Pobos do Mar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Pobos do mar")
Saltar ata a navegación Saltar á busca

Coñécese como Pobos do Mar a unha serie de pobos da Idade de Bronce que, a raíz da caída da cultura troiana, sobre o 1200 a.C. e da micénica, a finais do século XIII a.C. e, polo tanto, no comezo da Idade Escura, migran para Oriente Próximo.

Ramsés III derrotando aos Pobos do Mar.

Parece que se trata dun conxunto amplo e variado de poboacións que se fixeron ao mar buscando novas terras (migracións) ou simplemente intentando sobrevivir (a través da pirataría, as migracións continuas e mesmo a conquista de pequenas cabezas de ponte). As razóns polas que se foron ao mar deben buscarse nun proceso non demasiado longo que vai a partir da guerra de Troia á destrución da cultura micénica. Os aqueos gañaron a guerra contra o seu rival económico, pero a súa forza quedou minguada e, mentres as poboacións da esfera de influencia troiana da Anatolia occidental e a Paflagonia empezaron a migrar, eles sucumbiron a novas ondadas migratorias provenientes do norte. Grecia foi asolada e só Atenas conseguiu sobrevivir.

Ao mesmo tempo, toda Asia Menor foi arrasada: Ugarit, Tarso, Hattusa. Todas sucumbiron aos que ían chegando, os hititas foron destruídos e mesmo Exipto sobreviviu a duras penas. Isto debeuse en parte a poboacións como os dorios e, en parte, aos propios pobos do mar. Como se dixo a miúdo o máis probábel é que fosen os restos das poboacións que fuxían das guerras e os invasores ou, simplemente, da pobreza. Eran todos ou fixéronse, pobos mariñeiros e navegaron polo Mediterráneo de leste a oeste e para o Norte, fundando cidades e reinos, aliándose con outros pobos ou sendo por eles absorbidos. Entre os Pobos do Mar máis coñecidos historicamente atópanse os Peleset, que finalmente se asentaron na Faixa de Gaza e deron o nome a Palestina.

Etnias[editar | editar a fonte]

Os Pobos do Mar que se coñecen historicamente poderían resumirse así:

  • Os Shardana, cuxo nome pode relacionarse co de Sardeña (Sardinia, Sardegna) e algúns autores len no texto fenicio dunha estela de Nora a locución be-shardan. Na cultura sarda dos nuraga megalíticos, as figuriñas broncíneas que representan a guerreiros aseméllanse notabelmente aos gravados de Medinet Habu e a outros restos chipriotas.
  • Os Lukka, que aparecen en textos amarnenses. Vivían das súas potentes frotas, custeando Chipre e o sur de Anatolia e realizando accións de pirataría. Parece que os hititas os consideraron como un verdadeiro Estado litoral.
  • Os Ekwesh ou Akawasha poderían ser os ahhiyawa dos hititas e é verosímil que se trate dos aqueos micénicos, gregos, acaso xa establecidos no occidente anatolio (a Mileto grega podería ser a Millawanda/Millawata dos textos hititas) e, que é a teoría máis aceptada.
  • Os Teresh ou Tursha, algún autor pon en relación o seu nome co hebreo Tarshish e co hispánico Tartessos.
  • Os Shekelesh relacionáronse con Sicilia e os sículos. Este pobo chegaría á illa tras seren rexeitados en Exipto por Ramsés III nunha das maiores batallas navais da historia.
  • Os Peleset son con case total seguridade os filisteos ou palestinos. Aínda que non aparecen na documentación de Hatti, a Biblia sitúaos procedentes de Kaftor, que podería ser Creta. Presentan trazos micénicos, aínda que outros autores prefiren situar a súa orixe na Siria setentrional ou no Cáucaso.
  • Os Tjeker lembran o nome de Teucro, lendario fundador de Salamina en Chipre, epónimo dos teucros (na Tróade). Similares aos peleset, talvez procedían de Anatolia e foron mencionados polos hititas. Ao parecer foron a rama mariñeira dun grupo no que os peleset serían do interior.
  • Os Denyen poderían ser os anatolios danuna mencionados en El-Amarna. A semellanza co nome dánaos relaciónaos cos aqueos, xa que é outro nome dos gregos micénicos. É posíbel que se aliaran cos peleset e os tjeker, compartindo con eles terras e asentamentos. Probabelmente fundíronse cos hebreos e, neste caso, serían as compoñentes do tribo de Dan, que vivía do mar.
  • Os Weshesh, poderían estar vinculados a Wilusha (IliónTroia en hitita), polo que se suxire que sexan os restos dos pobos troianos.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Pobos_do_Mar&oldid=4829213"