Nome

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Os cartuchos indican que os xeróglifos exipcios contidos neles son un nome da realeza.

O nome é a designación ou denominación verbal (as denominacións non verbais son estudadas pola iconoloxía e a iconografía) que se lle dá a unha persoa, animal, cousa, ou concepto tanxible ou intanxible, concreto ou abstracto, para distinguilo doutros. Como signo, en xeral é estudado pola semiótica, e como signo nunha contorna social, pola semioloxía.

Estudo dos nomes[editar | editar a fonte]

Substantivos[editar | editar a fonte]

Dende un punto de vista gramatical, máis exactamente morfosintáctico, os nomes son denominados substantivos. Dende un punto de vista léxico os nomes son clasificados como unidades fraseolóxicas ou títulos, mentres que a semántica, disciplina que estuda só o seu significado, ocúpase de ver como os nomes se dividen e agrupan en campos semánticos estruturados por relacións de sinonimia, antonimia, hiperonimia, hiponimia, holonimia e meronimia ou porque comparten algún sema.

Para a semiótica ou ciencia que estuda os signos, por outra banda, os nomes divídense en tres elementos constituíntes segundo o Triángulo de Ogden e Richards: significado, significante e referente.

Os nomes poden ser comúns ou propios: se son comúns, sinalan obxectos abondosos, semellantes e idénticos, por exemplo, "home"; se son propios, polo menos en intención sinalan persoas, animais ou obxectos únicos e individuados, ou que se quere o sexan, por exemplo, "Sócrates"; neste tipo de nomes pérdese ou non importa demasiado dende un punto de vista pragmático o elemento do Triángulo de Ogden e Richards coñecido como significado, que por iso se reduce a ser soamente un segmento en que se unen e opoñen significante e referente.

Os nomes poden vir acuñados xa pola tradición ou ser creados para describir unha nova realidade. Neste segundo caso, adoitan ser compostos e escollidos cos criterios preferentes de brevidade e estrañeza, a fin de que a identificación da persoa, cousa ou concepto sexa fácil, rápida e clara. Con frecuencia, iso non é posible, así que se recorre a procedementos de abreviatura como o clipping, acurtamento, sigla ou acrónimo, ou se recorre a unha palabra estranxeira máis ou menos adaptada, o chamado préstamo léxico.

A onomástica investiga os nomes propios, os seus significados e a súa orixe histórica, e a etimoloxía a súa orixe e causa. Unha disciplina máis xeral, a simboloxía, coas súas disciplinas asociadas, a iconoloxía e a iconografía, estuda as denominacións non verbais, especialmente as de tipo artístico.

Nomes científicos[editar | editar a fonte]

As diversas disciplinas científicas necesitan catalogar as realidades que van descubrindo e, para iso, precisan unha taxonomía clara que as provea dunha nomenclatura ou escala onomástica para clasificar nunha orde regular de máis xeral a máis concreto as denominacións comúns. Estas denominacións teñen que ver coas similitudes ou disimilitudes existentes entre as entidades catalogadas e para iso a ciencia debe adoptar uns criterios fixos e obxectivos de denominación. O primeiro intento exitoso neste sentido realizouno a bioloxía coas nomenclaturas do grego Aristóteles, do romano Plinio o Vello e por último de Carl von Linné.

Os animais e plantas son coñecidos por un nome común, o cal pode variar segundo o idioma, a cultura, a xeografía, etc. Porén, para evitar erros, os científicos identifican cada especie co seu nome en latín, é dicir, cun nome científico.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Nome&oldid=4986744"