Pedro Sánchez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Pedro Sánchez Pérez-Castejón
Pedro Sánchez

2 de xuño de 2018 – Actualidade
Precedido por Mariano Rajoy
Sucedido por Sen determinar

Logotipo del PSOE.svg
Secretario xeral do PSOE
26 de xullo de 2014 – 1 de outubro de 2016
Precedido por Alfredo Pérez Rubalcaba
Sucedido por Javier Fernández Fernández

Escudo de España (mazonado).svg
Deputado nas Cortes Xerais
15 de xaneiro de 2013 – 29 de outubro de 2016

Datos persoais
Nacemento 29 de febreiro de 1972 (46 anos)
Madrid, España
Partido PSOE (1993– )
Profesión Político, economista
Alma máter Universidade Complutense de Madrid
Sinatura Sinatura de Pedro Sánchez
Sitio web http://sanchezcastejon.es/
Twitter @sanchezcastejon

Pedro Sánchez Pérez-Castejón, nado en Madrid o 29 de febreiro de 1972, máis coñecido como Pedro Sánchez, é o Presidente do Goberno de España, un economista e político español, membro do PSOE.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Pedro Sánchez naceu no barrio madrileño de Tetuán. Xogou no Club Baloncesto Estudiantes ata os 21 anos.

En 1990 empezou a estudar a licenciatura en Ciencias Económicas e Empresariais na Universidade Complutense de Madrid, licenciándose en 1995. En 1993 afiliouse ao PSOE, tras a vitoria de Felipe González nas eleccións dese ano. Realizou un máster en Política Económica da UE pola Universidade Libre de Bruxelas (1997-1998) e un máster en Liderado Público pola escola de negocios IESE da Universidade de Navarra.

Con 26 anos traballou como asesor no Parlamento Europeo coa socialista Bárbara Dührkop (onde coincidiu con Óscar López) e máis tarde como xefe de gabinete do Alto Representante de Nacións Unidas en Bosnia, Carlos Westendorp, durante a Guerra de Kosovo ao servizo do Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial.

En 2000 foi un dos delegados no 35º Congreso Federal do PSOE, no que saíu elixido José Luis Rodríguez Zapatero como secretario xeral e José Blanco como secretario de Organización. Este rodeouse dun reducido equipo de colaboradores próximos ao secretario de Organización, entre os que se encontraban Óscar López e Antonio Hernando.

Concelleiro de Madrid[editar | editar a fonte]

En 2003 concorreu ás eleccións municipais na lista do PSOE por Madrid que encabezaba Trinidad Jiménez. Situado no posto 23 (a pesar das instrucións da secretaría federal de Organización, o PSM non quixo pregarse e colocou a Sánchez neste posto), non conseguiu acta de concelleiro (o PSOE obtivo só 21 concelleiros). Non foi ata un ano despois cando se converteu en concelleiro, tras as renuncias de dous compañeiros. Converteuse nun compoñente fundamental do equipo da líder da oposición, Trinidad Jiménez.

Entre 2004 e 2009, foi un dos 320 membros da Asemblea Xeral de Caja Madrid, como representante, por proposta do PSOE, do Concello de Madrid. Ao mesmo tempo, seguía traballando con José Blanco, especialmente en tarefas relacionadas con procesos electorais, como as eleccións autonómicas galegas de 2005, nas que o PSdeG gañou oito escanos, o que permitiu a Emilio Pérez Touriño chegar á presidencia da Xunta de Galicia, ou o falido intento de Miguel Sebastián por conseguir a alcaldía de Madrid en 2007.

Casou en 2006 con María Begoña Gómez Fernández, coa que ten dúas fillas, Ainhoa e Carlota. A súa voda foi oficiada pola súa correlixionaria e entón concelleira do Concello de Madrid, Trinidad Jiménez.

Revalidou de novo a súa acta nas as eleccións municipais de 2007. Dende a oposición ocupou responsabilidades nas áreas de Economía, Urbanismo e Vivenda.

Nas eleccións xerais de 2008 formou parte da candidatura socialista pola circunscrición de Madrid, sen obter escano. Dende 2008 e ata 2013, Pedro Sánchez foi profesor asociado de Estrutura Económica e Historia do Pensamento Económico na Facultade de Ciencias Xurídicas e Empresariais da Universidade Camilo José Cela.

Deputado no Congreso[editar | editar a fonte]

Tras a renuncia de Pedro Solbes á súa acta de deputado en setembro de 2009, ocupou a súa vacante no Congreso dos Deputados, polo que abandonou o seu posto como concelleiro da casa do concello madrileña. Durante a súa primeira lexislatura como deputado, desempeñou responsabilidades de voceiro adxunto na Comisión de Política Territorial e foi membro das comisións de Asuntos Exteriores e a Mixta de Asuntos Europeos.

En 2010, os xornalistas parlamentarios elixírono deputado revelación. Ese mesmo ano traballou con Trinidad Jiménez nas primarias nas que se enfrontou, sen éxito, con Tomás Gómez pola candidatura á presidencia da Comunidade de Madrid en 2011.

Actividade profesional e doutoramento[editar | editar a fonte]

Nas eleccións xerais de 2011 situouse no undécimo posto da lista do PSOE por Madrid, pero quedou novamente fóra do Congreso por obter o seu partido só dez deputados na devandita circunscrición.

Fóra de responsabilidades políticas, preparou o seu doutoramento e dedicouse á súa actividade profesional, exercendo de consultor para un consorcio europeo e como profesor universitario. Desde novembro de 2012, é doutor en Economía e Empresa pola Universidade Camilo José Cela de Madrid.

Volta ao Congreso e candidatura á secretaría xeral[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 2013 volveu ao Congreso dos Deputados tras a renuncia ao escano de Cristina Narbona para ocupar un posto no Consello de Seguridade Nuclear. En novembro de 2013 foi un dos coordinadores da conferencia política do PSOE.

O seu nome empezou a soar como candidato á Secretaría Xeral cando á presentación do seu libro La nueva diplomacia económica española en decembro de 2013 acudiron numerosos dirixentes socialistas, como Ramón Jáuregui, Elena Valenciano, Trinidad Jiménez, Miguel Sebastián, Eduardo Madina ou José Blanco. Neste libro recollía os contidos da tese coa que obtivo o doutoramento.

A pesar de non pertencer nunca á Executiva nin ao Comité Federal do PSOE, durante os primeiros meses de 2014, Pedro Sánchez foi un dos candidatos potenciais que se postularon para as primarias previstas para novembro de 2014 para elixir o candidato do partido ás xerais de 2015 e comezou a percorrer as agrupacións socialistas de toda España.

O proceso acelerouse tras os malos resultados do PSOE nas eleccións europeas de 2014. Días despois, o secretario xeral do partido, Alfredo Pérez Rubalcaba, anunciaba a súa dimisión e poucos días despois anunciábase que o novo secretario xeral sería elixido mediante votación directa entre os militantes. O 12 de xuño, Pedro Sánchez anunciaba a súa candidatura. O 28 de xuño, Sánchez foi proclamado candidato polo PSOE, ao ter obtido máis de 40.000 avais. Foi o candidato que máis avais conseguiu e enfrontouse a Eduardo Madina e José Antonio Pérez Tapias. Durante a campaña, o diario El Confidencial acusoulle de borrar da súa biografía oficial o feito de ter sido membro da Asemblea Xeral de Caja Madrid durante a etapa na que Miguel Blesa estivo ao cargo da entidade.

Nas eleccións celebradas o 13 de xullo, obtivo un 49% dos votos, fronte a un 36% de Madina e un 15% de Pérez Tapias, proclamándose gañador. Converteuse oficialmente no sucesor de Alfredo Pérez Rubalcaba no Partido unha vez que o Congreso Extraordinario do PSOE dos días 26 e 27 de xullo de 2014 ratificou os resultados e ocupou por primeira vez o posto non oficial de líder da oposición na sesión do 10 de setembro de 2014 do Congreso dos Deputados.

Secretario xeral do PSOE[editar | editar a fonte]

Tras a súa designación, Pedro Sánchez afronta o reto de recuperar a unidade do partido e a confianza dos antigos votantes do PSOE, un 25% dos cales se decanta por un novo partido,[Cómpre referencia]Podemos, liderado por Pablo Iglesias Turrión.

Dende entón participou en numerosos programas televisivos tales como Sálvame, El Hormiguero, El programa de Ana Rosa, Viajando con Chester, Un tiempo nuevo, La Sexta Noche, Salvados ou Planeta Calleja.

Avogou pola reforma da Constitución, propoñendo un modelo federal para España, así como volver cambiar o seu artigo 135. A Podemos acusouno en numerosas ocasións de populista, para na actualidade criticar o seu "oportunismo ideolóxico".

O día 21 de xuño de 2015 proclámase oficialmente candidato á presidencia do Goberno de España.

O 1 de outubro de 2016 anuncia a súa dimisión despois dunha votación celebrada no Comité Federal do PSOE na que se decidía se se levaba a cabo unha proposta de Pedro Sánchez de celebrar un Congreso Extraordinario en decembro de 2016. O 30 de setembro anunciara que se os resultados eran desfavorables á mencionada proposta, dimitiría como Secretario Xeral do PSOE. Finalmente, así foi e Sánchez oficializou a súa renuncia. O mencionado Comité anuncia entón unha Comisión Xestora do partido encabezada por Javier Fernández.

Cargos desempeñados[editar | editar a fonte]

  • Conselleiro xeral designado da Asemblea Xeral de Caja Madrid (2004-2009).
  • Concelleiro do Concello de Madrid (2004-2009).
  • Conselleiro da Empresa Municipal de Promoción de Madrid (2007-2008).
  • Conselleiro da Empresa Municipal da Vivenda e Chan de Madrid (2008-2009).
  • Deputado por Madrid no Congreso dos Deputados (2009-2011).
  • Deputado por Madrid no Congreso dos Deputados (2013-2016).
  • Secretario xeral do PSOE (2014-2016).
  • Presidente do Grupo Socialista no Congreso dos Deputados (2014-2016)
  • Presidente do Goberno de España (2018-Actualidade)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Mariano Rajoy
Escudo de España.svg
Presidente do Goberno de España

2018 - actualidade
Sucesor:
No cargo
Predecesor:
Alfredo Pérez Rubalcaba
Logotipo del PSOE.svg
Secretario xeral do PSOE

2014 - 2016
Sucesor:
Comisión Xestora
Javier Fernández Fernández
Predecesor:
Comisión Xestora
Javier Fernández Fernández
Logotipo del PSOE.svg
Secretario xeral do PSOE

Dende 2016
Sucesor:
No cargo
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Pedro_Sánchez&oldid=4756469"