Movemento antitabaco na Alemaña nazi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dous soldados alemáns fumando

O movemento antitabaco na Alemaña nazi comezou no Terceiro Reich despois de que os médicos alemáns fosen os primeiros en descubrir a relación entre o cancro de pulmón e o tabaco,[1][2] liderando a primeira campaña antitabaco da historia moderna.[3] Os movementos antitabaco medraron en moitas nacións dende comezos do século XX,[4][5] pero tiveron pouco éxito agás en Alemaña, onde a campaña recibiu o apoio do goberno despois do ascenso dos nazis no poder.[4] Este foi o movemento en contra do tabaco máis poderoso do mundo nos anos 1930 e comezos dos anos 1940.[6] Os líderes nacionalsocialistas condenaron o consumo de tabaco[7] e moitos deles criticárono publicamente.[6] Baixo o goberno nazi prosperou a investigación sobre o tabaco e os seus efectos na saúde,[8] sendo a máis importante do seu tipo naquel momento.[9] Ademais da investigación efectuada, a aversión persoal de Adolf Hitler cara o tabaco,[10] as políticas reprodutivas dos nazis e a asociación do tabaco co antisemitismo e o racismo[11] foron outros factores a prol desta campaña contra o tabaco.

A campaña antitabaco dos nazis consistiu en prohibir fumar nos tranvías, autobuses e trens urbanos,[6] promover a educación saudable,[12] limitar as racións de cigarros na Wehrmacht, organizar clases médicas para os soldados e incrementar os impostos sobre o tabaco.[6] Os nacionalsocialistas tamén impuxeron limitacións nos anuncios de tabaco, restrinxiron fumar en espazos públicos e regulárono nos restaurantes e cafeterías.[6] O movemento antitabaco non tivo demasiada eficacia nos primeiros anos do réxime nazi e malia os esforzos da campaña o consumo de tabaco medrou entre os anos 1933 e 1939,[13] mais posteriormente diminuíu entre os anos 1939 e 1945.[14] Nin sequera a finais do século XX o movemento antitabaco da Alemaña da posguerra acadou tanta influencia coma nos tempos do nacionalsocialismo.[13]

Precedentes[editar | editar a fonte]

O sentimento antitabaco xa existía no Imperio Alemán a comezos do século XX. Os críticos do tabaco organizaron o primeiro grupo antitabaco no país, chamado Deutscher Tabakgegnerverein zum Schutze der Nichtraucher (Asociación de opositores alemáns do tabaco para a protección dos non fumadores). Establecida en 1904, esta organización tan só existiu durante un breve período de tempo. A seguinte organización deste tipo, chamada Bund Deutscher Tabakgegner (Federación de opositores alemáns do tabaco), estableceuse no ano 1910 en Trautenau, Bohemia. Outras organizacións semellantes xurdiron no ano 1912 nas cidades de Hannover e Dresden. No ano 1920 formouse en Praga a Bund Deutscher Tabakgegner in der Tschechoslowakei (Federación de opositores alemáns do tabaco en Checoslovaquia), trala separación de Checoslovaquia de Austria o final da primeira guerra mundial. Nese mesmo ano estableceuse tamén a Bund Deutscher Tabakgegner in Deutschösterreich (Federación de opositores alemáns do tabaco na Austria alemá) na cidade de Graz.[15]

Estes grupos publicaron xornais que avogaban en contra do uso do tabaco. A primeira destas publicacións en alemán foi Der Tabakgegner (Opositor do Tabaco), editada pola organización de Bohemia entre os anos 1912 e 1932. Deutscher Tabakgegner (Opositor Alemán do Tabaco) foi o segundo xornal que trataba este tema, publicándose en Dresde dende 1919 ata 1935.[16] Xunto co tabaco, estas organizacións foron opositoras tamén do consumo de bebidas alcólicas.[17]

Factores motivadores[editar | editar a fonte]

Investigacións[editar | editar a fonte]

As investigación e estudos dos efectos do tabaco na saúde pública estaban máis avanzados en Alemaña que en calquera outra nación no momento en que os nazis chegaron ao poder.[6] A conexión entre o cancro de pulmón e o tabaco probouse por primeira vez na Alemaña nazi,[18][19][20] en contra da crenza popular de que os científicos estadounidenses e británicos foron os primeiros en descubrila nos anos 1950,[18] e o termo "fumador pasivo" ("Passivrauchen") cuñouse na Alemaña nazi.[3] Os proxectos de investigación financiados polos nazis revelaron moitos dos efectos prexudiciais do tabaco na saúde,[21] e a Alemaña nazi apoiou diversas investigacións epidemiolóxicas nestes efectos do uso do tabaco.[1] Hitler deu apoio financeiro de forma persoal a Wissenschaftliches Institut zur Erforschung der Tabakgefahren (Instituto para a investigación dos perigos do tabaco) na Universidade de Jena, liderado por Karl Astel.[14][22] Establecida no ano 1941, esta institución antitabaco foi a máis significativa da Alemaña nazi.[22]

Dous soldados alemáns fumando nunha trincheira da Fronte Oriental

Franz H. Müller no ano 1939 e posteriormente Eberhard Schairer en 1943 foron os primeiros en empregar métodos epidemiolóxicos de caso-control para estudar o cancro de pulmón nos fumadores.[14] En 1939 Müller publicou un informe nunha reputada revista médica alemá que afirmaba que a incidencia de cancro de pulmón era maior nas persoas fumadoras.[1] Müller, descrito en ocasións como "o pai esquecido da epidemioloxía experimental",[23] foi membro do NSKK e do Partido Nazi (NSDAP). A súa disertación foi o primeiro estudo epidemiolóxico controlado da relación entre o tabaco e o cancro de pulmón. Entre a mención de outros factores causantes como o po, os gases de escape dos automóbiles, a tuberculose, os raios X e outros contaminantes procedentes das fábricas, o seu informe indicou que "o papel significativo do fume do tabaco estaba cada vez máis no primeiro plano" entre ditos factores.[24]

Os doutores do Terceiro Reich sabían que fumar era causa de doenzas cardíacas, consideradas as doenzas máis serias resultantes do uso do tabaco. O uso da nicotina tamén se considerou responsable do incremento nos infartos de miocardio reportados no país. Nos últimos anos da segunda guerra mundial, os investigadores consideraron a nicotina como un factor dos fallos cardíacos coronarios que sufriron un número significativo de persoal militar na fronte oriental. Un patólogo da Wehrmacht examinou 32 soldados mozos que faleceran a causa de infarto de miocardio nesta fronte, e documentou nun informe de 1944 que todos eles eran "fumadores entusiastas", citando a opinión do tamén patólogo Franz Buchner que afirmou que os cigarros eran "un veleno coronario de primeira orde".[25]

Postura de Hitler sobre o tabaco[editar | editar a fonte]

Adolf Hitler foi fumador habitual na súa xuventude, chegando a fumar entre 25 e 40 cigarros diarios, pero finalmente deixou o hábito tras chegar a conclusión de que era "unha perda de cartos".[10] En anos posteriores chegou a considerar o hábito de fumar como "decadente"[14] e "a ira do Home Vermello contra o Home Branco, en vinganza por darlles licores",[10] lamentando que "a perda de moitos homes excelentes por envelenamento do tabaco".[18] Sentíase infeliz xa que tanto Eva Braun como Martin Bormann eran fumadores e preocupáballe que Hermann Göring fumase continuamente en lugares públicos, chegando a poñerse furioso cando se comisionou unha estatua na que se representaba a Göring fumando.[10] Adoita considerarse a Hitler como o primeiro líder nacional que propugnou non fumar, aínda que Xacobe VI de Escocia e I de Inglaterra xa declarara abertamente a súa postura antitabaco 330 anos antes ca el.[26]

Hitler non aprobaba a liberdade para fumar da que dispoñía o persoal militar, e durante a segunda guerra mundial declarou que "era un erro, culpa do liderado do exército naquel momento, no comezo da guerra" e que "non é correcto dicir que un soldado non pode vivir sen fumar", chegando a prometer que acabaría co uso de tabaco no exército en canto rematase a guerra. Animou persoalmente aos seus amigos próximos para que non fumasen e premiou a aqueles que deixaron de fumar. Porén, o rexeitamento persoal do tabaco por parte de Hitler tan só foi un dos diversos factores catalizadores da campaña antitabaco alemá.[10]

Políticas reprodutivas[editar | editar a fonte]

As políticas reprodutivas nazis foron un factor significativo na súa campaña antitabaco.[11] Consideraban que as mulleres fumadoras eran vulnerables o envellecemento prematuro e a perda de atractivo físico. Vían a estas mulleres inapropiadas como esposas e nais para a familia alemá. Werner Huttig da Rassenpolitisches Amt (Oficina de Política Racial) do Partido Nazi afirmou que o leite das mulleres fumadoras embarazadas contiña nicotina,[25] afirmación probada como correcta por investigacións modernas.[27][28][29][30]Martin Staemmler, un doutor prominente durante o Terceiro Reich, opinaba que fumar durante o embarazo resultaba nun aumento dos natimortos e abortos espontáneos. Esta opinión foi apoiada pola hixienista racial Agnes Bluhm, quen publicou un libro no ano 1936 expresando este mesmo punto de vista. Os líderes nazis amosaron a súa preocupación por esta cuestión xa que desexaban que as mulleres alemás tivesen unha gran facilidade reprodutiva. Un artigo publicado nunha revista xinecolóxica alemá de 1943 afirmou que as mulleres que fumaban tres ou máis cigarros diarios tiñan máis posibilidades de quedar sen fillos en comparación coas mulleres non fumadoras.[31]

Asociación co antisemitismo e co racismo[editar | editar a fonte]

A maiores da preocupación pola saúde pública, os nazis estaban moi influenciados pola súa ideoloxía,[21] particularmente polos seus conceptos de hixiene racial e pureza corporal.[32] Os líderes nazis crían que estaba mal que a "raza superior" fumase[21] e que o consumo de tabaco era equivalente a unha "dexeneración racial".[33] A súa visión do tabaco era a dun "veleno xenético",[32] e os hixienistas raciais opoñíanse ao consumo de tabaco, aducindo que "corrompía o plasma xerminal alemán".[34] Algúns activistas antitabaco nazis chegaron a representar o tabaco como un vicio dos "negros dexenerados".[32]

Os nazis chegaron a afirmar que os xudeus eran os responsables da introdución do tabaco e dos seus efectos prexudiciais, e a Igrexa adventista do sétimo día en Alemaña anunciou que fumar era un vicio malsán espallado polos xudeus.[34]Johann von Leers, editor do Nordische Welt, proclamou en 1941 durante a cerimonia inaugural do Wissenschaftliches Institut zur Erforschung der Tabakgefahren que o "capitalismo xudeu" era responsable da expansión do uso do tabaco por toda Europa. Afirmou tamén que o primeiro tabaco en terreo alemán foi introducido polos xudeus e que estes controlaban a industria tabaqueira en Ámsterdam, o punto principal de entrada da Nicotiana.[35]

Campaña[editar | editar a fonte]

Medidas antitabaco[editar | editar a fonte]

Os nazis empregaron varias tácticas de relacións públicas para convencer ao público xeral alemán de non fumar. Revistas de saúde ben coñecidas como Gesundes Volk (Xente saudable),[21]Volksgesundheit (A saúde da xente) e Gesundes Leben (Vida saudable)[36] publicaron advertencias sobre as consecuencias que fumar tiña na saúde[21][36] así como pósters que amosaban os efectos prexudiciais do tabaco. Enviáronse mensaxes antitabaco a xente nos seus postos de traballo,[21] habitualmente coa axuda da Hitlerjugend e da Bund Deutscher Mädel.[11][21][36] A campaña antitabaco levada a cabo polos nazis tamén incluíu iniciativas de educación da saúde.[12][19][37] En xuño de 1939 formouse un departamento antitabaco e antialcohol, e a Reichsstelle für Rauschgiftbekämpfung (Departamento para a loita contra o envelenamento do tabaco) tamén axudou nesta campaña. As revistas Die Genussgifte (As drogas sociais), Auf der Wacht (En garda) e Reine Luft (Aire limpo) publicaron tamén artigos que avogaban non fumar.[38] De entre estas publicacións, Reine Luft foi a principal revista do movemento antitabaco,[6][39] e a institución de Karl Astel na Universidade de Jena mercou e distribuíu centos de exemplares desta publicación.[39]

Tras recoñecer os efectos prexudiciais do uso do tabaco na saúde, o goberno nazi promulgou varios elementos de lexislación antitabaco.[40] A finais dos anos 1930 incrementouse a posta en marcha deste tipo de lexislacións, e no ano 1938 a Luftwaffe e o Reichspost impuxeron a prohibición de fumar. Esta prohibición estendeuse as institucións médicas, colexios[21] e varias oficinas públicas asilos.[6] En 1939 o Partido Nazi prohibiu fumar en tódalas súas oficinas, e Heinrich Himmler, por aquel entón xefe do Schutzstaffel, prohibiulles fumar ós oficiais de policía e da SS mentres se atopaban de servizo.[41]

En 1941 sesenta cidades alemás prohibiron fumar nos tranvías.[41] Tamén se prohibiu fumar nos refuxios de bombas, aínda que algúns deles contaban con habitacións separadas para fumar.[6] Os nazis tiveron un coidado especial para previr que as mulleres fumasen. O presidente da Asociación Médica Alemá anunciou que "as mulleres alemás non fuman",[42] e as mulleres embarazadas e as que se atopaban entre os 25 e os 55 anos de idade non recibiron racións de tabaco durante a segunda guerra mundial. As restricións na venda de produtos tabaqueiros tamén se impuxo nos establecementos alimentarios e hospitalarios.[41] Tamén se proxectaron publicamente filmes antitabaco dirixidos especificamente ás mulleres e os xornais publicaron editoriais sobre os problemas de fumar e os seus efectos. Tomáronse medidas estritas neste aspecto, e o sindicato Nationalsozialistische Betriebszellenorganisation anunciou que expulsaría a calquera das súas mulleres membros que fumase en público.[43] O seguinte paso nesta campaña antitabaco chegou en xullo de 1943 cando se prohibiu que os menores de 18 anos fumasen en público.[11][36][41] No ano seguinte ilegalizouse fumar nos buses e trens urbanos[14] baixo unha iniciativa persoal de Hitler para evitar que as pasaxeiras destes transportes fosen fumadoras pasivas.[6]

Tamén se impuxeron restricións na publicidade dos produtos do tabaco,[44] promulgadas o 7 de decembro de 1941 e asinadas por Heinrich Hunke, presidente do Consello de Publicidade, nas que se prohibiu amosar o acto de fumar como inofensivo ou como unha expresión de masculinidade. Tamén se prohibiu ridiculizar aos activistas antitabaco[45] así como a publicidade destes produtos por medio de altofalantes e nos selos postais.[46]

As restricións do tabaco chegaron tamén á Wehrmacht. As racións de cigarros no exército limitáronse a seis por soldado ó día. A venda de cigarros extra ós soldados foi habitual, pero estaba limitada a 50 cigarros por persoa ó mes.[6] Os soldados en idade adolescente que servían na 12. SS Panzer Division Hitlerjugend, composta de membros das Hitlerjugend, recibiron doces no lugar de tabaco.[47] O acceso a cigarros prohibíuselle ao persoal auxiliar feminino da Wehrmacht, e realizáronse conferencias médicas para persuadir ó persoal militar a que deixara de fumar. Unha ordenanza promulgada o 3 de novembro de 1941 elevou os impostos do tabaco entre un 80% e un 95% do seu prezo de venda, converténdose na maior subida de impostos do tabaco en Alemaña ata pasados máis de 25 anos tralo fin do réxime nazi.[6]

Efectividade[editar | editar a fonte]

As primeiras campañas antitabaco consideráronse un fracaso, e na década dos anos 1930 houbo un incremento moi acelerado do consumo de tabaco en Alemaña.[13] Este consumo incrementouse a un ritmo máis acelerado incluso que na veciña Francia, onde o movemento antitabaco era minúsculo e moito menos influente en comparación. Entre os anos 1932 e 1939 o consumo per cápita de cigarros en Alemaña incrementouse dos 570 ata os 900 cigarros ao ano, mentres que en Francia pasou dos 570 aos 630 cigarros ao ano.[6][48]

Consumo de cigarros per cápita
por ano en Alemaña[6][13][48]
Ano 1930 1932 1935 1939 1940 1944 1950 1963
C.p.c. 490 570 510 900 1022 743 460 1523

Os fabricantes alemáns de cigarros levaron a cabo varios intentos de debilitar a campaña antitabaco. Publicaron novas revistas nas que intentaron representar o movemento antitabaco como "fanático" e "non científico".[6] A industria tabaqueira tamén intentou contrarrestar a campaña do goberno nazi en contra do uso do tabaco por parte das mulleres e do uso de modelos femininas que fumasen na publicidade dos seus produtos.[42] Malia tódalas regulacións do goberno, moitas mulleres alemás seguiron fumando de forma regular, incluíndo as mulleres de moitos oficiais nazis de alto rango. Por exemplo, Magda Goebbels chegou a fumar incluso mentres estaba a ser entrevistada por un xornalista. As ilustracións de moda que amosaban a mulleres con cigarros foi habitual en publicacións prominentes como Beyers Mode für Alle (moda Beyers para todos), e a portada do disco da popular canción Lili Marleen amosaba a cantante Lale Andersen suxeitando un cigarro.[43]

Os nazis puxeron en marcha máis políticas antitabaco a finais dos anos 1930 e nos primeiros anos da segunda guerra mundial o consumo de tabaco comezou a reducirse. Como resultado das medidas antitabaco impostas na Wehrmacht, o consumo total de tabaco por parte dos soldados diminuíu entre os anos 1939 e 1945.[6][14] Segundo unha enquisa feita no ano 1944, o número de fumadores incrementárase na Wehrmacht, pero o consumo medio de tabaco por persoa reducírase nun 23,4% en comparación cos anos previos a segunda guerra mundial, e o número de persoas que fumaban 30 ou máis cigarros ó día reducírase do 4,4% ata o 0,3%.[6]

As políticas antitabaco dos nazis non estiveron tampouco libres de contradicións. Por exemplo, as políticas Volksgesundheit (Saúde do Pobo) e Gesundheitspflicht (Deber de estar Saudable) aplicáronse en paralelo xunto a distribución activa de cigarros para os "grupos merecentes", como soldados ou membros das Hitlerjugend, mentres que por outra banda se denegaba o acceso ó tabaco ós grupos estigmatizados, como os xudeus ou os prisioneiros de guerra.[49]

Trala segunda guerra mundial[editar | editar a fonte]

Contrabando de tabaco en Alemaña en 1949

Tralo colapso da Alemaña nazi ao final da segunda guerra mundial en Europa, as empresas tabaqueiras estadounidenses entraron rapidamente no mercado negro alemán. O contrabando ilegal de tabaco tornouse predominante,[50] e a campaña antitabaco comezada polos nazis deixou de existir trala caída do Terceiro Reich.[8] No ano 1949 entraron cada mes en Alemaña uns 400 millóns de cigarros fabricados nos Estados Unidos de forma ilegal. En 1954 case 2000 millóns de cigarros suízos entraron ilegalmente en Alemaña e Italia. Como parte do Plan Marshall os Estados Unidos enviaron tabaco a Alemaña libre de cargos. A cantidade de tabaco enviado a Alemaña desta forma en 1948 foi de 24 000 toneladas, chegando as 69 000 toneladas no ano 1949. O consumo de cigarros per cápita na Alemaña de posguerra incrementouse progresivamente dende os 460 cigarros en 1950 ata os 1523 en 1963. A finais do século XX as campañas antitabaco alemás non conseguiron acadar os niveis de "clímax" da campaña nazi, e segundo Robert N. Proctor as investigacións sobre os efectos do tabaco na saúde en Alemaña estaban "mudas" nese momento.[13]

Notas[editar | editar a fonte]

Todas as referencias en inglés agás cando se indique o contrario
  1. 1,01,11,2 Young, T. Kue (2005). Population Health: Concepts and Methods. Oxford University Press. p. 252. ISBN 0-19-515854-7. 
  2. Roffo, A. H. (8 de xaneiro de 1940). J. F. Lehmanns Verlag, ed. "Krebserzeugende Tabakwirkung" [Efectos canceríxenos do tabaco] (PDF) (en alemán). Berlín. Consultado o 1 de agosto de 2014. 
  3. 3,03,1 Szollosi-Janze, Margit (2001). Science in the Third Reich. Berg Publishers. p. 15. ISBN 1-85973-421-9. 
  4. 4,04,1 Richard Doll (1998). "Uncovering the effects of smoking: historical perspective". Statistical Methods in Medical Research 7: 87–117. PMID 9654637. doi:10.1191/096228098668199908. 
  5. Borio, Gene (2003). Tobacco.org, ed. "Tobacco Timeline: The Twentieth Century 1900-1949 -- The Rise of the Cigarette". Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro 2008. 
  6. 6,006,016,026,036,046,056,066,076,086,096,106,116,126,136,146,156,16 Proctor, Robert N. (1996). "The anti-tobacco campaign of the Nazis: a little known aspect of public health in Germany, 1933-45". British Medical Journal 313: 1450–3. PMC 2352989. PMID 8973234. doi:10.1136/bmj.313.7070.1450. Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2008. 
  7. Bynum, William F.; Hardy, Anne; Jacyna, Stephen; Lawrence, Christopher; Tansey, E. M. (2006). The Western Medical Tradition. Cambridge University Press. p. 375. ISBN 0-521-47524-4. 
  8. 8,08,1 Proctor, Robert N. (1996). "Nazi Medicine and Public Health Policy". Dimensions. Anti-Defamation League. Arquivado dende o orixinal o 31 de maio de 2008. Consultado o 3 de febreiro de 2016. 
  9. Clark, Briggs & Cooke 2005, pp. 1373–74
  10. 10,010,110,210,310,4 Proctor 1999, p. 219
  11. 11,011,111,211,3 George Davey Smith (decembro de 2004). "Lifestyle, health, and health promotion in Nazi Germany". British Medical Journal 329: 1424–5. PMC 535959. PMID 15604167. doi:10.1136/bmj.329.7480.1424. Arquivado dende o orixinal o 24 de xullo de 2008. 
  12. 12,012,1 Gilman, Sander L.; Zhou, Xun (2004). Smoke: A Global History of Smoking. Reaktion Books. p. 328. ISBN 1-86189-200-4. 
  13. 13,013,113,213,313,4 Proctor 1999, p. 228
  14. 14,014,114,214,314,414,5 Clark, Briggs & Cooke 2005, p. 1374
  15. Proctor, Robert (1997). "The Nazi War on Tobacco: Ideology, Evidence, and Possible Cancer Consequences" (PDF). Bulletin of the History of Medicine 71 (3): 435–88. PMID 9302840. doi:10.1353/bhm.1997.0139. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de febreiro de 2009. Consultado o 22 de xullo de 2008. 
  16. Proctor 1999, p. 177
  17. Proctor 1999, p. 178
  18. 18,018,118,2 Proctor 1999, p. 173
  19. 19,019,1 Mackenbach, Johan P. (2005). "Odol, Autobahne and a non-smoking Führer: Reflections on the innocence of public health". International Journal of Epidemiology 34 (3): 537–9. PMID 15746205. doi:10.1093/ije/dyi039. Arquivado dende o orixinal o 9 de xullo de 2008. 
  20. Schaler, Jeffrey A. (2004). Szasz Under Fire: A Psychiatric Abolitionist Faces His Critics. Open Court Publishing. p. 155. ISBN 0-8126-9568-2. 
  21. 21,021,121,221,321,421,521,621,7 Coombs & Holladay 2006, p. 98
  22. 22,022,1 Proctor 1999, p. 207
  23. Proctor 1999, p. 191
  24. Proctor 1999, p. 194
  25. 25,025,1 Proctor 1999, p. 187
  26. Tillman, Barrett (2004). Brassey's D-Day Encyclopedia: The Normandy Invasion A-Z. Potomac Books Inc. p. 119. ISBN 1-57488-760-2. 
  27. Dahlström, Anders; Ebersjö, Christina; Lundell, Bo (2008). "Nicotine in breast milk influences heart rate variability in the infant". Acta Pædiatrica 97 (8): 1075–1079. PMID 18498428. doi:10.1111/j.1651-2227.2008.00785.x. 
  28. Pellegrini, M.; Marchei, E.; Rossi, S.; Vagnarelli, F.; Durgbanshi, A.; García-Algar, O.; Vall, O.; Pichini, S. (2007). "Liquid chromatography/electrospray ionization tandem mass spectrometry assay for determination of nicotine and metabolites, caffeine and arecoline in breast milk" (PDF). Rapid Communications in Mass Spectrometry 21 (16): 2693–2703. PMID 17640086. doi:10.1002/rcm.3137. 
  29. Mennella, Julie A.; Yourshaw, Lauren M.; Morgan, Lindsay K. (2007). "Breastfeeding and Smoking: Short-term Effects on Infant Feeding and Sleep". Pediatrics 120 (3): 497–502. PMC 2277470. PMID 17766521. doi:10.1542/peds.2007-0488. 
  30. Ilett, Kenneth F.; Hale, Thomas W.; Page-Sharp, Madhu; Kristensen, Judith H.; Kohan, Rolland; Hackett, L. Peter (2003). "Use of nicotine patches in breast-feeding mothers: transfer of nicotine and cotinine into human milk". Clinical Pharmacology & Therapeutics 74 (6): 516–524. PMID 14663454. doi:10.1016/j.clpt.2003.08.003. 
  31. Proctor 1999, p. 189
  32. 32,032,132,2 Proctor 1999, p. 174
  33. Proctor 1999, p. 220
  34. 34,034,1 Proctor 1999, p. 179
  35. Proctor 1999, p. 208
  36. 36,036,136,236,3 Smith, George Davey; Strobele, Sabine A; Egger, Matthias (1994). "Smoking and health promotion in Nazi Germany". Journal of Epidemiology and Community Health 48 (3): 220–3. JSTOR 25567902. PMC 1059950. PMID 8051518. doi:10.1136/jech.48.3.220. 
  37. Berridge, Virginia (2007). Marketing Health: Smoking and the Discourse of Public Health in Britain, 1945-2000. Oxford University Press. p. 13. ISBN 0-19-926030-3. 
  38. Proctor 1999, p. 199
  39. 39,039,1 Proctor, Robert N. (2001). "Commentary: Schairer and Schöniger's forgotten tobacco epidemiology and the Nazi quest for racial purity". International Journal of Epidemiology 30 (1): 31–34. PMID 11171846. doi:10.1093/ije/30.1.31. 
  40. Smith, George Davey; Strobele, Sabine A; Egger, Matthias (1995). "Smoking and death. Public health measures were taken more than 40 years ago". British Medical Journal 310 (6976): 396. PMC 2548770. PMID 7866221. 
  41. 41,041,141,241,3 Proctor 1999, p. 203
  42. 42,042,1 Daunton, Martin; Hilton, Matthew (2001). The Politics of Consumption: Material Culture and Citizenship in Europe and America. Berg Publishers. p. 169. ISBN 1-85973-471-5. 
  43. 43,043,1 Guenther, Irene (2004). Nazi Chic?: Fashioning Women in the Third Reich. Berg Publishers. p. 108. ISBN 1-85973-400-6. 
  44. Uekoetter, Frank (2006). The Green and the Brown: A History of Conservation in Nazi Germany. Cambridge University Press. p. 206. ISBN 0-521-84819-9. 
  45. Proctor 1999, p. 204
  46. Proctor 1999, p. 206
  47. Meyer, Hubert (2005). The 12th SS: The History of the Hitler Youth Panzer Division. Stackpole Books. p. 13. ISBN 978-0-8117-3198-0. 
  48. 48,048,1 Lee, P. N. (1975). Tobacco Consumption in Various Countries (4ª ed.). Londres: Tobacco Research Council. ISBN 0-901026-07-7. 
  49. Bachinger, E.; McKee, M.; Gilmore, A. (2008). "Tobacco policies in Nazi Germany: not as simple as it seems". Public Health 122 (5): 497–505. PMC 2441844. PMID 18222506. doi:10.1016/j.puhe.2007.08.005. 
  50. Proctor 1999, p. 245

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Clark, George Norman; Briggs, Asa; Cooke, A. M. (2005). A History of the Royal College of Physicians of London (en inglés). Oxford University Press. ISBN 0-19-925334-X. 
  • Proctor, Robert (1999). The Nazi War on Cancer (en inglés). Princeton University Press. ISBN 0-691-07051-2. 
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Movemento_antitabaco_na_Alemaña_nazi&oldid=4397604"