Olivia Newton-John

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Olivia Newton-John
Olivia Newton John 2012.jpg
Nacemento26 de setembro de 1948
 Cambridge
NacionalidadeReino Unido e Australia
Alma máterUniversity High School
Ocupacióncantautora, actriz, cantante e actriz de cinema
CónxuxeMatt Lattanzi e John Easterling
FillosChloe Rose Lattanzi
Premiosoficial da Orde do Imperio Británico, Officer of the Order of Australia, Daytime Emmy Award, Australian National Living Treasure e Companion of the Order of Australia
editar datos en Wikidata ]

Olivia Newton-John, nada en Cambridge o 26 de setembro de 1948, é unha cantante de música pop e actriz australiana, nacida no Reino Unido.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Cambridge, Reino Unido. É filla de nai xudía alemá e pai británico. O seu avó materno foi o físico e matemático alemán Max Born, premio Nobel de Física.

Cando só tiña 5 anos trasladouse a Australia coa súa familia, xa que ao seu pai lle ofreceron un traballo como profesor nunha universidade de Melbourne. Tivo unha irmá, a actriz Rona Newton-John, que faleceu de cancro. É coñecida polo alcume Livvy. En Australia, onde transcorreu a súa infancia e adolescencia, estudou na universidade de Melbourne.

Inicios como cantante[editar | editar a fonte]

Olivia Newton-John nos 61.° Premios da Academia.

Os inicios de Newton-John como cantante remóntanse ao instituto, nun grupo feminino chamado Sol Four.[1]

O seu primeiro álbum, If Not For You, gravado en 1971, chegou aos Estados Unidos e conseguiu tres sinxelos de mediano éxito: "Banks of the Ohio", "Me and Bobby McGee" (versión dunha canción xa existente) e "If Not For You". Dous anos despois presentou o seu segundo álbum, Let Me Be There, destacando a balada country "Take Me Home Country Roads".

Festival de Eurovisión[editar | editar a fonte]

En 1974 representou o Reino Unido no Festival de Eurovisión que se celebrou na cidade inglesa de Brighton. Interpretou o tema "Long Live Love" e quedou en cuarta posición resultando como gañadores os suecos ABBA (con Waterloo) e en segunda posición Gigliola Cinquetti. Nese ano o terceiro álbum If You Love Me, Let Me Know chegou ás primeiras posicións da lista de álbums, e por fin unha balada do disco, "I Honestly Love You", afianzouse no primeiro lugar do Billboard estadounidense.

Éxito nos Estados Unidos[editar | editar a fonte]

De inmediato Olivia encerrouse nos estudios de gravación para gravar o seguinte disco, que foi un auténtico éxito no mercado estadounidense: Have You Never Been Mellow, que escalou sen problemas ao primeiro posto de álbums en 1975 e colocou a canción homónima no primeiro lugar do Hit Parade. Outra canción do disco destacou, a balada country "Please Mr. Please".

En 1975 foise vivir aos Estados Unidos, onde alcanzou fama como cantante de música pop e tamén de música country. Ao longo da súa carreira as súas cancións alcanzaron en cinco ocasións o primeiro posto nas listas de vendas. Unha delas foi "Physical", que permaneceu durante dez semanas nese posto. Tamén obtivo catro premios Grammy. En 1979 interveu no concerto benéfico Music for UNICEF, xunto a artistas como os Bee Gees, ABBA, Donna Summer e Rod Stewart entre outros, cantando "Rest Your Love On Me" e "The Key".

Olivia Newton-John en 1988.

Actriz en Grease e Xanadu[editar | editar a fonte]

Newton-John tamén foi actriz, participando en filmes de carácter musical. O seu maior éxito foi Grease, con John Travolta.

Os seguintes non tiveron igual éxito, en especial Xanadu, que fracasou a pesar da participación de Gene Kelly e da música composta por Jeff Lynne, membro fundador de Electric Light Orchestra. Tampouco triunfou Two of a Kind, mal acollida polo público aínda que a súa banda sonora foi igualmente un grande éxito.

Olivia Newton-John ten unha estrela co seu nome en Hollywood Boulevard, en recoñecemento da súa extraordinaria traxectoria.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Newton-John estivo casada entre 1984 e 1995 co actor Matt Lattanzi. Deste matrimonio ten unha filla, Chloe Rose, nacida en 1986. A finais dos 80 lanzou xunto á súa amiga Pat Farrar unha marca de roupa chamada Koala Blue en Australia e nos Estados Unidos, que por erros financeiros a levou á bancarrota en 1992. Non obstante, recuperouse economicamente grazas á publicidade e telefilmes.

Dende 1996 vivía con Patrick McDermott, un operador de cámara, ata que este desapareceu en estrañas circunstancias durante unha excursión en barco en 2005. En 2006, xurdiron rumores de que McDermott fora visto en México[2] e de que simulara a súa morte para romper a súa relación con Olivia. En xullo de 2008 ela casou en segredo co magnate John Easterling.

Enfermidade e activismo social[editar | editar a fonte]

En 1992 Newton-John estaba preparada para outro regresou ao éxito, cando lanzou a súa terceira colección de grandes éxitos, Back to Basics - The Essential Collection 1971-1992, e planeou a súa primeira xira dende o seu disco Physical realizada dez anos antes. Pouco despois do lanzamento do álbum, foille diagnosticado un cancro de mama que a obrigou a cancelar toda a publicidade para o recompilatorio, incluíndo a xira. Newton-John recibiu o seu diagnóstico o mesmo fin de semana en que o seu pai morreu.[3] Despois dun longo tratamento, recuperouse[4] e dende entón converteuse nunha incansable defensora da investigación sobre o cancro e outros problemas de saúde. É portavoz do produto Liv-Kit para o autoexamen de mamas. Tamén é propietaria parcial da Gaia Retreat & Spa en Byron Bay, Australia, que se anuncia como «o lugar ideal para renovar, actualizar e restaurar a súa mente, corpo e alma».[5]

A preocupación de Newton-John polos problemas de saúde foi presaxiada pola súa participación previa en moitas causas humanitarias. En 1978 cancelou unha xira de concertos no Xapón para protestar contra o masacre de golfiños atrapados en redes de pesca de atún.[6] Posteriormente a xira foi reprogramada cando o goberno xaponés lle asegurou que o asunto se estaba investigando. Participou no concerto de 1979 Music for UNICEF Concert para a transmisión mundial televisiva do Ano Internacional do Neno. Durante o concerto, os artistas interpretaron cancións e doaron as súas regalías a perpetuidade, algúns en beneficio da causa. Foi nomeada Embaixadora de Boa Vontade do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente.[7]

En 1991, converteuse na portavoz nacional do Fondo Ambiental Colette Chuda/CHEC (Coalición de Saúde Ambiental dos Nenos), trala morte de Colette Chuda, nena de catro anos de idade amiga da familia, a causa do cancro. Chuda aparecera xunto con Newton-John e a súa filla Chloe na portada do seu álbum Warm and Tender de 1989.

De igual forma, o diagnóstico de cancro influíu notablemente en que a música de Newton-John fixese algunha referencia a iso. En 1994, lanzou Gaia: One Woman's Journey. Este foi o primeiro álbum en que ela mesma escribiu todas as cancións, animándoa a participar máis activamente como compositora a partir de entón. Un disco realacionado foi Stronger Than Before, de 2005; as ganancias obtidas das vendas do álbum doáronse á investigación do cancro de mama.

En 2008, Newton-John recadou fondos para axudar a construír o Olivia Newton-John Cancer and Wellness Centre en Melbourne, Australia.

O 30 de maio de 2017, logo de 25 anos da detección do seu cancro, Olivia anunciou a reincidencia da enfermidade, o que lle producía unha dor de costas que a obrigou a pospor presentacións. Esta dor foi o anuncio de que o mal se estendera ao óso sacro das súas costas. Por este motivo someteuse a terapias naturais e a un período de radiación no centro de tratamento do cancro que leva o seu nome en Australia.

En 2018, revelou que foi diagnosticada cun cancro por terceira vez. Explicou que os médicos lle diagnosticaron un tumor na base da columna vertebral, e que foi sometida a radioterapia; tamén dixo seguir terapias naturais e consumir aceite de cánabo para as dores. "Sigo en tratamento, en tratamento natural e estou moi ben",[8] declarou á canle australiana Channel Seven dende a súa residencia en California.

Discografía[editar | editar a fonte]

  • Summer Nights - Live in Las Vegas (2015)
  • This Christmas (2012), en colaboración con John Travolta (Nadal)[9]
  • A Few Best Men (2012), banda sonora
  • Grace and Gratitude Renewed (2010)
  • A Celebration In Song (2008)
  • Olivia's Live Hits (2008)
  • Christmas Wish (2007) (Nadal)
  • Grace and Gratitude (2007)
  • Stronger Than Before (2005)
  • Gold (2005), recompilatorio
  • Indigo (2004)
  • 2 (2002), álbum de dúos
  • The Christmas Collection (2001) (Nadal)
  • Sordid Lives (2001), banda sonora
  • Tis The Season (2000) (Nadal)
  • One Woman's Journey (2000)
  • The Main Event (1998)
  • Back With A Heart (1998)
  • It's My Party (1996), banda sonora
  • Gaia (1994)
  • Back To Basics (1992)
  • Warm And Tender (1990)
  • The Rumour (1988)
  • Soul Kiss (1985)
  • Two of a Kind (1983), banda sonora
  • Physical (1981)
  • Love Perfomance In Japan (1981)
  • Xanadu (1980), banda sonora
  • Totally Hot (1979)
  • Grease (1978), banda sonora
  • Making A Good Thing Better (1977)
  • Don't Stop Believin (1976)
  • Come On Over (1976)
  • Clearly Love (1975)
  • Have You Never Been Mellow (1975)
  • Long Live Love (1974)
  • Let Me Be There (1973)
  • Olivia (1972)
  • Olivia Newton-John (1971)
  • If Not for You (1971)

Filmografía[editar | editar a fonte]

  • A Few Best Men (2012)
  • Glee (2010, serie de televisión)
  • The Wilde Girls (2001, serie de televisión)
  • Sordid Lives (2000)
  • The Christmas Angel: A Story on Ice (1998, televisión)
  • It's My Party (1996)
  • A Christmas Romance (1994, televisión)
  • A Mom for Christmas (1990, televisión)
  • Two of a Kind (1983)
  • Xanadu (1980)
  • Grease (1978)
  • The Case (1972, televisión)
  • Toomorrow (1970)
  • Funny Things Happen Down Under
  • Score: A Hockey Musical

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Olivia Newton-John
  2. tabloidwhore.blogspot.com
  3. "Toughing It Out". People. 3 de agosto de 1992. Consultado o 10 de novembro de 2008. 
  4. Schindehette, Susan; Schneider, Karen; O'Neill, Anne-Marie (26 de outubro de 1998). "Victors Valiant – Cancer, Coping and Overcoming Illness". People. Consultado o 10 de novembro de 2008. 
  5. "About US". Gaiaretreat.com.au. Arquivado dende o orixinal o 23 de decembro de 2008. Consultado o 10 de novembro de 2008. 
  6. Billboard, 1978
  7. Bio at official web site
  8. Redacción (11 de setembro de 2018). "Olivia Newton-John e o seu terceiro diagnóstico de cancro: "Son unha entre millóns nesta viaxe"". BBC News Mundo (en inglés). Consultado o 12 de setembro de 2018. 
  9. Alicante Noticias (13 de decembro de 2012). ""This Christmas", nuevo disco navideño de John Travolta y Olivia Newton-John" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 8 de marzo de 2013. Consultado o 13 de decembro de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Olivia (The Biography of Olivia Newton-John), Tim Ewbank. (2008). Piatkus books. ISBN 978-0-7499-0983-3.
  • Wood, Gerry. (1998). "Olivia Newton-John", en The Encyclopedia of Country Music. Paul Kingsbury, Editor. Nova York: Oxford University Press. pp. 380–1.
  • The Story of the Shadows por Mike Read. 1983. Elm Tree books. ISBN 0-241-10861-6.
  • Rock 'n' Roll, I Gave You The Best Years Of My Life – A Life In The Shadows por Bruce Welch ISBN 0-670-82705-3 (Penguin Books).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Olivia_Newton-John&oldid=4987584"