquelas mulleres galegas con traxectorias notables no ámbito da ciencia e tecnoloxía.
Foi investida doutora honoris causa pola Universidade da Coruña en 2010, o mesmo ano en que o Consello da Cultura Galega lle rendeu homenaxe nunha xornada adicada ao seu labor.
No 2011 foi erixido un monolito á súa memoria no Paseo das Ciencias do Parque de Sta. Margarida de A Coruña.[4][5]
En xuño de 2012 foi inaugurada unha zona verde de máis de 10 000 metros cadrados en Montrove, Oleiros co seu nome. A matemática non puido acudir á inauguración por cuestións de saúde.[6]
O concello da Coruña adicoulle en outubro de 2014 unha rúa no polígono da Agrela.[7] e en xuño de 2015 inaugurou un monumento no parque de Santa Margarida[8].
En 2018 foi proposta pola Universidade de Vigo para nomear un dos seus edificios.[9]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Falece a pioneira matemática coruñesa María Wonenburger
- ↑ María Josefa Wonenburger Planells Arquivado 17 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine., en Historia de las Matemáticas
- ↑ Gciencia (ed.). "María Wonenburger, a matemática que triunfou nos Estados Unidos". Consultado o 9 de marzo de 2018.
- ↑ Macho-Stadler, Marta. "María Josefa Wonenburger, una olvidada matemática con dos tesis... que nadie reconoció en España". eldiario.es (en castelán). Consultado o 2019-01-22.
- ↑ Recollido en http://gaceta.rsme.es/abrir.php?id=561
- ↑ "Oleiros inagura un parque en honor a María Wonenburger en Montrove" (en castelán).
- ↑ G. M. O. "La ciudad homenajea a la matemática María Wonenburger con una calle en A Grela". La opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 30 de outubro de 2014.
- ↑ El alcalde se estrena con un tributo a María Wonenburger laopinioncoruna.es
- ↑ "Os edificios administrativos do campus terán nome de muller". DUVI. 5 de outubro de 2018. Consultado o 10 de outubro de 2018.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Souto Salorio, M.J. e Tarrío Tobar, A.D. 2006. María Josefa Wonenburger Planells. Mujer y matemática. La Gaceta de la RSME 9: 339–364
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- María Josefa Wonenburger Planells no Consello da Cultura Galega.
- Discurso pronunciado por Ana Dorotea Tarrío Tobar na inauguración das xornadas "Unidade de Muller e Ciencia", organizadas pola Xunta de Galicia en 2006, e no que María Josefa Wonenburger Planells era a homenaxeada.
- María Wonenburger, a matemática que triunfou nos Estados Unidos en Gciencia
- María Wonenburger no Álbum da Ciencia do CCG.
|