Marcos Vales

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Marcos Vales
Información persoal
Nome completo Marcos Vales Illanes
Nacemento 5 de abril de 1975 (44 anos)
Lugar A Coruña, Galicia
Altura 1,81 m.
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
Deportivo da Coruña
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1992–1993 Fabril Deportivo
1993–1994 Deportivo da Coruña 19 (1)
1994–1997 Sporting de Gijón 60 (3)
1997–2002 Zaragoza 103 (11)
2002–2004 Sevilla 40 (3)
2004–2005 Mallorca 6 (0)
Selección nacional
1993 España sub-18 4 (2)
1993–1998 España sub-21 15 (1)
1998 España 1 (0)
* Partidos e goles só en liga doméstica.
† Aparicións (Goles)

Marcos Vales Illanes, nado na Coruña o 5 de abril de 1975, é un ex futbolista galego. Xogaba de dianteiro e foi internacional coa selección española.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo do tamén futbolista José Pedro Vales, Marcos Vales formouse nas categorías inferiores do Deportivo da Coruña. Considerado unha das maiores promesas da entidade, con 17 anos deu o salto do Fabril Deportivo ao primeiro equipo. O Seu primeiro partido en Primeira División disputouno o 21 de marzo de 1993, ante o Real Burgos en Riazor. A súa chegada ao primeiro equipo coincidiu co nacemento do Súper Dépor, onde xogadores como Bebeto, Claudio, Fran ou Manjarín impedíanlle facerse un oco na dianteira. Disputou oito encontros e marcou un gol a tempada 1992–93. Na 1993–94, na que o Deportivo perdeu o título de liga no derradeiro minuto, Vales participou en once partidos, sen lograr anotar.

Descartado por Arsenio Iglesias, e a pesar de espertar o interese do FC Barcelona, o verán de 1994 Vales acabou recalando no Sporting de Gijón. O club asturiano puido facerse co futbolista sen desembolso económico e cun mero cambio de residencia, xa que Vales non tiña aínda contrato profesional co Deportivo. O presidente do club galego, Augusto César Lendoiro, chegou a denunciar a operación, pero os xulgados déronlle a razón ao futbolista. No Sporting, a progresión de Marcos Vales continuou estancada: catorce partidos e dous goles na súa primeira tempada e só nove encuentros, sen anotar, na segunda. A súa situación cambiou a tempada 1996–97, coa chegada ao banquiño de Benito Floro, o primeiro técnico que lle deu a oportunidade de xogar con regularidade. Marcos Vales participou esa tempada en 37 partidos de liga, aínda que só anotou un gol.

O verán de 1997 a directiva sportinguista aceptou unha oferta de 200 millóns de pesetas do Real Zaragoza e traspasou ao xogador. A súa estadía durante cinco anos no club maño estivo marcada pola irregularidade, aínda que foi a súa etapa profesional máis exitosa. A súa mellor tempada foi a 1998–99, na que xogou 34 partidos e anotou seis goles -o maior rexistro da súa carreira-, chegando incluso a alcanzar a internacionalidade con España. A tempada 2000–01 o Zaragoza foi campión da Copa do Rei, aínda que a presenza de Marcos Vales no equipo, esa tempada, foi practicamente testemuñal. Un ano máis tarde, o conxunto aragonés descendía a Segunda División, pero Marcos Vales puido seguir en Primeira fichando polo Sevilla FC.

A tempada 2002–03 xogou 31 partidos de liga e anotou tres goles; un deles especialmente recordado polos sevillistas, xa que serviu para derrotar ao eterno rival, o Real Betis, no estadio Ruiz de Lopera. Porén, o seguinte curso, unha lesión no pé e a falta de confianza do técnico, Joaquín Caparrós, foron diluíndo o seu peso no equipo, e só participou en nove encontros.

Tras obter a carta de liberdade o verán de 2004, negociou un posible regreso a Galicia co Celta de Vigo, pero foi requirido como reforzo por Benito Floro, que acababa de fichar polo RCD Mallorca. Tras un inicio prometedor co equipo balear, o xogador recaeu da súa metatarsalxia no pé esquerdo e Floro foi destituído tras unha mala racha de resultados. Todo elo desembocou na saída prematura de Vales, que en xaneiro de 2005 rescindiu o seu contrato co Mallorca.

Tras pasar polo quirófano, finalmente anunciou a súa retirada en abril de 2005, con 29 años. Posteriormente, desvinculouse do mundo do fútbol e retomou os seus estudos de empresariais.

Selección nacional de España[editar | editar a fonte]

Foi internacional coa selección española nunha ocasión. José Antonio Camacho fíxolle debutar o 14 de outubro de 1998, nun partido de clasificación para a Eurocopa 2000 disputado en Israel.

Anteriormente foi internacional sub-18 e sub-21, e campión da Eurocopa desta categoría en 1998.

Palmarés[editar | editar a fonte]

Club[editar | editar a fonte]

Zaragoza

País[editar | editar a fonte]

España sub-21
  • Campionato de Europa sub-21: 1998.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Marcos_Vales&oldid=4451282"