Parque da Natureza do Río Barosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°33′19″N 08°37′54″O / 42.55528, -8.63167

Aspecto do río Barosa dende a parte baixa do parque.

O Parque da Natureza do Río Barosa é un espazo natural do norte do concello de Barro, na provincia de Pontevedra, preto do límite co concello de Portas, sito a carón da estrada N-550 que comunica Pontevedra con Santiago de Compostela.

Características[editar | editar a fonte]

O río Barosa descende por varias fervenzas salvando un desnivel de 60 metros, no cal foron construídos 12 muíños, algúns deles rehabilitados pola Escola Obradoiro "Camiño de Santiago-Barro". O Barosa desauga no río Chaín, á súa vez afluente do río Umia.

Placa nun dos muíños do parque.

Na parte baixa do parque hai unha pequena lagoa, varias cales de auga, varias pontellas e dúas pontes canadenses de madeira que comunican a beira do río cunha insua acondicionada como zona recreativa. A vexetación tamén é de salientar, principalmente constituída por especies de ribeira na parte baixa rodeadas de fragas nas abas do monte. A principal especie é o carballo (Quercus robur L.) Nas carballeiras atopamos outras especies: amieiro, castiñeiro, bidueiro, abeleira, pradairo, salgueiro, cerdeira brava, pereira brava etc. Algunhas especies amosan a influencia mediterránea, é o caso do loureiro, o érbedo ou o piñeiro bravo (Pinus pinaster). Tamén hai eucaliptais nas partes altas.

Unha ruta de sendeirismo chamada "Sendeiro dos muíños da Barosa" percorre o parque de comezo a fin por unha das beiras do río, e volve pola outra beira ata o comezo, completando uns 4 km de andaina. Varios paneis informan da dificultade e lonxitude do camiño. No verán é cando recibe máis visitantes, algúns deles peregrinos que chegan facendo o Camiño Portugués.

Unha placa recorda que neste lugar, en 1809, e no marco da guerra da Independencia, tivo lugar un enfrontamento entre o batallón do cadete Benito Godoy Araujo e unha carruaxe do mariscal Soult que provocou no duque de Wellington palabras de loanza para os galegos en xeral: "Españois, adicádeos a imitar ós inimitábeis galegos".

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Parque_da_Natureza_do_Río_Barosa&oldid=4805525"