Portal:Santiago de Compostela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
COMPOSTELA PORTAL.jpg
Escudo de Santiago de Compostela.svg

Santiago de Compostela é a capital de Galicia (radicando, polo tanto nesta cidade, o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o IGE en 2014 tiña 95.800 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».

Por outra banda, tamén é a Sé Arcebispal galega, amais do destino das diferentes rutas que conforman o Camiño de Santiago, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade, distinción que tamén posúe o seu casco vello dende o ano 1985.

A cidade aséntase entre o monte Pedroso e o monte Viso, circundada polos ríos Sar e Sarela. Limita ao norte cos concellos de Val do Dubra, Trazo e Oroso, ao sur, con Teo, Vedra e Boqueixón, ao leste, co Pino e Touro e ao oeste, con Ames. Ademais da cidade de Santiago, o termo municipal comprende vinte e nove parroquias rurais. Por poboación é o quinto concello galego despois de Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo. Posúe unha densidade de poboación de 432,74 hab./km² (2011), e unha superficie de 220,6 km².

O nacemento de Santiago, como se sabe agora, está ligado á presumible descuberta dos restos do Apóstolo Santiago entre o 820 e o 835. O seu desenvolvemento débese á elevación ao rango relixioso dos restos, á Universidade e, na actualidade, á capitalidade de Galicia. A descuberta propiciou que Afonso II fixera unha peregrinación ao lugar. A nova axudou a que Compostela aparecese como un novo lugar de peregrinación da cristiandade, nun momento no que a importancia de Roma decaera e Xerusalén non era accesible por estar en poder dos musulmáns.

Artigo destacado

editar

Las Dos Marías (de frente) vandalizadas, Santiago de Compostela.JPG
As Marías, As dúas Marías ou, en menor medida, As dúas en punto, é o nome co que se coñece en Santiago de Compostela a parella formada polas irmás Maruxa (morta no 1983) e Coralia Fandiño Ricart (falecida no 1980), representadas dende hai anos nunha célebre escultura situada no parque da Alameda.

As dúas irmás eran uns populares personaxes da cidade polo feito de levar a cabo os seus paseos cotiás pola Zona Vella da cidade, durante as décadas dos cincuenta e sesenta, vestidas e maquilladas dun xeito estrafalario. Estes paseos, que tiñan lugar ás dúas en punto do medio día (de aí un dos seus alcumes), eran todo un acontecemento polo contraste que supuñan co gris ambiente que reinaba durante o franquismo.

Co paso dos anos, a historia das dúas irmás Fandiño foi caendo no esquecemento, ata que o veciño César Lombera conseguiu convencer no 1994 ao entón alcalde Xerardo Estévez, logo de nove anos propoñéndollo ao Concello, para que instalase unha escultura na súa lembranza. Por outra banda, o escritor e guionista Henrique Rivadulla Corcón realizou o documental Coralia e Maruxa, as irmás Fandiño, narrado por Farruco.

Lugar de interese

editar

Museo das Peregrinacións fachada Santiago de Compostela.jpg
O Museo das Peregrinacións e de Santiago é un museo de Santiago de Compostela centrado no fenómeno universal da peregrinación (con especial atención á xacobea) e no nacemento e desenvolvemento da cidade de Santiago ó redor da catedral e da peregrinación á tumba de Santiago o Maior.

Foi creado en 1951 grazas á iniciativa de Manuel Chamoso Lamas, co obxectivo de albergar os restos arqueolóxicos e outros elementos relacionados con Santiago de Compostela e coa peregrinación xacobea, se ben apenas tivo actividade ata 1996. Aínda así, demórase ata 2007 a publicación do instrumento legal do museo, xa baixo o nome actual de Museo das Peregrinacións e de Santiago. En 2012 ampliou as súas instalacións grazas á integración no museo do antigo edificio do Banco de España, na praza das Praterías, cambiando o nome e constituíndose nun museo descentralizado: está integrado pola Casa Gótica (o museo orixinal), a Casa do Cabido e este novo edificio.

Imaxe destacada
Biografía destacada

editar

Rosalía Castro de Murguía por Luis Sellier.jpg
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro, nada en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837 e finada en Padrón o 15 de xullo de 1885, é unha das meirandes escritoras en lingua galega así como tamén unha das principais responsábeis do Rexurdimento galego decimonónico. O 17 de maio, Día das Letras Galegas celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos.

Na actualidade, a figura de Rosalía de Castro e as súas creacións literarias continúan sendo obxecto dunha abondosa bibliografía e recibindo unha constante atención crítica, tanto no territorio galego como no estranxeiro.

É tal a aceptación e o interese que as obras desta escritora espertan no mundo, que nas últimas décadas os seus poemas foron traducidos a linguas como o francés, o alemán, o ruso ou o xaponés. O 24 de febreiro de 2015, o Doodle Google estivo adicado a Rosalía de Castro, para conmemorar o 178 aniversario do seu nacemento.

Sabías que...?

editar

Universidade de Santiago de Compostela.


Artigos de calidade e bos


Portais relacionados
Proyectos irmáns
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Portal:Santiago_de_Compostela&oldid=4712760"