Portugal dos Pequenitos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Portugal dos Pequenitos

Portugal dos Pequenitos é un parque temático situado no Largo do Rossio de Santa Clara (Coímbra), especificamente concibido e construído coma un espazo lúdico-pedagóxico para amosar aos nenos aspectos da arquitectura e da historia do Imperio Portugués. Construído entre finais da década de 1930 e principios de 1940, a concepción e a arquitectura do parque están profundamente influenciadas polo espírito nacionalista da época. O parque foi inaugurado o 8 de xuño de 1940.

Historia e descrición[editar | editar a fonte]

Proxectado polo arquitecto Cassiano Branco e construído por iniciativa do Professor Bissaia Barreto, o parque, cuxa construción se iniciou en 1938, permanece coma un dos parques temáticos adicados aos nenos máis visitados de Portugal, amosando construcións a pequena escala que representan monumentos e outros elementos da arquitectura e da Historia de Portugal.

O parque está organizado en tres zonas complementarias:

  • A primeira parte da construción, efectuada entre 1938 e 1940, está constituída polo conxunto de casas rexionais portuguesas: solares de Trás-os-Montes e Minho, casas típicas de cada rexión con maceiras, hortas e xardíns, capelas, aceas e picotas. A este núcleo pertence tamén o conxunto de Coímbra, espazo onde se atopan representados os monumentos máis importantes da cidade.
  • A segunda fase constitúe a área monumental, espazo ilustrativo dos monumentos portugueses do norte ao sur do país. Destaca a copia da xanela do Convento de Cristo (Tomar), obra en cantería do mestre Valentim de Azevedo.
  • A terceira fase, rematada a finais da década de 1950, engloba as representacións etnográficas e monumentais das antigas provincias ultramarinas africanas, do Brasil, de Macao, do Estado Portugués da India e do Timor Portugués, arrodeadas pola vexetación propia de estas rexións. Esta zona integra asemade monumentos dos arquipélagos das Illas de Madeira e das Illas Azores.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Portugal_dos_Pequenitos&oldid=4906915"