Mario Granell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Mario Granell
Nacemento1914
 A Coruña
Falecemento1991
 Vigo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpintor
IrmánsEugenio Granell
editar datos en Wikidata ]

Mario Fernández Granell, nado na Coruña en 1914 e finado en Vigo en 1991, foi un pintor e poeta galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A súa infancia transcorreu xunto co seu irmán Eugenio Granell entre A Coruña e Compostela, onde tiveron lugar os primeiros contactos coa pintura, no estudio de Camilo Díaz Baliño. Con catorce anos expuxo en Santiago e Pontevedra, con eloxio do escritor Francisco Fernández del Riego.[1] En 1930 chegou a Madrid e entrou en contacto con personaxes da Xeración do 27, chegando a expoñer con Rafael Alberti.

A súa biografía está marcada pola guerra civil española. Afiliado ao Partido Obrero de Unificación Marxista, foi detido mentres intentaba fuxir de España nunha pequena embarcación, apresado, e condenado a morte. Finalmente foi liberado tras sete anos de prisión na súa cidade natal.[2] Traballou e viviu en Vigo unha bohemia relativamente dura, con Laxeiro e outros artistas, subsistindo grazas a traballos esporádicos, sobre todo de pintura mural, deseños publicitarios, xéneros que desde o primeiro momento coñecera a través do profesor Baliño. Destaca tamén a súa produción como deseñador escenógrafo no Teatro Cine Fraga de Vigo e algún traballo en cerámica e esmalte. Ademais de poeta[3], xénero ao que chega a través de Celso Emilio Ferreiro, que coñeceu en Caracas. A súa creatividade excelsa e dispersa conectouno con gran parte da intelectualidade galega do século XX.

En 1957 emigrou a Venezuela, e alí traballa intensamente, aínda que a súa obra viaxa a España con frecuencia, para ser exposta en Madrid e en toda Galicia, e tamén en Bogotá e Bos Aires. A mediados da década de 1980 regresou a España e fixa a súa residencia en Vigo, onde traballou, expuxo e viviu os últimos anos da súa vida. O Concello de Vigo tomou o acordo de rotular unha rúa co nome do artista herculino que foi vigués na última etapa da súa vida.

A obra[editar | editar a fonte]

A pintura de Mario Granell está vinculada ao surrealismo, aínda que moi decantado. Sobre un debuxo preciso, siluetea figuras idealizadas, que habitan en mundos inventados, en vermellos, negros, azuis, verdes. O seu período de madurez artística corresponde coa súa estancia na emigración venezolana (1957/ 1981).[4] En total liberdade física e de espírito, xorde o gran Granell, apoiado por un importante prestixio social, pinta as súas mellores obras, "Monxas e claustros" ou "As fiadeiras" son algúns exemplos caracterizados por figuras estilizadas, anónimas, sen rostros e integradas nunha intensa composición, sen elementos superfluos. Publicou libros de estampas, entre eles Homenaxe ao pobo español. Estampas amargas-vivencias dunha guerra civil, en 1978.[5] A obra de Mario Granell figura en museos de Galicia e de Hispanoamérica, así como en coleccións particulares.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Francisco Pablos: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -Granell, M.: Estampas amargas. Caracas, 1978.
  • Mª Luisa Sobrino Manzanares: Catálogo del patrimonio artístico de la Diputación de A Coruña. A Coruña, Diputación, 1991.
  • I Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1989. Castro, Xosé Antón Castro. Colección Arte Galega. A Coruña, Xunta de Galicia, 1989.
  • Ángel Ilarri Gimeno: Catálogo del Pazo Museo Quiñones de León. Vigo, Ayuntamiento, 1978.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Mario_Granell&oldid=4776645"