Pepe Rei

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Pepe Rei
Nacemento 13 de abril de 1947
  A Barca de Barbantes
Nacionalidade España
Ocupación xornalista e escritor
editar datos en Wikidata ]

José Benigno Rey Rodríguez, coñecido como Pepe Rei, nado na Barca de Barbantes (Cenlle) o 13 de abril de 1947, é un xornalista e escritor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Traballou en El Pueblo Gallego. Marchou a Asturias onde casou con 22 anos, e comezou a colaborar na prensa asturiana. Participou na fundación do semanario Occidente. Despois por Odiel de Huelva, Diario Madrid da capital española e, co titulo oficial de xornalista, recalou en La Voz de España de Donostia, Hoja del Lunes, La Voz de Euskadi e na revista Interviú. En 1988 incorporouse ao diario Egin, vinculado á esquerda abertzale nos anos 90, onde chegou a ser redactor xefe e impulsou o seu equipo de investigación.

En 1994, a Ertzaintza rexistrou a sede de Egin, incautando material informático do equipo de investigación. Ese mesmo ano atopáronse coincidencias entre os ficheiros das investigacións do equipo de Rei e a información sobre obxectivos incautada a ETA. En agosto, Pepe Rei foi detido por orde do xuíz Carlos Bueren, acusado de proporcionar esta información ao grupo terrorista, pero foi absolto en 1997.

En 1998, o xuíz Baltasar Garzón ordenou o peche cautelar de Egin. Rei continuou o seu traballo na revista mensual Ardi Beltza, pero foi detido de novo en 1999 e en 2001, e a revista foi pechada por orde xudicial. Pepe Rei atribuiu as súas detencións á expresión das súas opinións, mentres que a policía seguiu considerándoo un colaborador do aparato de investigación de ETA, aínda que nunca se chegou a probar este extremo.[1]

O 13 de xuño de 2001, a Sección IV da Sala do Penal da Audiencia Nacional decidiu poñer en liberdade a Pepe Rei, logo de ter pasado cinco meses en prisión. Os maxistrados consideraron que non había elementos que imputaran e probasen que, co seu traballo en Ardi Beltza, Rei sinalase ou marcase os obxectivos de ETA. O fallo contaba co voto particular do maxistrado Juan José López Ortega, relator da resolución, e co do presidente da Sección IV, Carlos Cezón, que argumentaban que o procesado debía saír do cárcere por motivos de saúde, dado que padecía unha lesión cardiaca grave e que non existían indicios delictivos suficientes contra el. Igualmente, o maxistrado Carlos Ollero Butler formulaba un voto particular no que mostraba o seu acordo coa excarcelación de Rei só por motivos de saúde.

Foi condenado por calumnias xunto a outros dous xornalistas da revista Ardi Beltza,[2] polo que tivo que pagar 5 millóns de pesetas como indemnización ao xeneral Enrique Rodríguez Galindo.[3]

En agosto de 2002 sufriu un grave accidente de circulación que o apartou da súa profesión.[4] En xaneiro de 2013 creouse unha asociación cultural sen ánimo de lucro no seu nome para fomentar o xornalismo de investigación e de denuncia.[5]

Obras[editar | editar a fonte]

Investigación[editar | editar a fonte]

  • El caso Reace (Dopesa, 1974)
  • Alcalá 20-N (coa xornalista Edurne San Martín, 1996). Relata os feitos acaecidos no atentado onde faleceu o deputado electo por Herri Batasuna, Josu Muguruza e resultou ferido grave Iñaki Esnaola
  • Intxaurrondo. La trama verde (1996). Sobre o cuartel da Garda Civil de Intxaurrondo
  • Colegas (1998)
  • Egin Investigación. Otra forma de periodismo (1998). Sobre a súa etapa no desaparecido diario Egin
  • Garzón. La otra cara (1999). Sobre o xuíz Baltasar Garzón
  • El periodista canalla (2001). Sobre a prensa en España

Novela[editar | editar a fonte]

  • La cloaca vasca (1991)
  • La red Galindo (1993). Sobre Enrique Rodríguez Galindo
  • El Jesuita (1994). Sobre Xabier Arzalluz
  • Carabanchel (1995). Sobre unha dás súas estadías en prisión

Tamén editou o libro Un rey golpe a golpe, escrito por Rebeca Quintáns baixo o pseudónimo de Patricia Sverlo, unha dura crítica á monarquía onde acusa o rei de España de orquestrar e manexar a intentona golpista do 23 de febreiro de 1981.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Pepe_Rei&oldid=4608724"