Mark Twain

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Mark Twain
Mark Twain Sarony.jpg
Mark Twain
Nome completo Samuel Langhorne Clemens
Alcume Mark Twain e Sieur Louis de Conte
Nacemento 30 de novembro de 1835
Lugar Florida, Missouri Estados Unidos de América Estados Unidos
Falecemento 21 de abril de 1910 (74 anos)
Lugar Redding, Connecticut Estados Unidos de América Estados Unidos
Causa Infarto agudo de miocardio
Soterrado Woodlawn Cemetery
Nacionalidade estadounidense
Etnia Povo dos Estados Unidos
Relixión ateísmo
Ocupación xornalista, novelista, autobiógrafo, mestre, humorista, escritor de literatura infantil, escritor de viaxes e autor
Pai John Marshall Clemens
Cónxuxe Olivia Langdon Clemens (1870 -1904)
Fillos Langdon, Susy, Clara, Jean
Coñecido/a por Adventures of Huckleberry Finn e The Adventures of Tom Sawyer
Profesión humorista e escritor
Mark Twain Signatures-2.svg
editar datos en Wikidata ]
Mark Twain (1909)

Samuel Langhorne Clemens, coñecido polo seu seudónimo literario Mark Twain, nado en Florida, condado de Monroe, Missouri, o 30 de novembro de 1835 e finado en Redding, Connecticut, o 21 de abril de 1910, foi un humorista e escritor de gran reputación e popularidade dos Estados Unidos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu na diminuta aldea de Florida, en Missouri, onde os seus pais emigraran preto dun próspero tío seu, John, propietario dunha tenda, unha granxa e uns vinte escravos negros. Aos catro anos, a súa familia trasladouse á veciña cidade de Hannibal (Missouri), porto fluvial no Mississippi, e alí realizou os seus primeiros estudos. Moitos dos recordos das súas novelas están inspirados na facenda do seu tío e no pobo de Hannibal.

Ao morrer o seu pai, en 1847, viuse obrigado a traballar para soster a familia como aprendiz en imprentas e chegou a ser tipógrafo; xa en 1851 publicaba relatos de viaxes no xornal do seu irmán, un cabeza tola chamado Orion, o Journal de Muscatine. Con este irmán emprendeu outras aventuras diversas en busca de diñeiro fácil trala firma do tratado Guadalupe-Hidalgo en 1848. Mentres, traballou en imprentas de Keokuk, Iowa, Nova York, Filadelfia e outras cidades e máis adiante (1859) é piloto dun barco de vapor, experiencia que o marcou profundamente e só deixou polo estoupido da Guerra Civil Americana en 1861. Despois foi soldado da Confederación e tras desertar da Unión, negociante en madeira e mineiro de prata sen sorte en Nevada. Neste estado, ao que foi en compañía do seu irmán, que fora nomeado secretario do goberno federal en tal territorio, comezou a traballar como xornalista en 1862 no Territorial Enterprise de Virginia City e, ao ano seguinte, comezou a asinar co seudónimo Mark Twain, que no Mississippi significa dúas brazas de profundidade (o calado mínimo necesario para a boa navegación).

Popularidade[editar | editar a fonte]

En San Francisco traballou como xornalista en The Californian, pero foi despedido tras disputas cos seus editores, que se negaban a publicar os seus artigos máis controvertidos. Entre eles, un sobre a discriminación cara aos chineses e outro sobre a brutalidade policial. Os traballos xornalísticos desta época foron recollidos máis tarde en Mark Twain of the Enterprise (1857). Tras quedar sen traballo e sen diñeiro, estivo a piques de suicidarse. A partir de 1864 empezou a frecuentar outros escritores, un deles Artemus Ward, humorista e conferenciante, que o animou e lle ensinou o negocio das conferencias. Soportou a duras penas a Francis Bret Harte, con quen colaborou nalgúns proxectos e ao que acusou de abandonar a súa esposa e ser un sabrista consumado. O seu relato The Celebrated Jumping Frog of Calaveras County (1865) deulle unha súbita popularidade e asinou ese mesmo ano un contrato co Sacramento Union para escribir unha serie de cartas sobre o servizo de pasaxeiros do recentemente inaugurado servizo de barcos de vapor entre San Francisco e Honolulu; apareceu xa perfilado o seu estilo cunha inimitable e mordaz ironía. Os seus editores (Webb, Bliss) comezaron a enganalo sistemática e impunemente sobre as vendas das súas obras.

Viaxes[editar | editar a fonte]

Mark Twain 2.JPG

En 1867 viaxou a Europa e Terra Santa, aproveitando para escribir o seu libro de viaxes Innocents abroad (1869), en que explotou humoristicamente e de forma epistolar -son cartas publicadas primeiramente en xornais norteamericanos- por unha banda, a decadencia, pretensiosidade e o aristocratismo antidemocrático europeos, e, por outro, o provincianismo pailán e a irreverencia dos estadounidenses en contacto con Europa. En 1870 casou con Olivia Langdon, o grande amor da súa vida, a quen chamou Livy. Olivia era filla dun capitalista progresista que axudou a escapar moitos escravos como parte da rede de liberación chamada Tren Subterráneo. Ao principio Olivia non prestou atención a Samuel, pero tras un ano de cartas diarias, terminou por namorarse do escritor. Seguiu escribindo libros de viaxes, como A Tramp Abroad (1880) sobre unha excursión aos Alpes e a Selva Negra alemá, e o clásico Life on the Mississippi (1883), composto con materiais publicados ou redactados anteriormente e que centra un período de introspección sobre a súa infancia e mocidade e no que figuran os máis valiosos libros narrativos do escritor: As aventuras de Tom Sawyer (1876) e Adventures of Huckleberry Finn (1884).

A antiga casa de Mark Twain

Un investimento nun novo tipo de linotipia, a linotipia Paige, arruinouno completamente no pánico de 1893, pero logrou saír dos números vermellos dando conferencias por todos os Estados Unidos e ao redor de todo o mundo: publicou sobre esta experiencia o libro de viaxes Following the Equator (1897). Convenceu o xeneral Grant para que editase as súas memorias. Morreulle a súa filla maior, Susy, de meninxite, Livy quedou inválida e outro fillo morreu por descoido seu, como dolorosamente contou na súa My Autobiography; o escritor sumiuse nun negro pesimismo e nunha temible misantropía, de forma que ata el mesmo se deu conta de que o que escribía por entón era demasiado mordaz e impublicable para os parámetros de entón e deixou instrucións para que se editase trala súa morte. Fixo unha esgotadora viaxe coa súa muller por Suráfrica, Calcuta, Australia e Nova Zelandia dando conferencias e quedaron a vivir en Nova York. A súa muller morreu en Firenze en 1904. A súa filla Jean de súpeto en 1909; deste golpe apenas se recuperou e morreu catro meses despois, o 21 de abril de 1910, en Stormfield, Nova York. Só lle sobreviviu unha filla.

Foi recoñecido mundialmente durante os últimos anos da súa vida, e recibiu, entre outros, o doutoramento Honoris Causa pola Universidade de Oxford (Inglaterra), en 1907.

Obras[editar | editar a fonte]

Tapa de A Connecticut Yankee in King Arthur’s Court.

Entre as súas obras pódense citar:

  • The Innocents Abroad (1869), libro de viaxes satírico.
  • Roughing It (1872)
  • As aventuras de Tom Sawyer (1876), novelización sobre algúns personaxes da infancia do autor en Hannibal.
  • A Tramp Abroad (1880)
  • O príncipe e o esmoleiro[1][2] (1882), novela histórica.
  • Life on the Mississippi (1883), autobiográfica.
  • Adventures of Huckleberry Finn (1884), considerada a primeira novela moderna da literatura norteamericana.
  • Un ianqui na corte do rei Arturo[3] (1889), fantasía histórica que encobre unha crítica á sociedade contemporánea.
  • Following the Equator (1897), libro de viaxes.
  • Pudd'nhead Wilson (1894), narración determinista cuxo fin é atacar a escravitude.
  • Personal Recollections of Joan of Arc (1896)
  • Unha sátira detectivesca de dobre canón (1902)[4]
  • Retallos do diario de Adán[5] (1904)
  • Diario de Eva[6] (1906)
  • O forasteiro misterioso (1916)[7]
  • My Autobiography, (1924) póstuma.

Contos:

  • The Man That Corrupted Hadleyburg (1899)
  • The War Prayer (1905)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ficha na Base de datos de libros editados en España
  2. Tamén editada como O príncipe e o mendigo
  3. Ficha na Base de datos de libros editados en España
  4. O título orxinal en lingua inglesa foi A Double Barrelled Detective Story. Kalandraka publicou a tradución ao galego e cargo de Antía Veres Gesto en 2018.
  5. Ficha na Base de datos de libros editados en España
  6. Ficha na Base de datos de libros editados en España
  7. O título orixinal en lingua inglesa foi The Mysterious Stranger. Publicouna en galego a Editorial Hugin e Munin en 2012.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lucius Beebe. Comstock Commotion: The Story of the Territorial Enterprise and Virginia City News. Stanford University Press, 1954 ISBN 1-122-18798-X
  • Louis J. Budd, ed. Mark Twain, Collected Tales, Sketches, Speeches & Essays 1891–1910 (Library of America, 1992) (ISBN 978-0-940450-73-8)
  • Ken Burns, Dayton Duncan, and Geoffrey C. Ward, Mark Twain: An Illustrated Biography. New York: Alfred A. Knopf, 2001 (ISBN 0-375-40561-5)
  • Gregg Camfield. The Oxford Companion to Mark Twain. New York: Oxford University Press, 2002 (ISBN 0-19-510710-1)
  • Guy Cardwell, ed. Mark Twain, Mississippi Writings (Library of America, 1982) (ISBN 978-0-940450-07-3)
  • Guy Cardwell, ed. Mark Twain, The Innocents Abroad & Roughing It (Library of America, 1984) ISBN 978-0-940450-25-7
  • James M. Cox. Mark Twain: The Fate of Humor. Princeton University Press, 1966 (ISBN 0-8262-1428-2)
  • Everett Emerson. Mark Twain: A Literary Life. Philadelphia: University of Pennsylvania Press, 2000 (ISBN 0-8122-3516-9)
  • Shelley Fisher Fishkin, ed. A Historical Guide to Mark Twain. New York: Oxford University Press, 2002 (ISBN 0-19-513293-9)
  • Susan K. Harris, ed. Mark Twain, Historical Romances (Library of America, 1994) (ISBN 978-0-940450-82-0)
  • Hamlin L. Hill, ed. Mark Twain, The Gilded Age and Later Novels (Library of America, 2002) ISBN 978-1-931082-10-5
  • Jason Gary Horn. Mark Twain: A Descriptive Guide to Biographical Sources. Lanham, Md.: Scarecrow Press, 1999 (ISBN 0-8108-3630-0)
  • William Dean Howells. My Mark Twain. Mineloa, New York: Dover Publications, 1997 (ISBN 0-486-29640-7)
  • Fred Kaplan. The Singular Mark Twain: A Biography. New York: Doubleday, 2003 (ISBN 0-385-47715-5)
  • Justin Kaplan. Mr. Clemens and Mark Twain: A Biography. New York: Simon and Schuster, 1966 (ISBN 0-671-74807-6)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Mark_Twain&oldid=4923921"