O Gran Gatsby

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Gran Gatsby
Título orixinalThe Great Gatsby
Autor/aF. Scott Fitzgerald
OrixeEstados Unidos de América
Linguainglés
Xénero(s)Novela
EditorialFlag of the United Kingdom.svgScribner
GaliciaIr Indo
Data de pub.Flag of the United Kingdom.svg 10 de abril de 1925
GaliciaSetembro de 2002
Páxinas218
ISBNFlag of the United Kingdom.svgISBN 978-0-7432-7356-7
GaliciaISBN 978-84-7680-418-0
Precedido porThe Beautiful and Damned
Seguido porTender Is the Night
TraduciónLaura Rodríguez Gómez

O Gran Gatsby é unha novela en lingua inglesa escrita polo estadounidense F. Scott Fitzgerald, publicada por vez primeira en 1925 co título orixinal de The Great Gatsby. A trama desenvólvese en Nova York e Long Island na década de 1920. O libro foi descrito como o reflexo da era do jazz na literatura estadounidense. Foi traducido ao galego por Laura Rodríguez Gómez, e publicado en 2002 por Ir Indo Edicións.

Trama[editar | editar a fonte]

O narrador é Nick Carraway. A obra comeza cun consello do seu pai, que di que non se debe criticar as demais persoas. Nick presenta a súa curmá Daisy Buchanan, o agresivo esposo desta, Tom Buchanan, e a súa amiga Jordan Baker, coa que comeza unha relación amorosa. Tom leva a Nick a Nova York para presentarlle a súa amante, Myrtle Wilson, que á súa vez está casada con George, un home pasivo que ten un taller mecánico e que non sabe da infidelidade da súa muller.

Mentres que os Buchanan viven en East Egg, unha vila moi de moda por aquel entón, Nick vive en West Egg, menos elitista pero tamén elegante, á outra beira da baía de East Egg. O seu veciño é Jay Gatsby, un home rico e misterioso que ten unha mansión enorme e que adoita pasar as tardes mirando unha luz verde ao outro lado da baía desde o seu xardín. Gatsby organiza grandes festas os sábados pola noite, ás que acode unha gran multitude. Gatsby convida a Tom a unha desas festas, e nela a xente rumorea sobre como Gatsby chegou a ser tan rico. Aos poucos, os dous veciños comezan a ser amigos. Gatsby cóntalle que é orfo e que herdou unha fortuna, e que estivo no exército na Primeira Guerra Mundial e estudou na Universidade de Oxford. Porén, Nick descobre o verdadeiro pasado de Gatsby: procede dunha familia moi pobre, e que o que aprendeu da vida foi grazas a Dan Cody, un home rico e vello. Finalmente sábese que Gatsby é un contrabandista de alcohol durante a época da Lei seca dos EUA.

Gatsby preséntalle ao seu socio, Meyer Wolfshiem. Despois confésalle, a través de Jordan, que tivera unha relación con Daisy antes da guerra e antes de que casase con Tom. Gatsby quere volver estar con Daisy, e intenta conseguilo a través de Nick. Este organiza unha cita e Daisy e Gatsby volven ter unha relación. En Nova York Tom e Gatsby discuten sobre quen pode estar con Daisy. Ao pouco, o coche de Gatsby conducido por Daisy atropela e mata a Myrtle, a amante de Tom. Gatsby dille a Nick que el asumirá a culpa. Tom condena a Gatsby, dicíndolle a George Wilson onde pode atopar o home que matou a súa esposa. George Wilson pégalle un tiro a Gatsby e despois suicídase.

Daisy e Tom deixan a súa relación. Nick, farto de todo, rompe con Jordan dun xeito algo brusco. El é o único que pode manexar os asuntos de Gatsby e organizar o funeral, ao cal non foi ningunha das persoas que asistían ás festas agás un home peculiar. Nick coñece entón o pai de Gatsby. Finalmente, no xardín de Gatsby, mirando a luz verde, Nick conclúe que a nostalxia, o desexo de replicar o pasado, é o que nos leva a el constantemente.

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Nicholas "Nick" Carraway: O narrador da novela, en primeira persoa. Orixinario do Medio Oeste, veterano da primeira guerra mundial e graduado na Universidade Yale. Ao comezo da historia, con 29 anos, chega ao West Egg. Ocasionalmente sarcástico, optimista e tolerante.
  • Jay Gatsby (nado como James Gatz). Un rapaz millonario orixinario de Dakota do Norte, misterioso, metido en negocios de contrabando de ron durante a Lei seca. Está obsesionado con Daisy Buchanan, á que coñeceu como oficial durante a Primeira Guerra Mundial. O personaxe está baseado en Cedric Max Gerlach. Estudou un tempo no Trinity College de Oxford logo de combater en Europa. Refírese a Nick como "camarada".
  • Daisy Buchanan (Daisy Fay). Rapaza atractiva, identificada a si mesma como unha flapper. Curmá segunda de Nick e muller de Tom Buchanan, relacionada con Gatsby antes de coñecer o seu home. O personaxe está lixeiramente baseado en Ginevra King, unha moza de Fitzgerald durante a súa mocidade.

Recepción[editar | editar a fonte]

A novela non foi un best-séller, se ben logrou vender preto de 24.000 exemplares antes da morte do autor. Durante a Gran Depresión e a Segunda Guerra Mundial caeu no esquecemento, se ben foi reeditado na década de 1950, con gran éxito de público, ao ser estudado no ensino secundario e universitario. Parte da crítica considéraa non só a mellor novela de Fitzgerald, senón unha das novelas máis importantes da literatura norteamericana do século XX.

Adaptacións[editar | editar a fonte]

Foi traducida a numerosos idiomas. A tradución ao galego de Laura Rodríguez Gómez foi publicada por Ir Indo Edicións. Amais, fixéronse cinco adaptacións cinematográficas:

  • The Great Gatsby (Herbert Brenon, 1926), película muda da que non se conservan copias, agás escenas soltas.
  • The Great Gatsby (Elliott Nugent, 1949), protagonizada por Alan Ladd e Betty Field.
  • The Great Gatsby (Jack Clayton, 1974), protagonizada por Robert Redford e Mia Farrow.
  • The Great Gatsby (Robert Markowitz, 2000), protagonizada por Toby Stephens e Mira Sorvino.
  • The Great Gatsby (Baz Luhrmann, 2013), protagonizada por Leonardo Di Caprio e Carey Mulligan.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=O_Gran_Gatsby&oldid=5038638"