Nai Coraxe e mais os seus fillos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Manfred Wekwerth e Gisela May durante unha representación da obra en 1978.
Selo conmemorando a produción da Berliner Ensemble.

Nai Coraxe e mais os seus fillos (en alemán Mutter Courage und ihre Kinder) é unha obra teatral en lingua alemá escrita en 1939 por Bertolt Brecht coa colaboración de Margarete Steffin[1], co título orixinal de Mutter Courage und ihre Kinder. Representouse por vez primeira no Schauspielhaus Zürich en 1941, con música de Paul Burkhard. En 1949 Brecht revisou a obra para a produción que el dirixiu na Berliner Ensemble con música de Paul Dessau. É unha das obras clave do teatro épico. En 1987 Lois Tobío Fernández publicou a tradución ao galego en Ediciós do Castro.

Nai Coraxe está considerada unha das máis grandes obras teatrais do século XX e unha das principais pezas antibélicas da historia.[2]

Contexto e trama[editar | editar a fonte]

Nai Coraxe é unha das nove obras que Brecht escribiu contra o ascenso do fascismo e o nazismo. Como resposta á invasión de Polonia polo exército alemán ordenada por Adolf Hitler en 1939, Brecht escribiu a peza Nai Coraxe en pouco máis dun mes.[3], sobre os devastadores efectos dunha guerra europea e a cegueira de calquera que esperase beneficiarse dela.[4]. Aínda que seguindo os propios principios de Brecht para o drama político non se sitúa na época contemporánea senón na Guerra dos Trinta Anos de 1618–1648 seguindo a Anna Fierling, de alcume "Nai Coraxe", personaxe tomado do escritor picaresco alemán do século XVII Grimmelshausen, unha arteira vendedora ambulante que vai tras do exército sueco esquivando as diferenzas entre católicos e protestantes e resolta a vivir da guerra pero no seu decurso perde os seus tres fillos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Werner Hecht (1998)Brecht Chronik, Werner Hecht Suhrkamp Verlag, p. 566.
  2. Brett D. Johnson, "Review of Mother Courage and Her Children". Theatre Journal, Volume 59, Number 2, May 2007, pp. 281–282
  3. Klaus Volker (1975) Brecht Chronicle. Seabury Press, páx. 92.
  4. Ralph Manheim e John Willett (1972) Bertolt Brecht: Collected Plays, vol. 5. Vintage Books p. xi
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Nai_Coraxe_e_mais_os_seus_fillos&oldid=3785965"