Pingüín emperador

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pingüín emperador
Aptenodytes forsteri -Snow Hill Island, Antarctica -adults and juvenile-8.jpg
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Orde: Sphenisciformes
Familia: Spheniscidae
Xénero: Aptenodytes
Especie: Aptenodytes forsteri
Nome binomial
Aptenodytes forsteri
Gray, 1844
Distribución do pingüín emperador.

Distribución do pingüín emperador.

O pingüín emperador[2][3] (Aptenodytes forsteri) é unha especie de ave esfenisciforme da familia Spheniscidae, endémica da Antártida, sendo a máis alta e con máis peso de tódalas especies de pingüíns en existencia.[4] Os machos e as femias son semellantes en plumaxe e tamaño, poden acadar entre 110 e 130 cm de altura[5] cun peso de entre 22 a 45 kg.[6] As costas, ás e cabeza son negras, a parte anterior é branca desde as pernas á barriga, o peito é dun ton amarelo pálido e ten dúas manchas á altura dos oídos dun amarelo brillante.[7] Como todos os pingüíns non poden voar, ao ter ás ríxidas e planas e un corpo hidrodinámico particularmente adaptado a un hábitat mariño.[8]

Aliméntase principalmente de peixes, crustáceos e cefalópodos.[9] Cando caza pode estar mergullado ata 18 minutos, e chegar a unha profundidade duns 535 metros.[10] Desenvolveu varias adaptacións para facilitar este proceso, como unha hemoglobina cunhas características que lle permiten traballar de forma eficaz cun baixo contido de osíxeno, uns ósos sólidos para reducir o barotraumatismo, e unha capacidade de diminuír a actividade do seu metabolismo e deter as funcións de órganos non esenciais.[11]

É a única especie de pingüín que se reproduce durante o duro inverno antártico,[12] facendo viaxes de entre 50 e 120 km sobre o xeo para chegar ás colonias de reprodución, que poden constar de miles de individuos. A femia pon un único ovo que inicialmente é incubado polo macho, mentres a femia retorna ao mar para alimentarse. Tras isto os pais establecen quendas para coidar das crías e ir ao mar a alimentarse. A esperanza de vida destes pingüíns é xeralmente duns 20 anos no seu hábitat natural, aínda que hai datos que indican que algúns exemplares poden vivir ata os 50 anos de idade.[13]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Esta especie foi descrita por primeira vez en 1844 polo biólogo inglés George Robert Gray, quen creou o nome xenérico dende elementos do grego antigo, ἀ-πτηνο-δύτης [a-ptēno-dytēs] 'mergullador sen ás'. O nome específico déuselle na honra do naturalista alemán Johann Reinhold Forster, quen acompañou o capitán James Cook na súa segunda viaxe e nomeou oficialmente outras cinco especies de pingüíns.[14] Forster puido ser a primeira persoa en divisar esta especie entre 1773 e 1774, xa que rexistrou o que pensou que eran exemplares de A. patagonicus, mais pola localización do avistamento estes eran con toda probabilidade A. forsteri realmente.[15]

Xunto coa especie de cor semellante pero menor tamaño, o Aptenodytes patagonicus, o pingüín emperador é unha das dúas especies existentes do xénero Aptenodytes. Existen evidencias fósiles dunha terceira especie (Aptenodytes ridgeni) atopadas en rexistros fósiles do Plioceno tardío, de hai uns tres millóns de anos, en Nova Zelandia.[16] Os estudios do comportamento e xenética dos pingüíns suxiren que o xénero Aptenodytes é basal, separado dunha das pólas que deu lugar ao resto de especies de pingüíns existentes.[17] As probas de ADN mitocondrial e ADN nuclear indicaron que esta separación ocorreu hai uns 40 millóns de anos.[18]

Aparencia e anatomía[editar | editar a fonte]

Adultos xunto as súas crías.

Os exemplares adultos poden chegar a medir entre 110 e 130 cm de altura.[5] O seu peso pode variar entre os 22,7 e os 45,4 kg, sendo os machos máis pesados que as femias. É a quinta especie de aves máis pesada existente, só por detrás das especies máis grandes de Struthioniformes.[4] O seu peso é variable segundo a estación do ano, xa que tanto os machos coma as femias perden unha cantidade substancial de masa corporal nos períodos de cría e incubación dos ovos. Un pingüín emperador macho pode chegar a soportar o frío antártico durante máis de dous meses mentres protexe os ovos, sen alimentarse en absoluto durante este tempo, o que lles provoca unha perda de peso duns 12 kg.[19] O peso medio dos machos a comezo da tempada de cría é duns 38 kg, e o das femias é duns 29,5 kg. Tras este período, ámbolos dous sexos quédanse nuns 23 kg de peso.[6][20][21]

Ao igual que todas as especies de pingüíns, teñen un corpo hidrodinámico que reduce a fricción coa auga cando se mergullan, e unhas ás ríxidas en forma de aletas.[8] A súa lingua ten unhas pugas que impiden que se lles escapen as presas ao cazalas.[22] Os machos e as femias teñen unhas cores semellantes, con plumas negras cubrindo a totalidade das súas costas e que tamén chegan á cabeza, á barbela, á gorxa, á parte superior das aletas e á cola.[20] Esta plumaxe negra contrasta claramente co resto de cores máis claras. A parte inferior das aletas e o ventre son brancos, tornándose amarelo pálido na parte superior do peito, e posúen unhas manchas de cor amarelo brillante á altura dos oídos. A mandíbula superior do seu bico de 8 cm é negra, mentres que a inferior pode ser de cor rosa, laranxa ou lila. Nos pingüíns xoves, as manchas dos oídos, a barbela e a gorxa son de cor branca, e o bico de cor negra. As crías teñen habitualmente unha plumaxe de cor gris prateada, coa cabeza negra e branca.[7] Unha cría cunha pouco habitual plumaxe de cor completamente branca foi atopada no 2001, mais non se considerou albina ao non ter os ollos rosas.[23] As crías pesan ao redor duns 315 gramos ao saír do ovo, e comezan a botar plumas ao acadar aproximadamente o 50% do seu peso adulto.[24]

Adulto.

A plumaxe escura tornase marrón no verán antártico, dende novembro ata febreiro, antes da muda anual de xaneiro e febreiro.[7] O proceso da muda é rápido nesta especie en comparación con outras aves, levándolles só uns 34 días. As plumas emerxen dende a pel tras acadar un terzo da lonxitude total, e antes da perda das vellas plumas, axudando a reducir a perda de calor.[25]

A porcentaxe de supervivencia anual dos pingüíns emperador calculouse nun 95,1%, cunha esperanza media de vida duns 19,9 anos. A mesma investigación estimou que o 1% dos acabados de nacer serían capaces de acadar os 50 anos de idade.[13] Pola contra, só un 19% das crías sobreviven ao seu primeiro ano de vida,[26] o que fai que o 80% da poboación de pingüíns emperador se compoña de adultos de máis de cinco anos.[13]

Vocalización[editar | editar a fonte]

Ao non ter un lugar permanente de cría que os individuos da especie poidan usar para localizar a súa parella ou cría, os pingüíns emperador empregan unhas chamadas vocais como método de identificación.[27] Empregan un complexo conxunto de chamadas que resultan dunha importancia crítica para o recoñecemento individual entre proxenitores, crías e parellas,[20] sendo a variación de chamadas máis ampla de tódolos pingüíns.[27] Nestas chamadas empregan dúas bandas de frecuencia ao mesmo tempo,[28] e as crías emiten un chío dunha frecuencia modulada para pedir o alimento e chamar aos seus proxenitores.[20]

Adaptación ao frío[editar | editar a fonte]

Os pingüíns emperador reprodúcense no ambiente máis frío habitado polas aves, con temperaturas que poden acadar os -40 °C e ventos de ata 144 km/h. A temperatura da auga é de -1,8 °C, moito menor cá temperatura corporal media dos pingüíns de 39 °C. Debido a estes factores, a especie adaptouse de varias maneiras para contrarrestar as perdas de calor.[29] As plumas fornecen entre o 80 e o 90% do seu illamento, e posúen unha capa de graxa baixo a pel que pode acadar os 3 cm de ancho.[30] Esta capa de graxa provoca que teñan unha mobilidade máis reducida na terra en comparación con outras especies próximas coma o Spheniscus magellanicus.[31] As súas plumas son curtas e ríxidas, con forma de punta de lanza, e repártense de forma compacta por toda a superficie da pel. Ten a maior densidade de plumas de tódalas especies de aves, cunhas 15 plumas por cm2.[32] Os seus músculos permítenlles manter as plumas erectas cando están en terra, retendo unha capa de aire xunto á pel que axuda a reducir a perda de calor. Por outra banda, son capaces de manter a plumaxe pegada ao corpo cando están na auga, realizando unha función impermeable, facendo así que a pel non entre en contacto directo coa auga.[33] Os pingüíns acicálanse co seu pico para facilitar este illamento e para manter a plumaxe aceitosa e impermeable.[34]

Os pingüíns emperador teñen a capacidade de manter a súa temperatura corporal dentro dun extenso rango de temperaturas estable sen ter que alterar o seu propio metabolismo. Este rango esténdese dende os -10 °C ata os 20 °C. Por baixo destas temperaturas o seu metabolismo acelérase de forma significante, aínda que poden seguir mantendo a temperatura corporal dende os -38 °C ata os -47 °C.[35] O seu metabolismo acelérase ao nadar, camiñar e ao tremer. Outra forma de aceleración consiste nun proceso de degradación das graxas mediante encimas, inducido pola hormona glicagón.[36] A temperaturas superiores aos 20 °C estes pingüíns axítanse debido ao incremento da súa temperatura corporal e a aceleración do seu metabolismo para incrementar a perda de calor. Cando isto ocorre son capaces de erguer as súas ás incrementando a superficie en contacto co aire nun 16%, o que axuda na perda de calor.[37]

Adaptación á presión e á falta de osíxeno[editar | editar a fonte]

Reconstrución dun esqueleto de pingüín emperador

A maiores do frío, o pingüín emperador ten que soportar outras condicións adversas. Entre elas, aturan un incremento de presión de ata 40 veces a da superficie, o que en moitos outros organismos terrestres causaría barotraumas. Os ósos dos pingüíns son sólidos, sen ocos cheos de aire, permitíndolles soportar este tipo de presións sen risco de sufrir danos.[32]

Cando se mergullan, o uso de osíxeno redúcese considerablemente. O seu ritmo cardíaco baixa ata entre 15 e 20 pulsacións por minuto, e varios órganos non esenciais permanecen inactivos, facilitando o aguante baixo a auga.[22] A súa hemoglobina e mioglobina son capaces de transportar osíxeno a baixas concentracións de sangue. Isto permítelles seguir actuando a niveis moi baixos de osíxeno que de non ser así resultarían na perda de consciencia do animal.[11]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

O pingüín emperador distribúese pola Antártida case en exclusiva entre as latitudes sur 66° e 77°, e adoita establecer zonas de cría en bloques de xeo estables preto da liña de costa. Estas colonias de cría adoitan localizarse en zonas onde os cantís de xeo e os icebergs serven como protección ante o vento.[20] Existen rexistros de tres colonias terrestres: unha xa desaparecida nunha restinga nas Illas Dion na Península Antártica,[38] outra nun cabo no glaciar Taylor dentro do Territorio Antártico Australiano,[39] e a máis recente delas na baía de Amundsen.[15] Dende 2009 rexistráronse varias colonias en superficies xeadas de lagoas interiores, no canto de na superficie xeada do mar nas costas.[40] As poboacións máis setentrionais atópanse na Illa Snow, preto do extremo norte da Península Antártica.[15] Tamén se teñen rexistrado individuos errantes na Illa Heard,[41]Xeorxia do Sur,[42] e no sur de Nova Zelandia.[6][43]

A poboación total estimouse no 2009 nuns 595 000 exemplares adultos, en 46 colonias coñecidas espalladas pola Antártida. Ao redor do 35% da poboación coñecida vive ao norte do círculo polar antártico. As principais colonias de cría localizáronse no cabo Washington, a Illa Coulman, a Estación de investigación Halley, o cabo Colbeck e o glaciar Dibble.[44] Sábese que as colonias poden flutuar no número de membros ao longo do tempo, chegando a dividirse noutras máis pequenas que se afastan do grupo maior, algunhas destas chegando a desaparecer por completo.[15] A colonia do cabo Crozier no mar de Ross viu o seu tamaño reducido drasticamente entre as primeiras visitas da Expedición Discovery en 1902 e 1903[12] e as seguintes visitas da Expedición Terra Nova en 1910 e 1911. Entre estas dúas reduciuse ata chegar a tan só uns poucos centos de aves.[45] Na década dos anos 1960 conseguiu recuperarse considerablemente,[45] aínda que no 2009 volveu verse reducida de novo ata unha poboación estimada duns 300 exemplares.[44]

Comportamento e ecoloxía[editar | editar a fonte]

Colonia de pingüíns emperador.

O pingüín emperador é un animal social. Os individuos que cazan xuntos coordínanse nos mergullos e saídas á superficie.[46] Os adultos poden viaxar durante a maior parte do ano entre as zonas de cría e as zonas de alimentación, dispersándose no océano dende xaneiro ata marzo.[6]

O investigador norteamericano Gerry Kooyman publicou en 1971 os resultados dun estudo no que se suxeitaron uns dispositivos de gravación automática a unha serie de exemplares para rexistrar os seus mergullos. Estes resultados indicaron que a especie podía acadar unha profundidade de ata 265 metros, pasando períodos de tempo baixo a superficie de ata 18 minutos.[46] Outro estudo semellante posterior revelou que unha femia acadara unha profundidade de 535 metros preto do estreito McMurdo.[10] Investigacións posteriores feitas cun só exemplar indicaron mergullos regulares ata os 150 metros en augas duns 900 metros de profundidade, e mergullos pouco profundos de menos de 50 metros intercalados con outros de máis de 400 metros en augas de 450 a 500 metros de profundidade.[47] Este comportamento suxeriu un padrón de alimentación feita preto do fondo mariño.[48]

Tanto os machos como as femias poden desprazarse ata 500 km dende as colonias na procura de comida para alimentar as súas crías, cubrindo unha área de entre 82 e 1454 km por individuo en cada viaxe. Os machos que retornan ao mar trala incubación diríxense directamente cara a zonas de augas abertas permanentes, chamadas polinias, ata uns 100 km de distancia da colonia.[47]

Os pingüíns emperador son uns nadadores eficientes. Cando nadan exercen presión con movementos cara abaixo e tamén cara arriba,[32] contrarrestando desta forma a flotación e mantendo a profundidade.[49] A súa velocidade media ao nadar é de entre 6 e 9 km/h.[50] En terra, pode camiñar cambaleándose cara os lados ou deslizarse sobre o seu ventre polo xeo, propulsándose coas patas traseiras e as ás. Coma tódolos pingüíns, non é capaz de voar.[8] Malia súa aparencia pode chegar a exercer unha forza considerable, demostrado nun caso particular no que un grupo de 6 persoas tiveron dificultades para atrapar a un exemplar co propósito de levalo posteriormente a un zoolóxico.[51]

Como defensa ante o frío, as colonias forman unha piña, en grupos de dez a varios centos de aves, apoiándose cada unha delas na que ten a carón. As crías adoitan xuntarse no centro destes grupos, ao ser aí onde o vento chega menos frío. Os exemplares que se atopan no exterior da formación móvense lentamente ao redor da mesma cara a un dos extremos e posteriormente cara ao centro, semellando un movemento conxunto en forma de onda, e facendo así quendas con outros exemplares no interior e no exterior do grupo.[52][53]

Alimentación[editar | editar a fonte]

A dieta do pingüín emperador consiste principalmente en peixes, crustáceos e cefalópodos,[9] malia que a composición exacta pode variar dunha poboación a outra. Os peixes adoitan ser a fonte de alimento máis importante, e o Pleuragramma antarcticum ocupa gran parte da súa dieta. Outras presas rexistradas inclúen outros peixes da familia Nototheniidae, o Psychroteuthis glacialis, o Kondakovia longimana, así como Euphausia superba.[48] O pingüín emperador adoita procurar o alimento nas aguas abertas do Océano Antártico e nas gretas do xeo da costa antártica.[20] Unha das estratexias de caza é a de mergullarse ata uns 50 metros de profundidade, dende onde pode detectar con facilidade peixes como o Pagothenia borchgrevinki nadando xusto baixo a superficie do xeo, nadando entón cara arriba para cazalo. Pode mergullarse de novo e repetir esta secuencia varias veces seguidas sen necesitar saír a superficie para respirar.[54]

Predadores[editar | editar a fonte]

Pingüín emperador atacado por un Hydrurga leptonyx

Entre os predadores dos pingüíns emperador atópanse tanto outras aves coma mamíferos acuáticos. O Macronectes giganteus é o predador principal das crías en terra, sendo responsable de ata un 34% das mortes de crías nalgunhas das colonias. O Stercorarius maccormicki adoita buscar comida nos cadáveres de crías mortas.[55] Os proxenitores das crías deféndenas destes ataques, malia que é habitual que sexan máis pasivos nos casos en que as crías presenten un estado de saúde deteriorado.[56]

Os únicos predadores coñecidos por atacar os pingüíns emperador adultos e saudables nas augas mariñas son mamíferos acuáticos. O Hydrurga leptonyx adoita cazar tanto a adultos como a individuos máis xoves cando entran na auga para alimentarse.[57] As candorcas cazan principalmente a exemplares adultos, aínda que son capaces de atacar a pingüíns de calquera idade e tamaño unha vez atopados na auga.[56]

Apareamento e cría[editar | editar a fonte]

Os pingüíns emperador poden ter crías cando acadan os tres anos de idade, mais non adoitan ter as primeiras ata entre un e tres anos máis tarde.[24] O ciclo reprodutivo anual comeza co inverno antártico, en marzo e abril, cando as colonias de pingüíns adultos viaxan ata as zonas de cría, desprazándose entre 50 e 120 km terra dentro dende os bordos do xeo.[58] O comezo desta viaxe iniciase cando os días empezan a ser máis curtos. Algúns exemplares en catividade conseguiron reproducirse con éxito ao seren inducidos a isto mediante sistemas de iluminación que imitaban as horas de luz solar da Antártida.[59]

Ciclo vital biolóxico do pingüín emperador.

O cortexo comeza entre marzo e a abril, cando as temperaturas acadan uns mínimos de -40 °C. Os machos fican quedos no sitio apoiando a cabeza no peito e logo inhalan aire e fan unha chamada de cortexo que dura uns dous segundos. A continuación cambian de lugar na colonia, repetindo esta chamada. Cando atopa unha femia receptiva, ámbolos dous quedan de pé ou un fronte ao outro, estendendo a cabeza e o pescozo e mantendo a postura por varios minutos. Unha vez aparellados, camiñan xuntos pola colonia, a femia seguindo os pasos do macho. Antes da cópula, un dos membros da parella inclinase perante o outro, co bico apuntando cara ao chan, e logo o outro membro fai o mesmo.[60]

Os pingüíns emperador son monógamos en serie. Só teñen unha parella ao ano, manténdose fiel durante todo ese tempo. Tras este tempo, só un 15% mantén esta fidelidade de cara ao seguinte ano.[60] A estreita marxe de oportunidades de emparellamento semella ser unha influencia para isto, xa que a prioridade por aparearse habitualmente fai que descarten a espera pola parella do ano anterior.[61]

Os ovos de pingüín emperador miden ao redor de 12 × 8 cm.

As femias poñen un ovo de entre 460 e 470 gramos en maio ou comezos de xuño.[60] A súa forma semella en certa medida á dunha pera, son de cor branca e verde pálido, e miden ao redor de 12 × 8 cm.[58] Representan só o 2,3% do peso corporal da nai, sendo un dos ovos máis pequenos en relación ao peso materno de tódalas especies de aves.[62] O 15,7% do peso destes ovos correspóndelle á casca, que ao igual que noutras especies de pingüíns é relativamente grosa, o que minimiza o risco de rachadura.[63]

Trala posta do ovo as reservas nutricionais da nai quedan esgotadas, polo que coidadosamente pásalle o ovo ao macho antes de retornar inmediatamente ao mar para alimentarse durante dous meses.[58] Esta transferencia do ovo presenta dificultades, cunha alta probabilidade de que o ovo caia ao chan. Cando isto ocorre a cría falece rapidamente, xa que o ovo non é capaz de soportar as baixas temperaturas do chan conxelado. O macho pasa o inverno incubando o ovo apoiándoo nos pés e cubríndoo co seu corpo, durante uns 64 días consecutivos ata que a cría racha a casca e sae do ovo.[60] Esta especie é a única na que se ten observado este comportamento; no resto de especies de pingüíns ámbolos dous proxenitores fan quendas para incubar os ovos.[64] Cando a cría sae do ovo, o macho terá pasado uns 115 días dende a súa chegada a colonia sen tomar ningún alimento.[60] Para sobrevivir ao frío e aos ventos de ata 200 km/h os machos forman un grupo pechado, facendo quendas no interior do mesmo. Tamén se teñen rexistros nos que se poñen de costas ao vento para conservar a calor corporal. Nos catro meses que dura o proceso de viaxe, cortexo e incubación, os machos poden chegar a perder ata 20 kg de peso, pasando dos 38 kg iniciais a tan só 18 kg.[65][66]

A cría pode tardar entre dous e tres días en saír por completo do ovo, xa que a casca do mesmo resulta moi grosa. As crías acabadas de nacer son semialtriciais, cubertas só cunha fina capa de penuxe e dependen por enteiro dos proxenitores para alimentarse e manter a calor.[67] Se a cría sae do ovo antes de que a nai retorne, o pai aliméntaa cunha substancia callada composta dun 59% de proteínas e un 28% de lípidos, producida por unha glándula que se atopa no seu esófago.[68] A cría pasa un tempo variable denominado fase de garda, no que se mantén sobre os pés do proxenitor e cuberto polo corpo deste para protexerse do frío.[67]

Pingüín emperador alimentando a súa cría.

As femias adoitan retornar á colonia nun período de tempo variable, dende cando a cría sae do ovo ata uns dez días máis tarde, dende mediados de xullo ata comezos de agosto.[58] Atopa a súa parella entre os centos de membros do grupo mediante chamadas vocais e pasa a encargarse de coidar a cría, pasándolle o alimento regurxitado que leva almacenado no estómago. O macho deixa a colonia nese momento para pasar un tempo de ata uns 24 días no mar alimentándose antes de volver á colonia.[58] Os proxenitores fan quendas desta forma alternando a cría coa alimentación no mar.[60] Se o proxenitor que está a incubar non recibe o relevo antes de quedar sen enerxías volverá ao mar para alimentarse, abandonando a cría na colonia, que con toda probabilidade non será capaz de sobrevivir por si mesma.[69][70]

Pasados entre 45 e 50 días tras saír do ovo, as crías forman unha gardaría, agrupándose xuntos para manter a temperatura e protexerse. Neste período ámbolos dous proxenitores aliméntanse no mar e retornan de forma periódica para alimentar ás crías.[67] Estas gardarías poden conter ata varios miles de crías nun compacto grupo, sendo esenciais para a súa supervivencia nas baixas temperaturas da Antártida.[71]

A comezos de novembro as crías comezan a mudar a plumaxe, o que pode levarlles ata dous meses e habitualmente non completan cando marchan da colonia. Os adultos cesan a alimentación neste tempo. Entre decembro e xaneiro tódolos membros do grupo viaxan ata o mar aberto, onde pasan o resto do verán alimentándose.[57][72]

Relación cos humanos[editar | editar a fonte]

Illa Snow Hill na Antártida.

A especie foi capaz de reproducirse fóra da Antártida en SeaWorld San Diego, onde naceron máis de 20 novos membros dende 1980.[73][74] Considerada como unha especie bandeira, en 1999 había 55 individuos en catividade en zoolóxicos e aquariums de Norteamérica.[75] Na China, o primeiro exemplar nado en catividade fíxoo no Laohutan Ocean Park en agosto de 2010.[76] No Xapón, a especie mantense no Acuario Público de Nagoia e en Wakayama Adventure World, reproducíndose con éxito neste último.[77]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

En 2012 o pingüín emperador pasou de estar considerada como unha especie de preocupación menor a case ameazada pola IUCN.[1][78] Xunto con outras nove especies de pingüíns, pasou posteriormente a considerarse a súa inclusión no Endangered Species Act nos Estados Unidos. As causas principais do incremento deste risco son a diminución do alimento dispoñible polos efectos do cambio climático e a pesca industrial masiva. Outras das causas inclúen as enfermidades propias da especie, a destrución dos seus hábitats e o impacto dos humanos nas colonias.[79] Nun estudio de 1997 determinouse que os grupos de crías tornábanse máis inquedos ao aproximarse en helicóptero a uns 1000 metros delas.[80]

Un período anormalmente prolongado de temperaturas altas nos anos 1970 causou unha redución na cuberta xeada do mar, detectándose así mesmo unha redución dun 50% da poboación de pingüíns na rexión da Terre Adélie debido a un incremento na taxa de mortalidade nos adultos. Por outra banda, a taxa de éxito nos nacementos reduciuse co posterior incremento da cuberta xeada no mar. Por mor destas variacións, considerouse que a especie ten unha sensibilidade especialmente alta perante os cambios climáticos.[81] En 2009 a colonia das Illas Dion, que fora estudada de forma extensiva dende 1948, rexistrouse coma desaparecida despois dun continuo declive, sendo a primeira desaparición confirmada dunha colonia.[82]

Un estudo da institución Woods Hole Oceanographic Institution en xaneiro de 2009 determinou que os pingüíns emperador poderían estar no bordo da extinción cara ao ano 2100 debido ao cambio climático global. Este estudo valeuse dun modelo matemático para predicir como a perda do xeo mariño por mor do cambio climático podería afectar a unha gran colonia de pingüíns emperador na rexión Terre Adélie. O resultado do estudo foi a predición dunha perda do 87% da poboación da colonia, pasando de 3000 parellas reprodutivas en 2009 a 400 parellas reprodutivas no 2100.[83] En xuño de 2014 outro estudo da mesma institución concluíu que o cambio climático está a ser un factor de risco para as poboacións de pingüíns emperador, debido a perda do xeo mariño. Este novo estudo predixo que no 2100 todas as 45 colonias rexistradas desta especie terían unha redución moi considerable no seu número de individuos, na súa maioría pola perda do seu hábitat e a consecuente diminución do alimento dispoñible.[84]

Referencias culturais[editar | editar a fonte]

O ciclo de vida único desta especie nunhas condicións ambientais tan desfavorables foi descrita varias veces nos medios escritos e visuais. O explorador Apsley Cherry-Garrard declarou: "Tendo todo en consideración, non creo que ninguén máis na Terra pase peor tempo que un pingüín emperador".[85] O documental francés La Marche de l'empereur tivo unha extensa distribución en cines de todo o mundo en 2005, contando a historia do ciclo reprodutivo desta especie.[86][87] A especie foi tratada como tema principal en tres ocasións pola BBC con David Attenborough como presentador e narrador. A primeira ocasión foi no quinto episodio da serie de 1993 Life in the Freezer,[88] a segunda na serie de 2006 Planet Earth,[89] e finalmente a terceira na serie de 2011 Frozen Planet.[90]

O filme de animación Happy Feet de 2006 ten como personaxes a varios pingüíns emperador, sendo o protagonista un ao que lle encanta bailar. A pesar de ser unha comedia, considérase que é unha boa mostra do ciclo vital dos pingüíns emperador e que promove unha mensaxe subxacente máis seria advertindo das ameazas do cambio climático global e a diminución do alimento por mor da pesca masiva.[91] O tamén filme animado de 2007 Surf's Up ten como protagonista a un pingüín emperador ao que lle gusta facer surf.[92] Máis de 30 países teñen incluído a esta ave nalgúns dos seus selos: Australia, Reino Unido, Chile e Francia en particular teñen emitido este tipo de selos en múltiples ocasións.[93] A especie foi representada nunha moeda de 10 francos belgas de 1962 como parte dunha serie sobre expedicións antárticas.[94]

Notas[editar | editar a fonte]

Tódalas referencias en inglés agás cando se indica o contrario
  1. 1,01,1 BirdLife International (2012). "Aptenodytes forsteri". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Enciclopedia Galega Universal, t. 13 oite-pole, pp. 444-445, pingüín. 2. 4 pingüín emperador [port: pingüim-imperator; cast: pingüino emperador; ing: emperor penguin] [Aptenodytes forsteri, Fam dos esfeníscidos] Pingüín de case un metro de alto e duns 45 kg de peso...
  3. Diccionario Enciclopédico Galego Universal, t. 49 pete~pomo, p. 40, pingüín. 2. 2 pingüín austral emperador [Aptenodytes forsteri] Ave mariña, da familia dos esfeniscídos, que ten o corpo de gran tamaño, a cabeza e as costas de cor negra azulada, o peito e o ventre brancos, e a gorxa e os costados do pescozo amarelos.
  4. 4,04,1 John B. Dunning Jr., ed. (1992). CRC Handbook of Avian Body Masses. CRC Press. ISBN 978-0-8493-4258-5. 
  5. 5,05,1 Burnie D; Wilson DE, eds. (2005). Animal: The Definitive Visual Guide to the World's Wildlife. DK Adult. ISBN 0-7894-7764-5. 
  6. 6,06,16,26,3 Marchant, S; Higgins PJ (1990). Handbook of Australian, New Zealand and Antarctic Birds, Vol. 1A. Melbourne: Oxford University Press. 
  7. 7,07,17,2 Williams, 1995, p. 152
  8. 8,08,18,2 Williams, 1995, p. 3
  9. 9,09,1 Cherel Y; Kooyman GL (1998). "Food of emperor penguins (Aptenodytes forsteri) in the western Ross Sea, Antarctica". Marine Biology 130 (3): 335–44. doi:10.1007/s002270050253. 
  10. 10,010,1 Williams 1995, p. 89
  11. 11,011,1 Norris S (7 de decembro de 2007). "Penguins Safely Lower Oxygen to "Blackout" Levels". National Geographic. Consultado o 26 de marzo de 2008. 
  12. 12,012,1 David Attenborough (2014). Life On Ice. Attenborough's Natural Curiosities 2. 
  13. 13,013,113,2 Mougin J-L, van Beveren M (1979). "Structure et dynamique de la population de manchots empereur Aptenodytes forsteri de la colonie de l'archipel de Pointe Géologie, Terre Adélie". Comptes rendus de l'Académie des sciences (en francés) 289D: 157–60. 
  14. British Museum. "King penguin: The Forsters, King and Emperor". Explore/Highlights. Trustees of the British Museum. Consultado o 28 de xullo 2013. 
  15. 15,015,115,215,3 Wienecke, B. (2009). "The history of the discovery of emperor penguin colonies, 1902–2004". Polar Record 46 (3): 271. doi:10.1017/S0032247409990283. 
  16. Williams, 1995, p. 13
  17. Jouventin P (1982). "Visual and vocal signals in penguins, their evolution and adaptive characters". Adv. Ethol. 24: 1–149. 
  18. Baker AJ, Pereira SL, Haddrath OP, Edge KA (2006). "Multiple gene evidence for expansion of extant penguins out of Antarctica due to global cooling". Proc Biol Sci. 273 (1582): 11–17. PMC 1560011. PMID 16519228. doi:10.1098/rspb.2005.3260. 
  19. "Daddy Dearest". canada.com. 19 de xuño de 1910. Consultado o 21 de novembro de 2012. 
  20. 20,020,120,220,320,420,5 University of Michigan. "Aptenodytes forsteri". Consultado o 1 de xaneiro de 2008. 
  21. "Emperor Penguin, Aptenodytes forsteri at MarineBio.org". Marinebio.org. Consultado o 3 de novembro de 2008. 
  22. 22,022,1 Owen J (30 de xaneiro de 2004). ""Penguin Ranch" Reveals Hunting, Swimming Secrets". National Geographic. Consultado o 26 de marzo de 2008. 
  23. "Scientists find rare all-white emperor penguin". CDNN. Cyber Diver News Network. 8 de setembro de 2001. Consultado o 29 de marzo de 2008. 
  24. 24,024,1 Williams 1995, p. 159
  25. Williams 1995, p. 45
  26. Williams 1995, p. 47
  27. 27,027,1 Williams 1995, p. 68
  28. Robisson P (1992). "Vocalizations in Aptenodytes Penguins: Application of the Two-voice Theory" (PDF). The Auk 109 (3): 654–658. 
  29. Williams 1995, p. 107
  30. Williams 1995, p. 108
  31. C. Michael Hogan (2008). "Magellanic Penguin". GlobalTwitcher.com. 
  32. 32,032,132,2 Hile J (29 de marzo de 2004). "Emperor Penguins: Uniquely Armed for Antarctica". National Geographic. Consultado o 31 de marzo de 2008. 
  33. Williams 1995, pp. 107–108
  34. Kooyman GL; Gentry RL; Bergman WP; Hammel HT (1976). "Heat loss in penguins during immersion and compression". Comparative Biochemistry and Physiology 54A (1): 75–80. PMID 3348. doi:10.1016/S0300-9629(76)80074-6. 
  35. Williams 1995, p. 109
  36. Williams 1995, p. 110
  37. Williams 1995, p. 111
  38. Stonehouse, B (1953). "The Emperor Penguin Aptenodytes forsteri Gray I. Breeding behaviour and development". Falkland Islands Dependencies Survey Scientific Report 6: 1–33. 
  39. Robertson, G (1992). "Population size and breeding success of Emperor Penguins Aptenodytes forsteri at Auster and Taylor Glacier colonies, Mawson Coast, Antarctica". Emu 92 (2): 65–71. doi:10.1071/MU9920065. 
  40. Fretwell, P. T.; Trathan, P. N.; Wienecke, B.; Kooyman, G. L. (2014). "Emperor Penguins Breeding on Iceshelves". PLoS ONE 9: e85285. doi:10.1371/journal.pone.0085285. 
  41. Downes MC; Ealey EHM; Gwynn AM; Young PS (1959). "The Birds of Heard Island". Australian National Antarctic Research Report. Series B1: 1–35. 
  42. Clark, G S (1986). "Eighth record of the Emperor penguin Aptenodytes forsteri at South Georgia" (PDF). Cormorant 13 (2): 180–181. Consultado o 16 de maio de 2013. 
  43. Croxall JP; Prince PA (1983). "Antarctic Penguins and Albatrosses". Oceanus 26: 18–27. 
  44. 44,044,1 Fretwell PT; LaRue MA; Morin P; Kooyman GL; B Wienecke; N Ratcliffe; AJ Fox; AH Fleming; C Porter; PN Trathan (2012). "An Emperor Penguin Population Estimate: The First Global, Synoptic Survey of a Species from Space". PLoS ONE 7 (4): e33751. doi:10.1371/journal.pone.0033751. 
  45. 45,045,1 Stonehouse, B. (1964). "Emperor Penguins at Cape Crozier". Nature 203 (4947): 849. doi:10.1038/203849a0. 
  46. 46,046,1 Kooyman GL; Drabek CM; Elsner R; Campbell WB (1971). "Diving behaviour of the Emperor Penguin Aptenodytes forsteri" (PDF). Auk 88 (4): 775–95. doi:10.2307/4083837. 
  47. 47,047,1 Ancel A; Kooyman GL; Ponganis PJ; Gendner JP; Lignon J; Mestre X (1992). "Foraging behaviour of Emperor Penguins as a resource detector in Winter and Summer". Nature 360 (6402): 336–39. doi:10.1038/360336a0. 
  48. 48,048,1 Williams 1995, p. 156
  49. Lovvorn, J. R. (2001). "Upstroke thrust, drag effects, and stroke-glide cycles in wing-propelled swimming by birds". American Zoologist 41 (2): 154–165. doi:10.1093/icb/41.2.154. 
  50. Kooyman GL; Ponganis PJ; Castellini MA; Ponganis EP; Ponganis KV; Thorson PH; Eckert SA; LeMaho Y (1992). "Heart rates and swim speeds of emperor penguins diving under sea ice" (PDF). Journal of Experimental Biology 165 (1): 1161–80. 
  51. Wood, Gerald (1983). The Guinness Book of Animal Facts and Feats. ISBN 978-0-85112-235-9. 
  52. Pinshow B.; Fedak M.A.; Battles D.R; Schmidt-Nielsen K. (1976). "Energy expenditure for thermoregulation and locomotion in emperor penguins". American Journal of Physiology 231 (3): 903–12. PMID 970474. 
  53. Rebecca Morelle (2 de xuño de 2011). "Penguin huddle secrets revealed with time lapse footage". BBC News. Consultado o 4 de xuño de 2011. 
  54. Ponganis PJ; Van Dam RP; Marshall G; Knower T; Levenson DH (2003). "Sub-ice foraging behavior of emperor penguins" (PDF). Journal of Experimental Biology 203 (21): 3275–78. 
  55. Williams 1995, p. 40
  56. 56,056,1 Prévost, J (1961). Ecologie du manchot empereur (en francés). Paris: Hermann. 
  57. 57,057,1 Kooyman GL; Croll DA; Stone S; Smith S (1990). "Emperor penguin colony at Cape Washington, Antarctica". Polar Record 26 (157): 103–108. doi:10.1017/S0032247400011141. 
  58. 58,058,158,258,358,4 Williams 1995, p. 158
  59. Groscolas, R; Jallageas, M; Goldsmith, A; Assenmacher, I (1986). "The endocrine control of reproduction and molt in male and female Emperor (Aptenodytes forsteri) and Adélie (Pygoscelis adeliae) Penguins. I. Annual changes in plasma levels of gonadal steroids and luteinizing hormone". Gen. Comp. Endocrinol 62 (1): 43–53. PMID 3781216. doi:10.1016/0016-6480(86)90092-4. 
  60. 60,060,160,260,360,460,5 Williams 1995, p. 157
  61. Williams 1995, p. 55
  62. Williams 1995, p. 23
  63. Williams 1995, p. 24
  64. Williams 1995, p. 27
  65. Robin, J. P.; Frain, M.; Sardet, C.; Groscolas, R.; Le Maho, Y. (1988). "Protein and lipid utilization during long-term fasting in emperor penguins". Am. J. Physiol. Regul. Integr. Comp. Physiol. 254 (1 Pt 2): R61–R68. PMID 3337270. 
  66. Le Maho, Y.; Delclitte, P.; Chatonnet, J (1976). "Thermoregulation in fasting emperor penguins under natural conditions". Am. J. Physiol. 231 (3): 913–922. PMID 970475. 
  67. 67,067,167,2 Williams 1995, p. 28
  68. Prévost J; Vilter V (1963). "Histologie de la sécrétion oesophagienne du Manchot empereur". Proceedings of the XIII International Ornithological Conference (en francés): 1085–94. 
  69. Robin, Jean-Patrice; Boucontet, Laurent; Chillet, Pascal; Groscolas, René (1998). "Behavioral changes in fasting emperor penguins: evidence for a "refeeding signal" linked to a metabolic shift". Am. J. Physiol. 274 (43): R746–R753. 
  70. "Cold comfort". Life in the Freezer. Narrado por David Attenborough. BBC. Consultado o 3 de febreiro de 2015. 
  71. Williams 1995, p. 30
  72. Pütz, K.; Plötz, J. (1991). "Moulting starvation in emperor penguin (Aptenodytes forsteri) chicks". Polar Biology 11 (4): 253–258. doi:10.1007/BF00238459. 
  73. Todd, FS (1986). "Techniques for propagating King and Emperor penguins Aptenodytes patagonica and A. forsteri at Sea World, San Diego". International Zoo Yearbook 26 (1): 110–24. doi:10.1111/j.1748-1090.1986.tb02208.x. 
  74. "Animal Bytes – Penguins". SeaWorld. 2008. Consultado o 23 de marzo de 2008. 
  75. Diebold, EN; Branch, S; Henry, L (1999). "Management of penguin populations in North American zoos and aquariums" (PDF). Marine Ornithology 27: 171–76. Consultado o 31 de marzo de 2008. 
  76. Tong, Xiong (19 de agosto de 2010). "China hatches first emperor penguin". english.news.cn. Consultado o 28 de xaneiro de 2015. 
  77. "Penguin chick makes public debut". The Japan Times. 2 de novembro de 2011. Consultado o 28 de xaneiro de 2015. 
  78. "Recently recategorised species". Birdlife International. 2012. Consultado o 14 de xuño de 2012. 
  79. Burger J.; Gochfeld M. (2007). "Responses of Emperor Penguins (Aptenodytes forsteri) to encounters with ecotourists while commuting to and from their breeding colony". Polar Biology 30 (10): 1303–1313. doi:10.1007/s00300-007-0291-1. 
  80. Giese M; Riddle M (1997). "Disturbance of emperor penguin Aptenodytes forsteri chicks by helicopters". Polar Biology 22 (6): 366–71. doi:10.1007/s003000050430. 
  81. Barbraud, C.; Weimerskirch, H. (2001). "Emperor penguins and climate change". Nature 411 (6834): 183–186. PMID 11346792. doi:10.1038/35075554. 
  82. Trathan, P. N.; Fretwell, P. T.; Stonehouse, B. (2011). Briffa, Mark, ed. "First Recorded Loss of an Emperor Penguin Colony in the Recent Period of Antarctic Regional Warming: Implications for Other Colonies". PLoS ONE 6 (2): e14738. PMC 3046112. PMID 21386883. doi:10.1371/journal.pone.0014738. 
  83. Jenouvrier, S.; Caswell, H.; Barbraud, C.; Holland, M.; Str Ve, J.; Weimerskirch, H. (2009). "Demographic models and IPCC climate projections predict the decline of an emperor penguin population". Proceedings of the National Academy of Sciences 106 (6): 1844. doi:10.1073/pnas.0806638106. 
  84. Goldenberg, Suzanne (30 de xuño de 2014). "Emperor penguins at risk of extinction, scientists warn". The Guardian. Consultado o 28 de xaneiro de 2015. 
  85. Cherry-Garrard, A (1922). "introduction". The Worst Journey in the World. Carroll & Graf. p. xvii. ISBN 0-88184-478-0. Take it all in all, I do not believe anybody on Earth has a worse time than an emperor penguin 
  86. Bowes P (19 de agosto de 2005). "Penguin secrets captivate US viewers". BBC. Consultado o 23 de marzo de 2008. 
  87. "La Marche de l'empereur, un film de Luc Jacquet". empereur.luc-jacquet.com (en francés). Consultado o 19 de marzo de 2008. 
  88. Presentador – David Attenborough (1993). "The Big Freeze". Life in the Freezer. Tempada 1. Episodio 5. BBC. 
  89. Presentador – David Attenborough (2006). "Ice Worlds". Planet Earth. Tempada 1. Episodio 6. BBC. 
  90. Presentador – David Attenborough (2011). "Winter". Frozen Planet. Tempada 1. Episodio 5. BBC. 
  91. Lovgren S (16 de novembro de 2006). ""Happy Feet": Movie Magic vs. Penguin Truths". National Geographic. Consultado o 26 de marzo de 2008. 
  92. Lovgren S (2007). "Behind the Scenes of the New Movie "Surf's Up"". National Geographic. Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2008. Consultado o 26 de marzo de 2008. 
  93. Scharning K (2008). "Penguins Spheniscidae". Theme Birds on Stamps. Consultado o 29 de marzo de 2008. 
  94. Scharning K (2008). "Bird stamps from Belgium". Theme Birds on Stamps. Consultado o 29 de marzo de 2008. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Prado, Juan Manuel (1988). "Pingüinos". Natura: enciclopedia de los animales (en español) 4. Barcelona: Ediciones Orbis. ISBN 84-7634-548-8. 
  • Sánchez, R. (2009). "Pingüinos". Antártida - Introducción a un continente remoto (en español). Editorial Albatros. ISBN 9502412117. 
  • Williams, Tony D. (1995). The Penguins. Oxford University Press. ISBN 0-19-854667-X. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Pingüín_emperador&oldid=4443928"