Os cogomelos na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Madeirudo (Boletus edulis), fungo comestible
Rebentabois (Amanita muscaria), fungo velenoso cuxa inxestión pode producir a morte

A seguir recóllese a pegada dos diferentes tipos de cogomelos na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.

Terminoloxía tradicional na lexicografía galega[editar | editar a fonte]

O que aparece no DRAG son maioritariamente expresións monolexicais para grupos supraespecíficos, tanto cultismos (amanita, cantarelo, lepiota, penicilio, volvaria e asperxilo), como máis patrimoniais (boleto, cacabina, champiñón, peido de lobo ou fungón e trufa), como un sinónimo de cada tipo (agárico ou cogorda).

Hai porén denominacións para especies, como níscaro (Lactarius deliciosus), a manita (Clavaria crispa), o carallán (Phallus impudicus), o tortullo (Tricholoma portentosum), e o chouparro, choupín ou roco (Macrolepiota procera), que pode ser cogordo ou cerrote se ten o sombreiro pechado ou patamela se está aberto.

Respecto ós fungos patóxenos que non crean cogomelos, están representados especialmente os que atacan a viña e os cereais: a mera; o oídio; o mildio; o borro; a potra; o cisco, morrión ou mourón; e o caruncho, cornizó ou dentón.

Nos outros repertorios non académicos, están entre outra moitas as seguintes locucións:

  • corno dos mortos (DGII, s. v. corno) para Craterellus sp.
  • dente de can (DE, s. v. dente) para o cornizó, Claviceps purpurea
  • hernia da col (DGII, s. v. hernia) para Plasmodiophora brassicae
  • lingua de boi (DGII, s. v. lingua) para Fistulina hepatica
  • lingua de ovella (DGII, s. v. lingua) para Hydnum repandum, Sarcodon imbricatum e Pseudohydnum gelatinosum
  • ollo de galo (DGII, s. v. ollo) para Mycena citricolor
  • ovo de raposa (GDXL, s. v. ovo)
  • pan de bobo (DE, s. v. pam)
  • pan de raposo (DE, s. v. pam)
  • pan de sapo (DE, s. v. pam)
  • pé azul (DGII, s. v. pé) para Tricolomataceae spp.
  • pé de rata (DGII, s. v. pé) para Basidiomicetae spp.
  • pedra do trigo (GDXL, s. v. pedra)
  • pementa do monte (DGII, s. v. pementa) para Agaricales spp.
  • pementeiro veludo (DGII, s. v. pementeiro) para Russula sp. (pode ser a netorra)

onde (DE) = Dicionário Estravíz ; (DGII) = Dicionario Galego de Ir Indo en digalego.com; e (GDXL) = Gran Diccionario Xerais da Lingua de 2000.

Locucións[editar | editar a fonte]

  • ter fungos: ter mal carácter (DE, s.v. fungo)
  • crecer coma fungos: medrar por todas partes
  • ser un funga na cinza (posiblemente de fungar): ser pouco decidido, con pouco valor ou ánimo, facilmente manipulable (DCEFFG, s. n. 73)

Refraneiro popular[editar | editar a fonte]

A maioría dos refráns galegos fan referencia ó perigo que ten a inxestión de fungos se non se ten un coñecemento axeitado sobre micoloxía.

  • Cando fales dos cogomelos, fala dos malos e non terás preitos cos aconsellados
  • Falar pouco, e mal, se de fungos tes que falar
  • Vale máis fungo perdido que comido
  • Fungo regalado con discreción tiralo
  • Cogomelo murchado, xa rexeitado
  • O que de cogomelos se farta, non lle ten medo a morte
  • O fungo bo, pronto deixa de selo
  • Se queres morrer, a cegas fungos coller
  • Dun erro, faise un enterro
  • O peor do erro é o enterro
  • Moito tes que saber para cogomelos comer
  • Comer cogomelos con aprehensión, fanche dano anque sexan bos
  • Orellos, cuncos e pantorras, escaldas pra que non morras[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O nome popular galego da Helvella monachela, Helvella sulcata e maila Helvella crispa é orello, a Sascosphaera coronaria é chamada cunco, e as Morchellas, son as pantorras. Este refrán fai referencia a que xa dende antigo se sabía no rural que a primeira auga destes cogomelos debíase tirar, xa que son tóxicos cando crus. Extraído de http://www.valdeorras.com/micologia

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Os_cogomelos_na_cultura_popular_galega&oldid=5083384"