Portal:Lugo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
LUGO PORTAL.jpg
Escudo de Lugo 3.svg

Lugo é unha cidade galega, capital da provincia de Lugo e da comarca homónima. Fundada no ano 25 a.C. por Paulo Fabio Máximo, é unha cidade de orixe romana e a máis antiga de Galicia. Construída nas proximidades dun castro, na época romana recibiu o nome de Lucus Augusti. Son testemuña dos seus primeiros anos de historia os numerosos restos romanos, moitos deles conservados no Museo Provincial, e sobre todo a Muralla Romana, única no mundo que conserva todo o seu perímetro e declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000.

Ao longo da súa historia ocorreron tanto épocas de abandono como importantes momentos na historia do país, dende a xuntanza no ano 842 dun grande exército galego para conquistar Oviedo e entronizar a Ramiro I como primeiro rei da dinastía galega, ata o pronunciamento do Coronel Miguel Solís, que daría comezo á Revolución Galega de 1846.

Xeograficamente, a cidade atópase situada nun outeiro, nas terras do Alto Miño, e circundada polo propio río Miño, ademais doutros máis pequenos como o Mera. O concello, incluído na Reserva da Biosfera "Terras do Miño", é o segundo máis extenso de Galicia, e no que no ano 2014 habitaban 98.560 persoas, o que supón que sexa o cuarto de Galicia en poboación despois de Vigo, A Coruña e Ourense.

O xentilicio dos habitantes de Lugo é lucense ou tamén lugués. Lugo é unha cidade comercial e de servizos, cun campus universitario especializado en Ciencias Agrarias (Veterinaria, Montes...). Destacan tamén as populosas festas realizadas na cidade como o Arde Lucus, que relembra o pasado romano e castrexo da cidade, e o San Froilán, que cada ano atrae á cidade do 4 ao 12 de outubro a máis dun millón de visitantes.

Artigo destacado

editar

LOAISA (1593) - Concilium apud Lucum.jpg
O Concilio de Lugo (a. 569) foi un sínodo católico da Gallaecia convocado, segundo afirman os textos onde se conservou a noticia, polo rei suevo Teodomiro o 1 de xaneiro do ano 569 (era DCVIIª) "para confirmar a fe católica e por outras causas da Igrexa".

Así, finalizado o concilio canónico pasaríase á lectura dunha carta do rei na que, para a mellor administración do reino, convidaba aos padres conciliados en Lugo a ergueren novos bispados, e a elixiren, debido á grande extensión do país, unha outra sé metropolitana; escolleron entón os bispos a sé de Lugo para que fose metropolitana "así como Braga", e repartiron a cada catedral as dioceses e parroquias que lles correspondían, "para que non ocorrese entre os bispos contenda ningunha".

A ausencia de actas e documentos fixo dubidar a moitos historiadores de que realmente se tivera celebrado o concilio.

Lugar de interese

editar

Templo romano de Santalla de Bóveda.jpg
O templo romano de Santalla de Bóveda é un santuario tardorromano datado entre os séculos II e IV, situado na parroquia de Santalla de Bóveda de Mera, concello de Lugo, a uns 14 quilómetros da capital. Está semisoterrado a carón da actual igrexa de Santalla. Foi descuberto en 1926 e os arqueólogos non souberon dar ata agora unha explicación segura da súa orixe e finalidade.

Admítese que se trata dun templo pagán, con diferentes teorías sobre a súa finalidade, cristianizado séculos máis tarde. Está considerado un unicum, ó non existir ningún outro edificio das mesmas características en todo o territorio ocupado polo imperio romano.

En 1931 foi declarado Monumento Nacional, e en 1985 Ben de Interese Cultural.

Imaxe destacada

editar

Igrexa de San Froilán. Praza de Ferrol. Lugo. Galiza.jpg
Igrexa de San Froilán, na Praza de Ferrol.
Vexa o artigo Festas de San Froilán.


Biografía destacada

editar

Fole-estatuaenLugo.JPG
Ánxel Fole, nado en Lugo o 11 de agosto de 1903 e finado na mesma cidade o 9 de maio de 1986, foi un escritor en galego e castelán que cultivou todos os xéneros literarios (narrativa, poesía, teatro e ensaio), aínda que a súa sona lle vén fundamentalmente dos seus libros de contos, recollidos en catro volumes. O día 5 de outubro de 1963, día de San Froilán (patrón de Lugo) Ingresou na Real Academia Galega, e en 1997 foille adicado o Día das Letras Galegas.

Na súa narrativa, herdeira de Álvaro Cunqueiro, Castelao e Otero Pedrayo, Fole presenta a xeografía dos lugares de montaña nos que viviu, así como os traballos, costumes, diversións etc. dos seus habitantes a mediados do século XX. A lingua dos seus relatos recolle a fala popular e inclúe abundantes vulgarismos, hipergaleguismos e dialectalismos, peculiares das zonas onde sitúa os feitos que conta. Os seus escritos achegan unha información etnográfica e antropolóxica fundamental do medio rural galego antes da chegada da mecanización. Os contos de Fole caracterízanse polo seu humor e polos temas esotéricos e misteriosos, ó xeito da narrativa oral tradicional galega.

Sabías que...?

editar

San Froilán


Artigos de calidade e bos

editar

Nuvola filesystems services.svg Artigos de calidade (2)

Crystal Clear action bookmark Silver.png Artigos bos (0)


Portais relacionados
Proyectos irmáns
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Portal:Lugo&oldid=4357997"