Píseň bohatýrská

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Píseň bohatýrská
de Antonín Dvořák
Hero's Song.jpg
Portada da primeira edición de Píseň bohatýrská, publicada en 1899.
GalegoO canto do heroe
CatálogoB
OpusOp. 111
XéneroSinfónico
FormaPoema sinfónico
Composición4 de agosto a 25 de outubro de 1897
Duraciónaprox. 22 minutos
Estrea
Data4 de decembro de 1898
LugarViena
DirectorGustav Mahler
IntérpretesOrquestra Filharmónica de Viena

Píseň bohatýrská (traducible ao galego como O canto do heroe), Op. 111, B. 199, tamén chamada Canción heroica para orquestra,[1] é un poema sinfónico para orquestra composto por Antonín Dvořák entre o 4 de agosto e 25 de outubro de 1897. Foi estreado en Viena o 4 de decembro de 1898, coa Orquestra Filharmónica de Viena baixo a dirección de Gustav Mahler, e a súa publicación tivo lugar en Berlín en 1899. A diferenza doutros poemas sinfónicos de Dvořák, esta obra non está baseada nun texto específico, e puido ter sido composta coa intención de ser autobiográfica. A peza é na súa maior parte enerxética e triunfante, mais inclúe unha sección lenta que contén unha marcha fúnebre. Unha interpretación típica dura aproximadamente vinte e dous minutos.

Instrumentación[editar | editar a fonte]

O poema sinfónico está orquestrado para:[2]

Instrumentación de Píseň bohatýrská
Madeiras
2 frautas, 2 óboes, 2 clarinetes, 2 fagots.
Metais
4 trompas, 2 trompetas, 3 trombóns, tuba.
Percusión
Timbais, bombo, ferriños, pratos.
Cordas
Violíns (I e II), violas, violonchelos e contrabaixos

A instrumentación da obra é significativa, xa que carece de arpa, percusión inusual e instrumentos de vento distintos dos habituais,[3] unha orquestra máis simple en comparación coa maioría das outras obras orquestrais de Dvořák. Isto débese a que a peza non tenta transmitir unha historia, senón que simplemente retrata o contraste de dous estados de ánimo: a desesperación (durante a sección lacrimosa) e o triunfo.[4]

Historia[editar | editar a fonte]

Antonín Dvořák (á dereita) cos seus amigos e familia en Nova York en 1893, catro anos antes de que compuxera Píseň bohatýrská.

Píseň bohatýrská foi a última obra orquestral de Dvořák e o último dos seus cinco poemas sinfónicos, sendo os outros Vodník, Polednice, Zlatý kolovrat, e Holoubek (Opp. 107–110).[4] Constitúe tamén o último exemplo de composición puramente instrumental, xa que se adicou ás obras vocais e líricas logo da súa finalización.[3] Comezou a traballar na obra o 4 de agosto de 1897, inmediatamente despois de revisar o terceiro acto da súa ópera Jakobín.[3] Dvořák finalizou a obra en tres meses, tempo durante o cal viviu na súa residencia de verán na cidade de Příbram, e tamén pasou un tempo no castelo do seu mecenas Josef Hlávka en Lužany.[3] Terminou de compoñer Píseň bohatýrská o 25 de outubro do mesmo ano, e publicouse en 1899 por Fritz Simrock en Berlín.[5] O poema sinfónico, coincidentemente, anticípase a un poema sinfónico similar de Richard Strauss, Ein Heldenleben (Vida de heroe), que foi composto un ano máis tarde.[6] De feito, Dvořák tiña previsto poñer á súa peza o título que finalmente tería a de Strauss, un nome que lle suxeriu o seu alumno Vítězslav Novák.[7]

A estrea da obra tivo lugar o 4 de decembro de 1898 da man da Orquestra Filharmónica de Viena[3] baixo a dirección de Gustav Mahler, un amigo e defensor de Dvořák.[7] Mahler escribiu a Dvořák antes da estrea, «acabo de recibir a túa segunda obra Píseň bohatýrskáey, ao igual que a primeira [referíndose a Holoubek], estou encantado con ela».[8] Dvořák estivo presente na estrea e planeara dirixila coa Orquestra Filharmónica de Berlín, o 14 de novembro de 1899, mais cancelou os seus plans debido a unha repentina crise nerviosa. En palabras de Dvořák, «estaba tan indisposto que tiven que marchar de Berlín coa miña esposa sen sequera ver a Simrock».[9] A peza interpretárase o día anterior, baixo a batuta de Arthur Nikisch. A obra foi un éxito considerable tanto por parte do público como da crítica. A primeira interpretación en terras checas tivo lugar en Praga da man da Orquestra Filharmónica Checa o 28 de xaneiro de 1899, baixo a dirección de Oskar Nedbal. Tamén interpretouse en Londres, Hamburgo, Boston e Leipzig, en outubro e novembro de 1899.[3] Dvořák puido finalmente dirixir persoalmente a obra en Budapest en decembro dese mesmo ano.[9] Posteriormente escribiulle sobre o concerto ao seu amigo Alois Gobl:

Aledoume tanto que o público e os críticos de Budapest me recibiran con tanto fervor. Logo do primeiro tema do programa, Píseň bohatýrská, os aplausos continuaron durante tanto tempo que tiven que ir saudar varias veces, e logo regaláronme unha gran coroa de flores húngaras coas súas cores nacionais.

A pesar das súas incuestionables cualidades e do tremendo éxito da súa estrea, Píseň bohatýrská nunca chegou formar parte do repertorio e, contando algunhas excepcións, segue a ser unha das grandes esquecidas por parte das compañías discográficas.[3]

Contido[editar | editar a fonte]

Dvořák frecuentemente adaptaba o folclore bohemio para as súas composicións, e os seus catro poemas sinfónicos anteriores estaban baseados en poemas do poeta checo Karel Jaromír Erben, especialmente a súa colección de baladas Kytice.[10]Píseň bohatýrská separouse deste patrón de obras sinfónicas programáticas, xa que Dvořák non especificou un texto que o acompañase,[11] e apenas esbozou a súa trama nunha carta posterior.[5] Propúxose que a falta dun programa fixo foi causa do seu relativo abandono en comparación con outras das súas obras sinfónicas.[11] Tamén suxeriuse que a obra estaba destinada a ser autobiográfica,[6] un enfoque inusual en Dvořák.[3] Trátase do único poema sinfónico que persegue a visión idealizada do xénero de Franz Liszt, xa que as outras catro obras están baseadas en temas misteriosos non apropiados segundo a concepción de Liszt.[5]

Píseň bohatýrská estrutúrase musicalmente como unha sinfonía en catro movementos. Os movementos individuais non están separados, senón que flúen un detrás doutro. Comeza cun allegro con fuoco, pasando a un lento poco adagio lacrimosa, a continuación, incluíndo un scherzo e concluíndo cunha coda.[3] A obra está baseada nun curto pero enérxico tema en si bemol menor tocado polas violas, violonchelos e contrabaixos ao inicio da peza.


\relative c {
  \clef bass \time 3/4 
  \tempo "Allegro con fuoco" 4 = 189 \key bes \minor
  bes4\tenuto\ff r8 a8-. bes-. des-. |
  bes4-. r4 r4 |
  r8 bes8-> ges4->-. aes->-. | bes->-. r4 r4 |
}

Este tema aparece baixo diversas formas ao longo da primeira sección. Despois disto, unha sección lenta presenta unha música tranquila que simboliza a pena do heroe.[11] Inclúese unha marcha fúnebre, unha forma musical que Dvořák tamén emprega no seu Réquiem, no seu Stabat Mater e no Quinteto con piano n.º 2.[12] O heroe recupérase da súa dor e o estado de ánimo da música pouco a pouco ilumínase e modula a si bemol maior, dando paso a un scherzo con toques de danza. Finalmente, o triunfo do heroe está representado por unha coda vitoriosa.[11] A obra ten un tempo de execución de aproximadamente 22 minutos.[3]

Aínda que é moito menos popular que outros poemas sinfónicos de Dvořák, Píseň bohatýrská ten sido descrito como unha «desinhibida efusión de enerxía alegre»[4] e «musicalmente tan rico como os seus irmáns escritos un ano antes», mentres que a súa sección lacrimosa está «chea de tristeza e nostalxia».[11] O seu carácter ten sido descrito como «unha variación do estilo de Beethoven»[7] e apréciase unha lixeira influencia de Mahler na marcha fúnebre,[4] e o final ten sido comparado coa música patriótica de Edward Elgar.[13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Dvorák: Symphonic Poems, Overtures / Kuchar" (en inglés). ArkivMusic. Consultado o 31 de xullo de 2017. 
  2. Daniels, David (2005). Orchestral Music: A Handbook (en inglés). Scarecrow Press. p. 123. ISBN 978-0-8108-5674-5. 
  3. 3,03,13,23,33,43,53,63,73,83,9 Šupka, Ondřej. "A Hero's Song". www.antonin-dvorak.cz (en inglés). WebArchiv. Consultado o 31 de xullo de 2017. 
  4. 4,04,14,24,3 Hurwitz, David (2005). Dvořák: Romantic Music's Most Versatile Genius (en inglés). Pompton Plains, NJ: Amadeus Press. p. 170. ISBN 1574671073. 
  5. 5,05,15,2 Döge, Klaus. "Dvořák, Antonín". Grove Music Online. Oxford Music Online (en inglés). Oxford University Press. Consultado o 31 de xullo de 2017.  (require subscrición)
  6. 6,06,1 Rothstein, Edward (24 de marzo de 1992). "Review/Music; The American Symphony Takes On a New Role". The New York Times (en inglés). Consultado o 31 de xullo de 2017. 
  7. 7,07,17,2 Honolka, Kur (2004). Dvořák (en inglés). Londres: Haus Publishing. p. 97. ISBN 1904341527. 
  8. Sourek 1954, p. 209.
  9. 9,09,1 Sourek 1954, p. 210-211.
  10. Haase, Donald (2008). The Greenwood Encyclopedia of Folktales and Fairy Tales (en inglés). Westport: Greenwood Press. p. 285. ISBN 9780313334412. 
  11. 11,011,111,211,311,4 Bellman, Hector. "A Hero's Song (Písen bohatyrská), B.199, Op.111" (en inglés). All Music Guide. Consultado o 31 de xullo de 2017. 
  12. Beckerman, Michael B. (2003). New worlds of Dvořák: Searching in America for the Composer's Inner Life (en inglés) (1.ª ed.). Nova York: Norton. p. 201. ISBN 0393047067. 
  13. Beveridge, David R. (1996). Rethinking Dvořák: Views from Five Countries (en inglés). Oxford: Clarendon Press. p. 230. ISBN 0198164114. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Píseň_bohatýrská&oldid=4781753"