Paleontoloxía lingüística

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A paleontoloxía lingüística é unha disciplina que pretende clarificar a prehistoria e cultura material dos falantes dunha lingua morta ou protolingua antiga. A paleontoloxía lingüística baséase na análise do vocabulario, e en particular a existencia de certos nomes de plantas e animais e innovacións tecnolóxicas, a partir das cales poden facerse conxecturas sobre a cultura material dos falantes das protolinguas que deron lugar ás linguas da familia. Así, a paleontoloxía lingüística trata de reconstruír a historia de épocas moi afastadas do presente onde carecemos de fontes escritas a través da evidencia lingüística; é unha fonte útil e igualitaria de coñecer o desenvolvemento das diferentes rexións, especialmente se se combina coa evidencia arqueolóxica.

Paleontoloxía indoeuropea[editar | editar a fonte]

Historicamente a paleontoloxía lingüística apareceu no contexto da lingüística indoeuropea. O extraordinario interese suscitado entre lingüistas, historiadores e arqueólogos pola constatación de que case todas as linguas de Europa e un importante número en oriente medio e o subcontinente indio derivaban dunha lingua nai común, chamada protoindoeuropeo; levou a buscar a orixe do pobo indoeuropeo que falaría esa lingua e o tipo de cultura material que tería. Así por exemplo a presenza do termo común para 'bronce' reconstruíbel para metal suxire que os indoeuropeos serían unha cultura calcolítica. A abundancia de termos referidos á tecnoloxía da roda e dos carros tirados por cabalos suxire que puido existir unha caste guerreira que empregou o carro como arma ofensiva na expansión indoeuropea. A presenza de certos nomes de animais e plantas, en comparación coa distribución do hábitat natural desas especies, levou a buscar o situar a rexión orixinal da expansión nalgún lugar entre o Danubio e os Urais. Con todo, o uso pouco rigoroso de argumentos paleontolóxicos conduciu a esaxeracións e erros considerábeis, razón pola cal numerosos autores criticaron certos usos da paleontoloxía lingüística.

Paleontoloxía doutras familias[editar | editar a fonte]

A mesma idea usada para conxecturar aspectos probábeis das características dos antigos indoeuropeos foi aplicada a outras familias de linguas e ás protolinguas reconstruídas por medio da lingüística histórica. Así por exemplo a expansión bantú e as probábeis rutas de expansión das linguas bantús pode ser estudada a partir dos estudos de paleontoloxía lingüística aplicados ao idioma protobantú. Igualmente recentemente tentouse describir a expansión dos pobos afroasiáticos en África oriental e o norte do continente. As conxecturas formuladas no seo da paleontoloxía lingüística en si mesmas non son comprobábeis, pero constitúen un bo punto de partida sobre o que rastrexar arqueoloxicamente as expansións de pobos e linguas no pasado.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Paleontoloxía_lingüística&oldid=4335654"